V Feira do Mel de Montaña

Este sábado día 12 celébrase a V Feira do Mel de Montaña en Baleira, O Cádavo. Unha data sinalada para as persoas apicultoras da zona, que poñen á venda a súa nova colleita de mel.

Este evento arranca o día 11, venres, pola mañá, cun obradoiro da Asociación Corripa sobre polinizadores no CEIP de Baleira e pola tarde será o momento das charlas técnicas impartidas por Alberto Uría, que nos falará ás 17 horas sobre os tratamentos orgánicos contra a varroase e logo, ás 19 horas, Xosé Manuel Durán fará unha selección de cría de abella do país. Isto terá lugar na Casa da Cultura de Baleira.

O propio sábado, día 12, ás 9.30 comeza a feira, pero ao longo da mañá teremos obradoiro de cata de meles con Alberto Uría ás 11, visita de autoridades ás 13 horas e ás 13.30 haberá a presentación do produto turístico Cociña de Ancares Terras de Burón con entrega de distincións a socios certificados, entrega de premios do concurso de cata e entrega de premios do concurso Pintameles ao alumnado dos colexios. Pechará a mañá o Grupo Operativo Gayas presentando “La cocina de aldea en tu casa”.

Ás 20.00 horas haberá un magosto popular na carpa da praza do Concello e foliada a cargo da Asociación Toxo Queimados e grupos folcklóricos.

Follow us on Social Media