Zonas de especial protección no Xeodestino

O noso xeodestino é un auténtico espectáculo natural e para os sentidos que acolle moitos espazos e áreas dignas de ser visitadas e desfrutadas. Moitas delas están ademais protexidas pola súa importancia a nivel natural, xa que acollen unha fauna e flora moi especial e nalgún caso única. Xunto ás tres Reservas da Biosfera que forman parte do Xeodestino –Ancares Lugueses, Río Eo e Terras de Burón e o Río Miño-, contamos con outras seis Zonas de Especial Conservación, as coñecidas como ZEC recoñecidas pola Rede Natura 2000. Nesta entrada contámosvos un pouco onde se sitúan e que nos ofrece cada unha delas.

Fraga da Marronda (A Fonsagrada e Baleira)

A Fraga da Marronda é un gran exemplo de bosque autóctono galego moi ben conservado e un dos mellores patrimonios naturais que conservan as Terras de Burón. Situado a cabalo entre os municipios de A Fonsagrada e Baleira, conta cunha superficie de 610,64 hectáreas e está localizado nunhas altitudes que van dos 500 aos 700 metros sobre o nivel do mar. Dela forman parte as aldeas de Braña, Fórneas, Mendreiras, O Real e Martín.

A Marronda reúne a un bo números de especies vexetais e animais, destacando sobre todas as primeiras, que lle confiren unha grande gama de aromas e tamén unha paleta de cores moi heteróxenea e cambiante durante o ano, xa que cada estación introduce un matiz diferente. En total son máis de 70 as especies de árbores e arbustos que conviven na Marronda, entre as que destacan o carballo, o castiñeiro ou a faia, xunto a acivros, salgueiros ou bidueiros. En canto aos animais sobresaen as poboacións de xabaril, corzo, azor, perdiz, cuco ou furón.

A beleza deste bosque autóctono galego invita a coñecelo e son varias as rutas de sendeirismo que o atravesan dirixidas a distintos niveis e idades. Así mesmo, tamén se poden facer outras actividades como saídas en bicicleta ou escalada, sempre apostando por un turismo responsable e sostible.

Pero A Marronda non é só patrimonio cultural, senón que tamén conta cun importante patrimonio cultural ao seu redor coa presenza de igrexas románicas, castros celtas ou muíños de auga que serven para coñecer a historia e as tradicións da zona durante os últimos séculos.

Carballido (A Fonsagrada e Ribeira de Piquín)

Carballido é outro fantástico e fermoso bosque que se estende polos concellos da Fonsagrada, Ribeira de Piquín e A Pontenova. Cunha superficie dunhas 4,6 hectáreas, sitúase nos barrancos de lousa do río Rodil e pequenos ríos de auga cristalina que desembocan no seu curso, converténdoo nun recuncho espectacular.

Ao longo e ancho deste bosque podemos atopar castiñeiros, abeleiras ou teixos moi antigos, entre os que destaca un no concello da Fonsagrada. Trátase do da igrexa de Santa María de Carballido, que está presente no Catálogo galego de árbores senlleiras e ten uns 300 anos, xa que se cre que foi plantado cando se construíu a mencionada igrexa de Santa María de Carballido, no século XVIII, templo do que está a carón. Os teixos asócianse á vida é á morte, polo que se plantaban como símbolo de vida ás portas das casas e de morte nas igrexas e cemiterios.

Mentres, no tocante á fauna, en Carballido pode atoparse un con maxestosas aguias reais, falcóns peregrinos, corzos, azores, gatos salvaxes, lobos ou mesmo un oso, polo que en cada visita se pode descubrir practicamente unha especie diferente. Carballido tamén ofrece varias actividades e distintas rutas de sendeirismo para desfrutar dun espazo único e que te conecta á perfección coa natureza.

Cruzul-Agüeira (As Nogais e Becerreá)

O aciñeiral de Cruzul e o souto de Agüeira forman un espazo natural diferente que se estende ao longo de máis de 618 hectáreas entre os concellos de Becerreá e As Nogais. Aínda que forma parte da rexión bioxeográfica atlántica, as súas peculiares características xeolóxicas permiten que convivan especies mediterráneas como as aciñeiras con especies autóctonas coma os castiñeiros, presentes no souto, que na súa parte máis alta incluso pasa a ser un bosque mixto debido á presenza tamén de carballos.

Esta zona de especial conservación incluída na Rede Natura 2000 garda auténticos segredos en forma de lugares case máxicos. É o caso do bosque dos Grobos, situado na parte baixa do souto de Agüeira. Os grobos son impoñentes floracións de rocha caliza modelada pola humidade que dan lugar a un ambiente cun encanto moi especial. Este bosque está ubicado xusto no límite entre os municipios de Becerreá e As Nogais, ao pé da Nacional VI, cruzando, se o noso punto de partida esta en Becerreá, a impresionante ponte de Cruzul, unha infraestrutura construída en tempos de Carlos III (século XVIII), o que amosa a importancia estratéxica que tivo o lugar no pasado, e que agora serve de acceso a este aciñeiral tan inesperado en terras galegas. É o situado máis ao norte de Galicia e está a 600 metros sobre o nivel do mar.

Negueira de Muñiz

O concello de Negueira de Muñiz tamén é unha das zonas protexidas pola Rede Natura 2000. O río Navia e o encoro de Salime, construído nos anos 60 do pasado século, son dous factores fundamentais para explicar o espazo de Negueira, que conta cunha extensión de algo máis de 4.500 hectáreas. O seu relevo é montañoso e moi accidentado, formándose ao redor do encoro vales e fortes pendentes que lle ofrecen aos visitantes a posibilidade de gozar dunhas paisaxes espectaculares.

