Blog · 14 concellos en 7 días: A Fonsagrada e Negueira de Muñiz

14 concellos en 7 días: A Fonsagrada e Negueira de Muñiz

A nosa viaxe por 14 concellos en 7 días, lévanos pola Fonsagrada e Negueira de Muñiz  a coñecer o importante pasado que tivo o municipio fonsagradino e a beleza natural de Negueira de Muñiz, un pobo cuxa fisionomía cambiou por completo a construción do encoro de Salime a mediados do pasado século.

O paso do Camiño Primitivo e o seu pasado castrexo serán os nosos principais puntos de referencia no noso paso polo concello de A Fonsagrada. A primeira visita levaranos ata a aldea de Montouto, a uns nove quilómetros do centro urbano fonsagradino. Alí emerxen os restos dun hospital de peregrinos fundado no ano 1357 por Pedro I, rei de Castela, e que funcionou ata mediados do século pasado. Este Hospital de Montouto está en pleno Camiño Primitivo, o que fai que todo os peregrinos que apostan por esta ruta poidan achegarse a contemplar un centro que tivo unha importancia notable nos séculos pasados e que era o primeiro que se atopaban en Galicia.

A uns 15 quilómetros de Montouto atoparemos a seguinte parada da nosa ruta. Será no centro que forman a sauna castrexa e o castro de Castañoso (imaxe a carón). Rodeados dun entorno de enorme beleza, no que destaca un bosque frondoso ao carón do río Navia, aparece un castro parcialmente escavado e unha estancia descuberta recentemente que se considera que pode ser unha antiga sauna castrexa. Son unha boa mostra da importancia que tivo no pasado este territorio.

Ademais destas dúas visitas, A Fonsagrada ofrece tamén varias opcións para pasar unha animada xornada. Pódense coñecer todos os segredos da elaboración da cervexa artesá visitando o obradoiro de Cervexas A Píntega e desfrutar dun paseo a cabalo seguindo algunha das múltiples rutas que ofrece Equusfera, onde tamén se inclúen percorridos polo Camiño Francés e o Primitivo. Para finalizar o paso pola vila fonsagradina, unha visita á tenda da Asociación de Gandeiros da Fonsagrada (Asgafon) é fundamental para coñecer todos os produtos de proximidade, frescos e de máxima calidade que producen e probar algúns para recargar forzas, xa que dispoñen dun menú de semana formado por tres ou catro platos xa cociñados, e así poder seguir o camiño cara Negueira de Muñiz.

Neste segundo concello viaxaremos ata aldea de Ernes, un fermoso lugar con fontes, muros, casas, hórreos, camiños, bosques e mesmo un cemiterio que conforman un escenario fantástico para visitar e coñecer a fondo, achegándose tamén á historia da comuna que se asentou nesta aldea décadas atrás e que incluso serviu de argumento para varias películas e pezas audiovisuais.

A segunda parada en Negueira de Muñiz será no Muíño de Seira, un pequeno muíño de rodicio á beira dun río tamén pequeniño, pero que entre estes dous elementos, as pedras e o bosque conforman unha paraxe moi atractiva e digna de facerlle unha visita.

Neste concello de Negueira de Muñiz ten moita importancia o encoro de Salime, que partiu en dous o mesmo cando se construíu e tamén existe a opción de facer un percorrido en barca polo mesmo e descubrir onde se atopaban as antigas poboacións que foron absorbidas polas augas a mediados do século pasado.

Que podes ler aquí?

Entradas relacionadas

WhatsApp-Image-2025-08-08-at-12.17.16-scaled
Xeodestino

Torés Escapado 2025: a memoria que revive

O vindeiro 9 de agosto, a pequena aldea de Torés, no concello das Nogais, volverá transformarse nun escenario...
Cabanas_de_Ancares3
Xeodestino

6 empresas da Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses que teñen certificado de ecoturismo

A Casa do Bico, Naviaventours, a Casa O’ Crego, Las Cabañas de Ancares, o Hotel Piornedo e Equusquera son as seis empresas que ofrecen os seus...
Eo-Xunta
Xeodestino

4 empresas da Reserva Río Eo, Oscos e Terras de Burón con certificado de ecoturismo

A Tirolina da Mina (A Pontenova), Sons do Eo Apartamentos Turísticos (Baleira), a Casona de Labrada (A Pontenova)...
foto-grupo
Xeodestino

A 1ª Andaina Xubileo Ancares celebrouse entre San Pedro de Tortes e San Pedro de Cadoalla

A 1ª Andaina Xubileo Ancares, celebrada o pasado domingo 9 de febreiro, foi un auténtico éxito de participación e ambiente. Ducias...