Taller sobre experiencias de ecoturismo con Alfonso Polvorinos.
Alfonso Polvorinos é biólogo, formador e divulgador de Turismo de Natureza, Técnico en Ecoturismo e Turismo Sostible, ademais de organizador e asesor de viaxes de natureza. Sabendo todo isto, pódese dicir que é un dos maiores expertos a nivel nacional en ecoturismo e turismo natural.
Participou nas nosas xornadas sobre turismo sostible en espazos naturais no mes de xullo, mais de novo volve no mes de novembro á nosa comarca para dar un taller sobre experiencias de ecoturismo.
Nel, imos traballar sobre o concepto de ecoturismo e aprendermos técnicas para pasar dun turismo activo ao ecoturismo. Por outro lado, descubriremos o perfil do ecoturista e dos novos viaxeiros de natureza, unha modalidade cada vez máis en auxe. Tamén falaremos de produtos turísticos de ecoturismo para aprender a facer, con todo isto, unha experiencia turística de calidade.
Trátase dunha actividade destinada a todas as persoas interesadas, incluíndo titulares e traballadores de negocios de turismo. Desenvolverase en A Fonsagrada e Becerreá o día 3 de novembro.
Con Alfonso Polvorinos, continuamos o noso camiño cara un turismo sostible e para lograr ser realmente un destino ecoturista.