Este espazo conta cunha gran biodiversidade axudado pola presenza do río Navia, o que lle confire unha gran variedade á súa flora e fauna. Destacan os bosques de árbores autóctonas como os carballos ou os castiñeiros, pero tamén se poden atopar outros formados por sobreiras, freixos ou amieiros. En Negueira de Muñiz tamén hai unha importante presenza da cultura vitivinícola, xa que nos seus vales e zonas de ribeira atopamos viñedos con distintas variedades de uva.

 

Este concello fronteirizo con Asturias, dividido en dúas partes polo encoro, é o menos poboado de toda Galicia e é un auténtico paraíso natural que garda grandes segredos de maxestosa beleza. É o caso do castiñeiral de Tallobre (foto da esquerda), na aldea do mesmo nome dentro da parroquia de Ouviaño, que conta ademais cun muíño restaurado. Trátase dun souto tradicional formado por castiñeiros centenarios que practicamente tocan o ceo e logo baixan polas ladeiras ata bicar o río Navia. Aínda que pode ser visitado en calquera época do ano, é moi recomendable facelo durante o outono pola potente gama de cores que adquiren as follas de castiñeiro.

Para practicar sendeirismo ou deportes de montaña e poder gozar dunhas boas panorámicas de gran parte do concello de Negueira de Muñiz, os amantes de montaña poden subir ata as serras de Busbeirón e A Curula. Ambas rodean o encoro de Grandas de Salime e os vales que teñen aos seus pés, que contan con recunchos naturais case intactos e acollen construcións típicas que se foron conservando ao longo do tempo.

Os Ancares-O Courel (Becerreá, Cervantes, As Nogais, Navia de Suarna e Pedrafita do Cebreiro)

Esta zona de especial conservación que abrangue as serras orientais luguesas ten algo máis de 100.000 hectáreas de extensión ao longo e ancho de cinco concellos do noso Xeodestino. Concretamente, forman parte del os municipios de Becerrerá, Cervantes, As Nogais, Navia de Suarna e Pedrafita do Cebreiro, aínda que tamén inclúe aos concellos veciños de Triacastela, Samos, O Incio, Folgoso do Courel, A Pobra de Brollón, Quiroga e Ribas do Sil. Os límites deste espazo coinciden nunha parte nos da Reserva da Biosfera dos Ancares Lugueses e montes de Cervantes, Navia e Becerreá, da que falamos máis amplamente noutro artigo deste blog.

Integrado nas rexións bioxeográficas atlántica e mediterránea, é un territorio con importantes contrastes paisaxísticos, xa que contén encaixados vales fluviais que percorren estas montañas e os seus puntos de maior altitude. Son o Pico Mustallar (1.924 metros sobre o nivel do mar), nos Ancares, e o de Formigueiros (1.643 metros), no Courel.

 

En canto á flora destacan os soutos de castiñeiros, as carballeiras ou as turbeiras altas, así como especies arbóreas coma os teixos, os acivros ou as sobreiras. Hai que facer unha parada especial en bosques tan singulares coma o faial da Pintinidoira (foto de Adela Leiro á dereita), que ocupa algo máis de dúas hectáreas nunha valgada onde tamén atoparemos acivros e outras caducifolias autóctonas, ou a Devesa da Rogueira, xa no Courel, popularmente coñecido como o último bosque galego e que conta cunha importante representación dun 40% das especies de flora de Galicia. Sitúase na falda norte do monte Formigueiros e nela podemos atopar pegadas da glaciación. Son moitas as rutas de sendeirismo que serven para coñecer máis a fondo toda este espazo de protección.

Zona de Especial Protección para as Aves

Asemade, parte deste espazo tamén está ocupado por unha Zona de Especial Protección de Aves (ZEPA) que abrangue varios municipios da parte galega, leonesa e asturiana chegando a superar os 126 quilómetros cadrados. No caso do noso Xeodestino volve tocar os concellos de Becerreá, Cervantes, Navia de Suarna, As Nogais e Pedrafita do Cebreiro. Son centos as especies de aves, insectos, reptís e mamíferos que se xunta nesta área protexida. Nos anos 80 do pasado século, aínda había constancia da presenza da pita do monte cantábrica (urogallo), grazas á calidade dos bosques, que permitía que acollera 14  lugares de canto, pero por desgraza rematou por extinguirse no comezo deste século. Era a que se atopa máis cara o occidente de toda a súa especie.

Río Eo (A Fonsagrada, Meira e Ribeira de Piquín)

Os tramos medio e final do Eo ao seu paso polos municipios da Fonsagrada, Ribeira de Piquín, Riotorto, A Pontenova, Trabada e Ribadeo forman a Zona de Especial Conservación deste río acreditada desde 2014 pola Rede Natura 200, que á súa vez conta cunha Reserva da Biosfera recoñecida pola Unesco. Gran parte deste recoñecemento especial vén dado pola presenza de especies como o salmón, a boga, o sábalo, a lamprea mariña ou o mexillón de río, todas incluídas nas directivas europeas reguladoras da Rede Natura.

O río Eo conta con tramos espectaculares no seu curso medio, o que ocupa aos municipios do noso Xeodestino, e antigos vestixios da riqueza que ofreceu este cauce fluvial aos veciños da zona. Un bo exemplo é o carreiro de pescadores da Ribeira de Piquín ou, xa fóra do noso Xeodesinto, a Vía Verde do Eo, que arrinca nos altos fornos de fundición da Pontenova e continúa durante uns 12 quilómetros ata desembocar en San Tirso de Abres, seguindo a pegada do antigo tren mineiro.  Pódese atopar máis información sobre as particulares do río Eo neste artigo deste mesmo blog.

Follow us on Social Media