Blog · O río Eo vertebra unha reserva da Biosfera moi heteroxénea

O río Eo vertebra unha reserva da Biosfera moi heteroxénea

Catro concellos do noso Xeodestino –Baleira, A Fonsagrada, Negueira de Muñiz e Ribeira de Piquín– forman parte da fermosa Reserva da Biosfera Río Eo, Oscos e Terras de Burón, un espazo especialmente protexido á beira do río que fai de fronteira natural entre Galicia e Asturias. Declarada con esta distinción pola UNESCO no ano 2007, trátase dun territorio cunha superficie total de 159.000 hectáreas, as que van desde o seu nacemento en Fonteo, no concello de Baleira (imaxe da esquerda), ata a súa desembocadura na ría de Ribadeo.

Xunto aos catro municipios incluídos no Xeodestino Ancares e Terras de Burón, esta reserva tamén abrangue os concellos de A Pontenova, Trabada e Ribadeo, na vertente galaica, e San Martín de Oscos, Santa Eulalia de Oscos, Villanueva de Oscos, San Tirso de Abres, Taramundi, Vegadeo e Castropol, en territorio xa astur. Dous terzos da superficie total (108.000 hectáreas) atópanse na comunidade autónoma galega e o resto (51.000) na veciña.

O río Eo é o gran protagonista desta reserva, xa que fai de fío para unir distintos sistemas ecolóxicos, desde a rasa cantábrica onde morre ata as serras litorais que forman o borde setentrional da meseta luguesa ou o altiplano da Fonsagrada, cos seus encaixados vales fluviais. A importancia do Eo pode comprobarse nos xeitos de ganarse a vida que desenvolveron os habitantes desta zona, onde destacan actividades como a pesca, o marisqueo e labores artesanais como os carpinteiros de ribeira ou os ferreiros, tradicións estas últimas cuxo legado aínda se conserva na actualidade.

A Reserva da Biosfera Río Eo, Oscos e Terras de Burón conta cunha flora moi variada e nos seus bosques podemos atopar faias acidófilas, carballeiras, castiñeiros, así como bosques mixtos ou de ribeira e sobreiras na zona de Negueira de Muñiz. Ademais, conta no seu interior con varios espazos protexidos dentro da Red Natura 2000. É o caso do curso medio e final do Eo, os bosques da Marronda, Carballido e Negueira, así como a praia das Catedrais.

En canto á fauna, é imprescindible falar das especies que acolle o curso fluvial máis importante desta reserva. No Eo conviven a lamprea, o mexillón de río, o cangrexo de río ou o salmón atlántico. Este último ten un importancia notoria durante cada mes de abril debido á tradición pesqueira da zona, xa que o primeiro que se pesca en cada temporada nos ríos que discorren por Cantabria e Asturias recibe o nome de ‘campanu’, seguindo a tradición asturiana. Con cada exemplar faise unha poxa pública na que a gran asistencia de persoas e restauradores que queren levar esta peza para o seu restaurante provoca que os prezos sexan moi elevados. Por iso son moitos os pescadores galegos e astures que se botan ao Eo na busca de ser o que o consiga esta primeira captura. No tocante aos mamíferos son importantes as poboacións de londra ou do rato almizclero ibérico.

Tamén destaca a riqueza cultural e arquitectónica deste espazo, onde podemos atopar pegadas dos primeiros poboadores do territorio con xacementos arqueolóxicos e notables exemplos de arquitectura megalítica e castrexa. En canto ao patrimonio arquitectónico, relixioso, civil e etnográfico, unha visita a esta reserva tamén permite contemplar expoñentes como a igrexa de Moreira, na Fonsagrada; ou as de Arante e a Devesa, en Ribadeo; así como o santuario de Conforto, na Pontenova. A nivel civil destaca a presenza de elementos indianos na zona da Mariña e xa no puramente etnográfico sobresaen os hórreos, pallozas, ‘cortines’ e aparellos hidráulicos para o aproveitamento do río Eo como son os muíños, batáns, mazos e ferreiros.

Finalmente, é importante sinalar que esta reserva da biosfera é tamén territorio xacobeo, xa que por ela discorren o Camiño Norte e o Primitivo, ambos declarados Patrimonio Mundial da Humanidade desde o ano 2015, feito que lle deu aínda unha maior dimensión internacional a este territorio. Dentro da pegada xacobea na zona destaca o antigo real hospital de Santiago de Montouto (imaxe da dereita), na Fonsagrada, que se fundou no ano 1357 e que se abandonou a mediados do século pasado. Era o primeiro albergue que se atopaban os peregrinos en Galicia no Camiño Primitivo.

Que podes ler aquí?

Entradas relacionadas

Taberna Boieiria, Baleira
Xeodestino

Pousada da Boiería, unha experiencia doutra época

Hai lugares que gardan moito máis do que vemos a primeira ollada. A Pousada da Boiería, situada en...
Arte na palleira
Xeodestino

Sons e Arte na Palleira. Música, cultura e experiencias no rural

Que teñen en común unha casa rural, un xardín comestible, unha ruta teatralizada e un concerto de música...
Sons do Eo Mitos e lendas
Xeodestino

Experiencia Sons do Eo, unha viaxe polos mitos e lendas de Galicia

E se durante a túa próxima escapada á montaña puideses descubrir algúns dos mitos e lendas que forman...
Castelo de Doiras- Cervantes
Xeodestino

5 cousas que non esperas atopar cando visitas Ancares – Terras de Burón

Cando pensas nunha escapada a un territorio como Ancares – Terras de Burón, que abrangue tres Reservas da...