Blog · A Gran Senda do Navia

A Gran Senda do Navia

A idea de contar cunha gran senda peonil e cicloturista que discorra paralela á beira do río Navia vai collendo forma e mesmo algúns tramos están xa sinalizados, grazas á implicación de distintos axentes e promotores tanto na marxe galega como na asturiana. A Gran Senda do Navia pretende ser unha vía de algo máis de 400 quilómetros que una Os Ancares galegos co Mar Cantábrico, xa que partirá da aldea de Busnullán (Pedrafita do Cebreiro), o lugar onde nace o río Navia, coa vila asturiana de Navia, onde as súas doces aguas acaban xuntándose coas salgadas do mar.

O río Navia percorre sete dos catorce concellos que forman o noso Xeodestino. Concretamente, logo de formarse dentro do municipio de Pedrafita do Cebreiro, ábrese paso por As Nogais, Becerreá, Cervantes, Navia de Suarna, A Fonsagrada e Negueira de Muñiz. Unha vez superada a fronteira que divide Galicia e Asturias, son nove os concejos asturianos polos que serpentea este río. Trátase de Ibias, Grandas de Salime, Pesoz, Allande, Illano, Boal, Villayón, Coaña e finalmente Navia.

Dinamización do territorio

A creación desta senda ten como obxectivo axudar na dinamización de todos os territorios que atravesa o río Navia con iniciativas que buscan, por exemplo, impulsar o turismo activo e o de observación da natureza, xa que pasará por lugares moi fermosos e dun interese para a conservación da biodiversidade excepcional. Non en van, o río discorre por zonas protexidas como as Reservas da Biosfera dos Ancares e a do Río Eo, Oscos e Terras de Burón, así como as Serras de Carondio e Valledor, xa na comunidade astur. Os que se animen a percorrela poderán coñecer tamén infraestruturas como o encoro de Salime, que axuda a compoñer unhas paraxes espectaculares na zona de Negueira de Muñiz.

Ademais deste turismo activo e de natureza, tamén percorre espazos axeitados para todo tipo de ocio e desfrute, así como para desenvolver varios deportes relacionados coa auga.

Valor cultural

E tamén ten unha vertente cultural, xa que é un río que ten moito contacto cos camiños que levan a Santiago. Ao longo do seu curso, son tres as rutas xacobeas que cruzan o Navia e coas que, polo tanto, tería contacto tamén a gran senda do Navia. No seu nacemento, en Pedrafita do Cebreiro, abrázase ao Camiño Francés, mentres que en Salime faino co Camiño Primitivo e xa moi cerca da súa desembocadura recibe a bendición dos que se dirixen á capital galega a través do Camiño Norte

Ademais, por encima ou polas beiras do río Navia hai monumentos importantes e elementos artísticos e arquitectónicos cunha importancia sobresaínte como pode ser, por exemplo, a ponte de orixe medieval da Proba, un dos emblemas de Navia de Suarna e da Montaña luguesa.

Por último é importante salientar que tanto a saída como a chegada desta senda están moi ben comunicadas grazas á autovía A-6, no caso de Pedrafita do Cebreiro, e a A-8, no caso da vila de Navia. Isto facilitará sen dúbida que moitos visitantes se acheguen a coñecela e a gozar dunha vía que atravesa paraxes de unha beleza impresionante.

Que podes ler aquí?

Entradas relacionadas

blog_xatb_casadobico (2)
Xeodestino

Casa do Bico: habitar a montaña, compartir o territorio

Na ladeira da montaña, entre paisaxe aberta e silencio de Ferrañol, en Becerreá, atópase Casa do Bico, un...
eclipse solar galicia ancares terras de burón
Xeodestino

Ver o eclipse solar total de 2026 no xeodestino Ancares - Terras de Burón: unha experiencia única entre montañas

O 12 de agosto de 2026 Galicia converterase nun dos lugares privilexiados do mundo para observar un dos...
maranfallos
Xeodestino

Entroiro nos Ancares: cando a identidade se agocha para celebrar en comunidade

Nalgunhas zonas dos Ancares, o entroido chámase entroiro. E non é un detalle menor. O nome fala dunha...
foto_carbon_libro
Xeodestino

Aprender da montaña: educación ambiental para viaxar de maneira responsable

Cada 26 de xaneiro celébrase o Día Mundial da Educación Ambiental, unha data que nos convida a reflexionar...