Muíño de pedra e fervenza no río Azúmara
Mazarocas de millo secando

Terras do Miño: auga, pan e memoria

Da orixe da auga ao oficio do pan e á memoria das aldeas

2 días
1 noite
Autoguiada · Autoguiada premium · Guiada
Cultura do pan · Ecoturismo · Gastronomía local · Patrimonio fluvial e hidráulico · Patrimonio histórico

Dous días para descubrir as Terras do Miño a través da auga, dos oficios tradicionais e da memoria das aldeas. Desde as pedras do Pedregal de Irimia ata os camiños fluviais de Pol, esta experiencia convida a coñecer un territorio no que os ríos, a agricultura e a cultura rural forman parte dunha mesma historia. Unha proposta que combina natureza, pequenos percorridos de sendeirismo, patrimonio histórico e gastronomía local, coa posibilidade de participar nun obradoiro de elaboración tradicional de pan ou empanada e descubrir os sabores da feira.

Descubre a experiencia

Antes de converterse nun dos grandes ríos de Galicia, o Miño nace entre pedras, fontes e paisaxes de montaña. Na contorna de Meira, a auga acompaña a historia do territorio e axuda a comprender como os ríos, os muíños e a agricultura marcaron durante séculos a vida das aldeas.

A experiencia comeza no Pedregal de Irimia, un singular espazo natural tradicionalmente vinculado ao nacemento do Miño. Desde aquí, un pequeno percorrido de sendeirismo permite descubrir a paisaxe e achegarse á importancia da auga como elemento esencial da natureza e da cultura rural.

A viaxe continúa no concello de Pol, onde a tradición do pan ofrece unha oportunidade para coñecer de preto un dos oficios máis representativos do mundo rural. A través dun obradoiro participativo, os visitantes poden descubrir os ingredientes, as técnicas e os saberes que transforman o cereal en pan ou empanada.

A contorna do río Azúmara e a Carballeira de Mosteiro completan esta primeira xornada, mostrando a relación entre os cursos fluviais, os antigos aproveitamentos da auga e a vida cotiá das comunidades rurais.

O segundo día está dedicado á memoria histórica e á gastronomía. O Mosteiro de Santa María de Meira permite descubrir a pegada da orde do Císter e a influencia que as comunidades monásticas tiveron na organización do territorio. Se a visita coincide coa celebración da Feira de Meira, a experiencia remata entre postos, produtos locais e especialidades tradicionais como o polbo á feira.

Unha escapada para comprender como a auga, o pan e a memoria seguen dando forma á identidade dun territorio que conserva vivos os seus saberes e tradicións.

O máis destacado

Pedregal de Irimia, un dos lugares tradicionalmente asociados ao nacemento do río Miño.
Paisaxes naturais e recursos fluviais da Reserva da Biosfera Terras do Miño.
Percorridos de sendeirismo para descubrir a relación entre a auga e o territorio.
Obradoiro participativo de elaboración tradicional de pan ou empanada.
Río Azúmara, Carballeira de Mosteiro e patrimonio hidráulico de Pol.
Mosteiro de Santa María de Meira e legado histórico da orde do Císter.
Feira de Meira e gastronomía tradicional, segundo calendario de celebración.

Galería

Programa da experiencia

Desprega cada día para ver o detalle do itinerario.

Día 1A orixe da auga e o oficio do pan
A orixe da auga e o oficio do pan

A primeira xornada comeza en Meira, cunha visita ao Pedregal de Irimia, un dos espazos naturais máis singulares da zona e tradicionalmente asociado ao nacemento do río Miño.

As grandes acumulacións de bloques de pedra e a paisaxe que os rodea permiten achegarse á xeoloxía, aos recursos hídricos e ás lendas vinculadas á orixe do río.

A visita constitúe unha primeira aproximación aos valores naturais da Reserva da Biosfera Terras do Miño e á importancia que a auga ten na configuración da paisaxe.

Sendeirismo e interpretación da paisaxe

A continuación, proponse realizar un percorrido curto de sendeirismo pola contorna de Meira, preferentemente seguindo un itinerario de carácter fluvial.

