Os Ancares convidan a mirar a montaña con outros ollos. Entre bosques, cumios e pequenas aldeas de pedra e palla, esta experiencia achega ao visitante a un territorio de gran riqueza natural e cultural.
A viaxe comeza no Bosque dos Grobos, un singular espazo natural onde as formacións rochosas e a vexetación crean unha paisaxe de gran atractivo. A continuación, o patrimonio histórico e as panorámicas da Torre de Doncos permiten descubrir outras caras deste territorio.
A segunda xornada ten como protagonista Piornedo, unha das aldeas máis emblemáticas dos Ancares, coñecida polas súas pallozas e pola súa localización nunha contorna privilexiada de montaña. Desde aquí pódense realizar pequenos percorridos sinalizados ou contratar rutas guiadas de maior dificultade cara aos cumios dos Ancares.
O domingo, a experiencia continúa polo Val do Rao e a contorna do Canón do río Ser, cun percorrido panorámico en coche, pequenas paradas e paseos para gozar da paisaxe e descubrir a vida das aldeas.
A viaxe remata en Navia de Suarna, cun xantar de despedida dedicado á gastronomía tradicional.









