E se durante a túa próxima escapada á montaña puideses descubrir algúns dos mitos e lendas que forman parte da nosa cultura popular? Nos Apartamentos Sons do Eo, en Baleira, hai unha proposta que convida a deixar voar a imaxinación e achegarse ao patrimonio inmaterial de Galicia dunha maneira diferente.
A experiencia Mitos e Lendas de Galicia permite descubrir historias, crenzas e tradicións que durante xeracións formaron parte da vida das nosas aldeas. Unha actividade para coñecer ese universo de relatos populares que mestura misterio, natureza e memoria, e que nos axuda a comprender mellor a identidade destas terras.
A proposta complétase cunha estancia nos Apartamentos Sons do Eo, un lugar no que gozar da tranquilidade da contorna e tomar o tempo necesario para desconectar e descubrir o territorio. E, como non podía ser doutro xeito, a gastronomía tamén ten o seu protagonismo. A
experiencia inclúe unha degustación de produtos do Club de Cociña Ancares–Terras de Burón, unha oportunidade para coñecer e saborear elaboracións de produtores locais.
Para rematar, chega un dos momentos máis especiais da xornada: a preparación e degustación dunha queimada, acompañada da tradición e do ritual que a converten nunha das expresións máis singulares da cultura popular galega. Unha experiencia para descubrir que as historias tamén forman parte da paisaxe e que, ás veces, a mellor maneira de coñecer un territorio é escoitar o que ten que contar.



