Blog · Xeodestino Ancares – Terras de Burón: destino de benestar en conexión coa natureza

Xeodestino Ancares – Terras de Burón: destino de benestar en conexión coa natureza

En 2025, o estudo Ambio situaba España á cabeza dos países máis desconectados da natureza a escala mundial. Esta realidade leva anos repercutindo na saúde mental e física dos españois, chegando mesmo a pasar factura de enorme transcendencia. Un recente estudo presentado a comezos de outubro de 2026 amosa que 7 de cada 10 españois afirman que o seu traballo prexudica a súa saúde emocional; outro sinala que as baixas laborais por trastornos mentais se dispararon un 365 % en sete anos entre a mocidade e que o gasto en incapacidade laboral medra un 228 % nunha década, o que se traduce nun custo para a Seguridade Social de 33.300 millóns de euros. Máis de 9,2 millóns de baixas en 2025. Son só algunhas cifras.

A realidade é que a vida urbana e a desconexión da natureza son fenómenos que van da man e que se desenvolveron nos últimos 200 anos dos 300.000 transcorridos desde que o xénero Homo xurdiu en terras africanas. Para entendelo con rapidez, abonda con pensar que o 99,99 % do noso tempo evolutivo o pasamos na natureza e só o 0,01 % na gran cidade. Evolutivamente non tivemos tempo a adaptarnos ao «novo hábitat» urbano. De aí que, cando estamos na natureza, o cerebro o interprete como un regreso á casa e desencadee unha serie de reaccións fisiolóxicas e bioquímicas que fan que acontezan procesos positivos no organismo.

Segundo Miles Richardson (Universidade de Derby, Inglaterra), a conexión do ser humano coa natureza diminuíu en máis dun 60 % nos últimos 200 anos. Os nosos hábitos de vida son, nunha porcentaxe moi maioritaria, a causa da tensión crónica mental e física da sociedade. A boa nova é que a neurociencia está a acudir ao rescate dos enormes beneficios que achega o contacto coa natureza para a saúde, e a necesidade de reconexión comeza a espertar un interese crecente na poboación, o que está a converter o turismo de benestar nunha tendencia á alza.

Ancares – Terras de Burón, unha farmacia ao aire libre en plena natureza

Diferentes estudos científicos encargáronse de demostrar nos últimos anos como os compostos orgánicos volátiles (chamados fitoncidas) que emiten as árbores e outras plantas son extraordinariamente beneficiosos. Estar pouco máis dun minuto nun bosque respirando estes compostos abonda para provocar o descenso do cortisol e doutros parámetros indicadores de estrés, diminuíndo a presión e a frecuencia cardíaca, acougando a respiración e o sistema nervioso ou incrementando a resposta do sistema inmunitario, entre outros efectos. Nin máis nin menos.

A montaña, continúa a afirmar a neurociencia, aumenta a concentración de osíxeno no sangue para nutrir os tecidos. Desde o punto de vista da psicoloxía ambiental, estes ambientes montañosos producen o efecto «Horizonte Aberto» e o silencio natural que tanto anhela o noso cerebro, así como o fenómeno da «Fascinación Suave», que remata por relaxar o noso órgano máis importante. Porque a clave —quizais a máis relevante— é que o cerebro (órgano que consume o 20 % da enerxía do organismo) precisa pausas para rexenerarse e eliminar as súas toxinas a través do sistema glinfático, o seu mecanismo natural de limpeza.

De xerar a enerxía encárganse as mitocondrias e, ao facelo, producen os coñecidos radicais libres, moléculas que cómpre neutralizar con antioxidantes para o correcto funcionamento celular. Velaí outra clave fundamental para o benestar: cal é o antioxidante e antiinflamatorio máis potente? A natureza, coa súa carga eléctrica negativa. Existen enclaves naturais que salientan pola súa potente carga ambiental negativa, e a auga en movemento dos ríos, regatos e fervenzas do xeodestino é o maior expoñente de todos eles. Deste xeito, o aire da montaña, cargado de ións negativos, reforza tamén o sistema inmunitario; ademais, a pureza dese mesmo aire exerce un efecto antienvellecemento grazas ao estímulo da produción de elastina e coláxeno. A cor do ceo e as radiacións solares asociadas aos amenceres e aos solpores, a observación do firmamento nocturno, a cor verde de fragas e prados e o ceo azul libre de contaminación están cheos de benestar… Mesmo o propio traxecto cara ao territorio xoga a favor da calma e da tranquilidade que o cerebro precisa, sendo a antítese da sobreestimulación urbana á que non pode responder axeitadamente e que, en consecuencia, acaba por esgotalo.

Son só algúns exemplos dos moitos beneficios que a natureza achega ao noso benestar.

Hai unhas semanas puidemos comprobar o interese que esta temática está a espertar a través dun curso formativo sobre neuronatureza e, mellor aínda, puidemos comprobar como, durante esa fin de semana, as persoas participantes tivemos a oportunidade de percibir en primeira persoa o enorme potencial (que xa é unha realidade tanxible) dos recursos naturais do xeodestino mediante actividades prácticas de conexión sensorial e baños de bosque.

Curso Formativo en plena natureza do xeodestino Ancares Terras de Burón
Formación «Benestar nos bosques da Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses» 

Alfonso Polvorinos. Biólogo especializado en ecoturismo e conexión coa natureza, e certificador FTHub de Paisaxes Terapéuticas. Autor de Neuronaturaleza.

Descobre todo o que o xeodestino ten para ofrecer en https://ancaresterrasdeburon.gal/

Que podes ler aquí?

Entradas relacionadas

Conxunto etnográfico O Cebreiro_Pedrafita do Cebreiro__
Xeodestino

7 museos no xeodestino Ancares · Terras de Burón para descubrir a vida na montaña

A montaña lucense é moito máis que paisaxe e sendeirismo; é un territorio vivo cheo de herdanza etnográfica,...
Destino astroturístico Starlight Os Ancares
Xeodestino

Destino Starlight: Gozar dos ceos estrelados dos Ancares a simple vista

A Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses garda un dos tesouros máis fascinantes da noite galega: a calidade...
Seimeira de Vilagocende (provisional)
Xeodestino

5 fervenzas agochadas nos Ancares Terras de Burón para gozar do verán.

O verán invítanos a baixar o ritmo, buscar a sombra e refrescarnos. E se che dixéramos que tamén...
Ancares Cycling
Xeodestino

Ancares Cycling Marathon: un desafío entre montañas que leva o nome dos Ancares por toda España

O vindeiro 9 de agosto de 2026, as estradas de montaña dos Ancares volverán converterse no escenario dunha...