O obxectivo é descubrir a relación entre os cursos de auga, os bosques, os camiños tradicionais e os usos históricos do territorio.

A ruta prevista terá unha distancia aproximada de entre 4 e 8 km, segundo o itinerario finalmente seleccionado, o nivel dos participantes e as condicións do terreo.

O percorrido definitivo deberá comprobarse previamente, atendendo á súa sinalización, seguridade, dificultade e accesibilidade.

Tras a actividade, proponse un xantar nun restaurante local, con especial atención aos produtos de proximidade e á gastronomía tradicional.

O oficio do pan — Obradoiro participativo

Pola tarde, a experiencia continúa no concello de Pol, onde se propón participar nun obradoiro de elaboración tradicional de pan ou empanada.

Esta actividade permite achegarse a un dos saberes máis vinculados á vida rural galega, descubrindo o papel dos cereais, os ingredientes, o amasado e os fornos tradicionais.

Máis alá da elaboración dun alimento, o obradoiro ofrece unha oportunidade para comprender a importancia do pan na cultura popular, na economía familiar e na transmisión de coñecementos entre xeracións.

Casa Chaín, no concello de Pol, constitúe unha das propostas para desenvolver esta actividade, sempre segundo dispoñibilidade e confirmación das condicións do obradoiro.

A actividade poderá contratarse como complemento da modalidade autoguiada premium ou formar parte dunha experiencia organizada.

O río Azúmara e a Carballeira de Mosteiro

A última parte da xornada está dedicada á contorna do río Azúmara e á Carballeira de Mosteiro, dous espazos que permiten continuar descubrindo a relación entre natureza e actividade humana.

Proponse realizar un pequeno paseo interpretativo para coñecer a paisaxe fluvial, o bosque e os elementos do patrimonio hidráulico que se atopen accesibles.

O percorrido permite achegarse á importancia histórica dos ríos e dos muíños, así como ao papel que desempeñaron na agricultura, na elaboración de alimentos e na vida das aldeas.

A xornada remata coa chegada ao aloxamento e coa posibilidade de gozar dunha cea baseada na gastronomía local.

Escolle a túa opción

Día 2A memoria de Meira e os sabores da feira
A memoria de Meira e os sabores da feira

A segunda xornada comeza cun paseo polo núcleo histórico de Meira, unha vila estreitamente vinculada á presenza da orde do Císter e á historia agraria do territorio.

O Mosteiro de Santa María de Meira

Proponse coñecer o Mosteiro de Santa María de Meira, un dos elementos patrimoniais máis destacados da localidade e testemuña da importancia que tiveron as comunidades monásticas na organización do territorio.

A visita permite descubrir a historia do antigo mosteiro cisterciense, as características arquitectónicas da súa igrexa e a influencia que a vida monástica exerceu sobre a agricultura, os aproveitamentos da auga e a cultura rural.

Para quen desexe profundar no patrimonio histórico, existe a posibilidade de contratar unha visita guiada a través da Oficina de Turismo do Concello de Meira, segundo horarios, programación e dispoñibilidade.

Esta interpretación permite conectar a historia do mosteiro cos outros elementos da experiencia: a auga, a terra e a produción de alimentos.

A Feira de Meira e a gastronomía tradicional

Se a visita coincide co calendario de celebración da Feira de Meira, proponse completar a mañá cun percorrido polo seu ambiente tradicional.

A feira constitúe un espazo de encontro entre visitantes, produtores e veciñanza, onde descubrir produtos locais e achegarse ás tradicións comerciais e gastronómicas da comarca.

A experiencia pode rematar cun xantar típico de feira, con especialidades como o polbo á feira e outros produtos de tempada.

Nas fins de semana nas que non se celebre a feira, proponse unha alternativa gastronómica nun restaurante local, mantendo o protagonismo dos produtos de proximidade.

Tras o xantar, os visitantes disporán de tempo para pasear pola vila, realizar pequenas compras de produtos locais ou gozar da contorna antes de emprender a viaxe de regreso.

Escolle a túa opción

As actividades participativas, as visitas guiadas e os servizos de interpretación son contratables segundo modalidade e están suxeitos á dispoñibilidade dos provedores e ás condicións de reserva.

