Blog · 5 cousas que non esperas atopar cando visitas Ancares – Terras de Burón

5 cousas que non esperas atopar cando visitas Ancares – Terras de Burón

Cando pensas nunha escapada a un territorio como Ancares – Terras de Burón, que abrangue tres Reservas da Biosfera (Os Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá; Río Eo, Oscos e Terras de Burón; e Terras do Miño), seguramente imaxinas o que vas atopar: natureza en estado puro, bosques, montañas, ríos, fauna, flora e paisaxes que convidan a parar e respirar.

E, efectivamente, todo iso está aquí. E supera calquera expectativa: bosques de conto, cumes infinitos onde a vista se perde no horizonte e vales que deixan sen palabras.

Pero Ancares – Terras de Burón é moito máis ca unha paisaxe extraordinaria. Porque, máis alá da natureza que vés buscar, agárdache un territorio cheo de vida, de historias e de persoas que fan del un lugar único.

Quizais non esperarías atopar unha vida asociativa tan dinámica que enche de actividade os pobos, ou proxectos empresariais que apostan polo rural e demostran que aquí tamén hai futuro; museos e espazos que custodian un patrimonio cultural e histórico sorprendente; unha gastronomía cunha identidade propia ou tradicións que seguen moi presentes.

En definitiva, un territorio que non só se contempla: tamén se vive, se comparte e se descobre a través das persoas que o habitan.

Velaquí cinco tesouros que quizais non esperarías atopar cando nos visites:

Cociña de montaña: a memoria viva nos sabores da serra

Unha das mellores formas de coñecer a fondo un territorio é a través dos seus sabores. A cociña tradicional garda boa parte da memoria colectiva da montaña, e iso é exactamente o que ocorre en Ancares – Terras de Burón: receitas de sempre elaboradas con materias primas de proximidade que te achegan á esencia máis pura das nosas serras.

Aquí a gastronomía é unha experiencia 360°. Non só poderás saborear os produtos da montaña, senón tamén descubrir todo o que hai detrás deles: achegarte ás campas onde pastan as vacas e os tenreiros, coñecer os apiarios e cortíns tradicionais, descubrir os obradoiros artesáns onde se elaboran cervexas e embutidos ou achegarte ás viñas e adegas familiares que manteñen viva a viticultura no territorio. Unha oportunidade para coñecer de preto os lugares, os procesos e as persoas que dan vida aos sabores do territorio.

Cando nos visites, bótalle un ollo aos locais certificados co selo “Cociña de Ancares Terras de Burón“. Esta distinción garante que estás a comer en pequenos negocios de hostalaría que manteñen vivo o receitario tradicional da montaña e que traballan directamente con materias primas locais de máxima calidade.

Distintivo do selo cociña Ancares Terras de Burón

Ademais, durante a túa visita, fíxate nas estanterías de “A Despensa de Ancares Terras de Burón“, que poderás atopar en diferentes establecementos do destino, como aloxamentos e restaurantes. Nelas descubrirás unha ampla variedade de produtos elaborados no propio territorio: marmeladas, queixos artesáns, mel, viños e moitas outras delicias. Unha forma estupenda de coñecer os proxectos locais que hai detrás de cada produto, apoiar as persoas que apostan polo rural e levarte á casa un anaquiño dos sabores da montaña.

Produtos da Despensa dos Ancares

Feiras e mercados tradicionais: onde latexa a tradición viva da montaña

Se queres entender como latexa a vida no noso xeodestino, non podes perder as súas feiras e mercados tradicionais. Nestes espazos a actividade vai moito máis aló da compravenda: son verdadeiros puntos de encontro sociocomunitario onde a veciñanza se relaciona, comparte novas e mantén vivas as costumes de xeración en xeración.

Feira en Meira

Para quen vén de fóra, é a oportunidade perfecta de mesturarse co pulso cotián das vilas e cumprir co ritual que nunca falla: compartir unha cunca de viño novo e un bo prato de polbo á feira.

