Na contorna do río Eo, a natureza e a historia industrial comparten protagonismo. As antigas explotacións mineiras, os fornos e o trazado ferroviario lembran o pasado dun territorio que hoxe ofrece novas maneiras de descubrir a súa paisaxe a través do turismo activo.
A experiencia comeza na Pontenova, onde as grandes chemineas dos fornos mineiros permiten achegarse á historia da extracción e transformación do ferro. A visita pode completarse cun paseo pola natureza ou cun encontro co patrimonio artesanal da zona.
A segunda xornada está dedicada á aventura. A Vía Verde do Eo convida a percorrer antigos camiños ferroviarios entre bosques, túneles e pontes, mentres que as actividades de kaiak, bicicleta ou cuadriciclo permiten descubrir a contorna desde diferentes perspectivas. Para quen busque novas emocións, as tirolinas e as propostas vinculadas ao patrimonio mineiro completan a experiencia.
O último día, a viaxe continúa cara a Meira, onde o Pedregal de Irimia e o Mosteiro de Santa María permiten descubrir outros valores naturais e culturais do territorio. Se as datas coinciden coa celebración dalgunha feira local, tamén existe a oportunidade de achegarse aos produtos e tradicións gastronómicas da zona.
Unha escapada para combinar movemento, descubrimento e diversión, na que cada persoa escolle o seu propio nivel de aventura.