Onde comer

Ao longo da experiencia existen diferentes posibilidades para descubrir a gastronomía tradicional das Terras do Miño.

Recoméndase buscar establecementos de restauración nas contornas de:

Meira Día
Para o xantar da primeira xornada e a comida de despedida do domingo.
Pol Día 1
Onde se desenvolve a proposta vinculada á elaboración tradicional de pan ou empanada.
A Feira de Meira Día 2
Cando coincida coa súa celebración, como oportunidade para degustar o polbo á feira e outros produtos tradicionais.

Entre as especialidades destacadas atópanse o pan e a empanada artesanal, o polbo á feira e outras elaboracións vinculadas á gastronomía rural e aos produtos de tempada.

Na guía descargable incluiranse propostas de restaurantes, especialidades locais, contactos e recomendacións de reserva.

Onde durmir

A experiencia contempla unha noite de aloxamento en establecementos rurais do territorio.

Como zonas de referencia para a pernocta, proponse:

Meira e a súa contorna
Pola proximidade ao Pedregal de Irimia, ao patrimonio histórico da vila e ás actividades previstas para o domingo.
Pol
Como alternativa para quen desexe unha maior inmersión na contorna rural e nas actividades gastronómicas.

Entre os establecementos que se poden valorar atópanse Casa Cazoleiro, en Grañanova (Meira), especialmente como proposta de referencia para grupos organizados, e Casa Chaín, en Pol, como posible alternativa para parellas e pequenos grupos.

A elección do aloxamento estará suxeita á dispoñibilidade, capacidade e condicións de contratación de cada establecemento.

Na guía descargable incorporarase unha selección de aloxamentos recomendados, coa súa localización, características e información de contacto.

Información práctica

Dificultade

Baixa-media prevista. A experiencia combina visitas patrimoniais, pequenos paseos e un percorrido de sendeirismo. A dificultade definitiva dependerá da ruta seleccionada e das condicións do terreo.

Para quen é

Parellas, familias, pequenos grupos de amigos, persoas interesadas na natureza, na gastronomía, no patrimonio cultural e nas tradicións rurais. Tamén resulta adecuada para grupos organizados e público sénior activo, adaptando os percorridos ás características dos participantes.

Época recomendada

Outono · Primavera

Polas condicións habituais para camiñar e polo atractivo das paisaxes. O verán tamén permite gozar das actividades ao aire libre. Recoméndase valorar as datas que coincidan coa Feira de Meira, segundo o calendario de celebración.

Desprazamentos

A modalidade autoguiada está deseñada para realizarse en vehículo propio, combinando traxectos entre Meira e Pol con pequenos percorridos a pé. Na modalidade guiada, o transporte organizado dependerá dos servizos expresamente contratados.

Equipamento recomendado

Calzado cómodo ou de sendeirismo, roupa adaptada á meteoroloxía, impermeable e auga. Para os percorridos fluviais recoméndase prestar especial atención ao estado do terreo e aos posibles tramos húmidos. As visitas guiadas e os obradoiros deberán reservarse previamente.

Información e reservas

Escolle como queres vivir Terras do Miño: auga, pan e memoria!

Experiencia autoguiada

Descubre as Terras do Miño ao teu ritmo

Organiza a túa propia escapada descargando gratuitamente a guía da experiencia, con itinerarios, lugares de interese, mapas e recomendacións prácticas para descubrir Meira, Pol e as paisaxes da Reserva da Biosfera Terras do Miño pola túa conta.
  • Itinerario día a día
  • Lugares de interese e mapas
  • Restaurantes e aloxamentos recomendados
  • Recomendacións prácticas

Contrata a túa experiencia

Ti decides canto queres organizar

Se prefires contar coa axuda de profesionais, podes contratar a experiencia completa ou seleccionar unicamente os servizos que necesites.

Desde unha escapada organizada con aloxamento, actividades participativas e visitas guiadas, ata a contratación dun obradoiro de pan, unha visita interpretativa ou un aloxamento concreto.

Ti escolles como viaxar e nós axudámosche a facelo posible.

Consulta as opcións, dispoñibilidade e condicións coas axencias de viaxes colaboradoras:

Naviaventours
Volta Montana