Para que poidas planificar a túa viaxe e cadrar con algunha delas, este é o calendario oficial de feiras e mercados mensuais do territorio:

  • A Fonsagrada: 1º e 3º sábado de mes.
  • A Pontenova e Meira: domingos alternos (un domingo celébrase na Pontenova e o seguinte en Meira).
  • Becerreá: días 3 e 19 de cada mes.
  • Pedrafita do Cebreiro: días 5 e 21 de cada mes.
  • Baralla: días 1 e 18 na vila de Baralla, e día 7 en Sobrado.
  • Láncara: días 2 e 17 na Pobra de San Xiao, e día 24 en Láncara capital.
  • Navia de Suarna: día 29 e 2º domingo de mes.
  • Baleira: día 12 de cada mes.
  • As Nogais: día 15 de cada mes (dedicada en exclusiva á degustación de polbo).
  • Pol: 1º venres de mes en Mosteiro. (Nos concellos de Cervantes, Negueira de Muñiz e Ribeira de Piquín non se celebran feiras periódicas).

Patrimonio histórico e arquitectura senlleira ao longo de todo o territorio

Ao percorrer Ancares – Terras de Burón decataraste de que cada recanto garda unha pegada patrimonial fascinante; un territorio cheo de historia e memoria viva que se mantivo a salvo do paso do tempo e que quizais non agardabas atopar nestas serras.

Un dos mellores exemplos é a impresionante Ruta das Fortalezas. A propia orografía e o relevo agreste da serra serviron historicamente como refuxio natural e paso estratéxico cara ao interior de Galicia, conservando bastións medievais ergueitos sobre as rochas: o Castelo de Doiras (Cervantes), as impoñentes atalaias de Doncos e Torés (As Nogais), ou o Castelo da Pobra de Navia / Altamira (Navia de Suarna), testemuñas directas das loitas señoriais e da defensa destas terras.

Castelo da Pobra de Navia

Pero o patrimonio tamén está nas construcións máis ligadas á vida cotiá da montaña. As pallozas, coas súas características cubertas de palla de centeo e orixe prerromana, son un exemplo extraordinario de adaptación á dureza do clima. Deseñadas para acoller persoas e animais baixo un mesmo teito, permitían conservar a calor e protexerse dos longos invernos de neve. Podes descubrir algunhas das máis representativas en Piornedo ou no Cebreiro. Pola súa banda, os cortíns ou alvarizas, altos muros circulares de pedra seca construídos nas ladeiras, amosan o enxeño empregado para protexer as colmeas e o mel dos ataques do oso pardo.

E para que poidas planificar o teu itinerario sen perder ningún destes tesouros, a web do xeodestino pon á túa disposición unha ferramenta moi visual e práctica: na sección “Que visitar“, podes seleccionar cada concello e consultar un mapa interactivo no que atoparás sinalizados os principais puntos de interese, organizados por categorías como arquitectura civil, relixiosa e popular, núcleos tradicionais, miradoiros, fervenzas, áreas recreativas ou restaurantes.

Un xeito cómodo e sinxelo de deseñar a túa propia ruta sobre o mapa antes de salir da casa.

Unha rede de museos que custodia a memoria viva

E se hai algo que quizais non esperabas atopar nun territorio como Ancares – Terras de Burón é a cantidade e variedade de museos e espazos etnográficos que custodian a memoria das súas montañas. Unha oportunidade estupenda para descubrir como se vivía e se traballaba antigamente, achegarte á sabedoría labrega e coñecer os oficios e as tradicións que forman parte da identidade destas terras. Sen dúbida, merecen unha visita!

Museo da Fonsagrada

Algúns dos museos que podes visitar cando veñas aos Ancares, son estes:

  • Museo Etnográfico da Fonsagrada (A Fonsagrada)
  • Palloza-Museo Casa do Sesto (Piornedo, Cervantes)
  • Conxunto Etnográfico de San Román (Cervantes)
  • Conxunto Etnográfico do Cebreiro (Pedrafita do Cebreiro)
  • MUVICLA – Museo Vivo da Integración do Campo e da Labranza (Láncara)
  • Aula de Interpretación da Pesca (A Pontenova)
  • Ecomuseo El País del Abeyeiro (Negueira de Muñiz)

Se queres afondar neles podes consultar a nosa miniguía Descubre os 7 museos imprescindibles en Ancares – Terras de Burón, no noso blog, neste enlace

Unha axenda chea de vida durante todo o ano

Outra das sorpresas que agardan en Ancares – Terras de Burón é a cantidade de actividades, encontros e propostas culturais que enchen de vida os seus pobos ao longo de todo o ano. Detrás desta axenda hai un tecido asociativo e veciñal moi activo, comprometido con manter viva a cultura, as tradicións e o legado destas terras.

