O verán invítanos a baixar o ritmo, buscar a sombra e refrescarnos. E se che dixéramos que tamén pode ser a mellor época para seguir descubrindo o noso territorio? En Ancares Terras de Burón, as seimeiras e fervenzas convértense no refuxio perfecto para escapar da calor sen renunciar a explorar paisaxes cheas de vida e de encanto.
Arredor destes saltos de auga agóchanse frondosos bosques de carballos, antigos muíños de pedra e sendeiros que convidan a camiñar sen présas, acompañados polo son constante da auga. Un plan ideal para toda a familia, onde os máis pequenos poden vivir unha auténtica aventura e os maiores gozar da natureza no seu estado máis puro.
Prepárate para seguir o son da auga. Levámoste ata cinco seimeiras e fervenzas que agochan algúns dos recunchos máis fermosos e refrescantes do Xeodestino dos Ancares Terras de Burón.
- Seimeira e muíños de Parada (A Fonsagrada)
- Seimeira Pena dos Portelos (Ribeira de Piquín)
- Fervenza da Mexadoira (Riotorto)
- Seimeira de Vilagocende (A Fonsagrada)
- Fervenza de Sampaio (Baleira)
Consello ecoturista: Lembra que estas seimeiras e fervenzas forman parte de contornas naturais de gran valor ecolóxico. Cando as visites, respecta a fauna e a flora, camiña sempre polos sendeiros sinalizados e leva contigo todos os residuos. Pequenos xestos como estes axúdannos a conservar estes espazos para que poidan seguir sorprendendo a quen os visite
Seimeira e muíños de Parada (A Fonsagrada)
Se queres entender de golpe que é unha micropaisaxe, este é o lugar indicado. Preto da aldea abandonada de Parada atópanse dous muíños tradicionais (deteriorados pero en proceso de renovación) colgados literalmente dunha estreita parede rochosa.
- O máis especial: Ao seu carón cae unha espectacular fervenza de máis de 20 metros de altura e a seimeira pódese ver a través da xanela dun dos propios muíños. A abundante vexetación e o salpicar constante da auga crean unha atmosfera máxica.
- Como chegar: Está na parroquia de Carballido (A Fonsagrada), moi preto de Ribeira de Piquín. Dende a aldea de Gromaz, cóllese o camiño que baixa ata Parada e, dende alí, séguese o carreiro ata o leito do río.

Seimeira Pena dos Portelos (Ribeira de Piquín)
Unha fermosa fervenza duns 15 metros de altura que nos recibe tras atravesar un frondoso bosque cheo de carballos e castiñeiros centenarios.
- O máis especial: O último tramo do camiño é un festival de estímulos para os sentidos. Atoparás grandes troncos cubertos de musgo e liques, e unha estreita escaleira de pedra case oculta pola herba. Ademais, o canto das aves será protagonista de todo o percorrido: o merlo acuático, o paporrubio ou o rechamante vichelocrego europeo acompáñannos no paseo.
- Como chegar: Podes facer a ruta de sendeirismo completa (PR G-228), de 4,4 km, dende Chao de Pousadoiro. Como alternativa, tamén podedes iniciar o percorrido nun camiño situado na parte alta da montaña (á esquerda da LU-751, en dirección a Chao de Pousadoiro). Neste caso, a camiñada redúcese a algo menos da metade.

Fervenza da Mexadoira (Meira)
Hai lugares onde a natureza se fai sentir con toda a súa forza, e a Mexadoira é un deles. Encadrada nunha paraxe moi agochada, a atmosfera que se respira aquí é de absoluta desconexión.
- O máis especial: O son atronador da auga ao chocar contra as rochas é un espectáculo en si mesmo que fascina a calquera idade. É o lugar perfecto para sentar a merendar escoitando a forza da corrente.
- Como chegar: O acceso faise unicamente a pé (uns 3 km). Podes chegar a través da ruta de sendeirismo Miño-Eo, deixando o coche en Espido, ou seguindo o sendeiro sinalizado dende a louseira, onde poderás deixar o vehículo.

Seimeira de Vilagocende (A Fonsagrada)
Esta é a xoia da coroa. Estamos ante un espectacular salto de auga natural de máis de 50 metros de altura, considerado posiblemente un dos maiores de Galicia.
- O máis especial: É a máis accesible e espectacular para ir en familia. O camiño transcorre por unha fraga de postal e conta con pontes e pasarelas de madeira que facilitan moito o tránsito de nenos e maiores ata a lagoa que se forma ao pé da fervenza. Os xogos de luz filtrándose entre as árbores son incribles.
- Como chegar: Moi sinxelo: dende a vila de A Fonsagrada, podes coller a LU-721 durante uns 6 km ata o aparcadoiro habilitado. Dende alí, só hai que camiñar 1 km por unha pista cómoda ata a seimeira.

Fervenza de Sampaio (Baleira)
Tamén coñecida popularmente como o Pozo da Ferrería, esta fervenza dános a benvida sobre o propio curso do río Eo, rodeada por un idílico bosque de galería.
- O máis especial: Quizais non sexa a máis alta, pero o conxunto que forma coa súa pequena lagoa natural e a frescura do bosque convértena nun oasis nos días máis calorosos do verán. No camiño poderedes xogar a buscar as ruínas que lle dan o seu nome histórico.
- Como chegar: Saíndo do Cádavo en dirección a Meira pola LU-750, tómase o desvío á dereita no Pibidal. Dende alí continúase pola LU P-0405 cara a San Paio para iniciar o acceso.

Agora xa coñeces cinco das seimeiras e fervenzas máis fermosas do Xeodestino dos Ancares Terras de Burón. Se queres descubrir máis lugares coma este, invitámosche a visitar a nosa web.
Agardamos que este verán te animes a descubri e a seguir explorando un territorio onde a natureza sempre ten un recuncho novo que amosar.
Feliz verán e boa ruta! 🥾🌿