X edición da Foliada da Fonsagrada

Obradoiros de artesanía tradicional, festas e celebracións populares, magostos, xornadas micolóxicas, concertos, roteiros e encontros culturais son só algunhas das propostas que poderás atopar ao longo das distintas estacións.

Para non perder ningunha destas experiencias durante a túa estancia, consulta a nosa axenda de eventos actualizada, onde atoparás as datas, os horarios e todos os detalles das actividades programadas.

E cando chega a hora de descansar? Outra sorpresa: A rede de aloxamentos que non esperas atopar.

Despois de descubrir todo o que Ancares – Terras de Burón ten para ofrecerche, quizais tamén che sorprenda a calidade e variedade da súa rede de aloxamentos rurais. Pequenos proxectos cheos de encanto, coidados ata o último detalle e cun confort que rompe calquera prexuízo sobre a montaña.

Un jacuzzi ao aire libre ou unha sauna con vistas á serra?

Aquí podes elixir desde descansar nun sofá xunto á lareira ou á cheminea de leña, contemplando as cores do bosque a través de enormes ventás panorámicas, ata relaxarte nun espazo hidrotermal, gozar dunha sauna ou mergullarte nun jacuzzi de auga quente ao aire libre con vistas directas aos cumes da serra. Plans que converten a propia estancia nunha experiencia.

Aloxamento no xeodestino do Ancares Terras de Burón
Aloxamento turístico no xeodestino Ancares Terras de Burón (Cabanas no Navia)

Iso si, ao tratarse de pequenos proxectos rurais con prazas limitadas, se tes pensado visitar o territorio durante as fins de semana ou en datas sinaladas, lembra reservar con antelación tanto o teu aloxamento como as comidas nos restaurantes locais.

Na web do xeodestino tamén atoparás ferramentas para organizar a túa escapada ao teu ritmo: rutas descargables de slow driving para gozar das estradas panorámicas, propostas de sendeirismo e BTT e un catálogo coas micropaisaxes máis singulares de cada recuncho.

Ancares – Terras de Burón: moito máis ca unha escapada á natureza

Despois de descubrir todos estes tesouros, entenderás que Ancares – Terras de Burón é moito máis do que imaxinabas. E, sobre todo, descubrirás unha forma diferente de viaxar: o verdadeiro sentido do ecoturismo.

Unha maneira de achegarse aos espazos naturais de forma responsable, coñecéndoos, gozándoos e respectando o seu equilibrio, pero tamén valorando a cultura, o patrimonio e a gastronomía que lles dan identidade. Porque viaxar así non só che permite vivir experiencias únicas, senón que tamén contribúe á conservación do territorio e ao desenvolvemento das pequenas empresas e comunidades locais que apostan cada día por manter viva a montaña.

Porque descubrir Ancares – Terras de Burón é tamén aprender a apreciar, respectar e coidar todo aquilo que o fai único.

Créditos das fotos:
  • Foto portada: Castelo de Doiras ( Cervantes)
  • Foto selo Cociña dos Ancares Terras de Burón: propiedade de Sons e Arte na Palleira– foto tomada nun evento na Casa do Crego (Cervantes).
  • Foto da Despensa dos Ancares: propiedade do GDR10 Montes e Vales Orientais
  • Foto da Foliada de Fonsagrada: propiedade do perfil de Facebook Foliada de Fonsagrada
  • Foto do aloxamento: propiedade de Cabanas do Navia (Navia de Suarna)

Que podes ler aquí?

Entradas relacionadas

Farmacia natural_ xeodestino
Xeodestino

Xeodestino Ancares – Terras de Burón: destino de benestar en conexión coa natureza

En 2025, o estudo Ambio situaba España á cabeza dos países máis desconectados da natureza a escala mundial....
Conxunto etnográfico O Cebreiro_Pedrafita do Cebreiro__
Xeodestino

7 museos no xeodestino Ancares · Terras de Burón para descubrir a vida na montaña

A montaña lucense é moito máis que paisaxe e sendeirismo; é un territorio vivo cheo de herdanza etnográfica,...
Destino astroturístico Starlight Os Ancares
Xeodestino

Destino Starlight: Gozar dos ceos estrelados dos Ancares a simple vista

A Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses garda un dos tesouros máis fascinantes da noite galega: a calidade...
Seimeira de Vilagocende (provisional)
Xeodestino

5 fervenzas agochadas nos Ancares Terras de Burón para gozar do verán.

O verán invítanos a baixar o ritmo, buscar a sombra e refrescarnos. E se che dixéramos que tamén...