O nacemento do Miño en pleno territorio do Xeodestino

O Xeodestino Ancares e Terras de Burón tamén ten un papel protagonista dentro da Reserva da Biosfera Terras do Miño, a máis grande de Galicia e a segunda máis extensa da Península Ibérica grazas ás súas case 364.000 hectáreas, o que supón abranguer o 39% do territorio da provincia de Lugo. Recibiu esta distinción por parte da UNESCO no ano 2002 e esténdese por 26 municipios da conca alta e media do río Miño, así coma polas súas beiras montañosas. No caso do noso territorio, son os concellos de Meira, Baralla e Láncara.

A Reserva da Biosfera Terras do Miño destaca por contar cunha paisaxe moi cambiante, desde os ecosistemas asociados á superficie de humidais da Terra Chá ata as turbeiras de cobertor existentes da Serra do Xistral, bordo norte da reserva, que son as únicas existentes no extremo meridional de Europa.

Aínda que se poida pensar que a reserva do río máis importante de Galicia e do Noroeste peninsular toca de raspallón o Xeodestino, non deixa de ser certo que o seu nacemento localízase nun destes tres concellos. O Pedregal de Irimia, en Meira (foto da dereita), é testemuña da orixe do Miño e polo tanto do inicio dos seus 315 quilómetros de augas, que van morrer no Océano Atlántico nun esteiro fermoso que serve de fronteira entre Galicia e Portugal.

Durante moito tempo debateuse sobre onde estaba o punto exacto de nacemento do Miño, algo que se disputaban a localización meirega e a Lagoa de Fomiñá, no veciño concello da Pastoriza. Determinar cal é a orixe concreta dun río importante non é doado, xa que en moitas ocasións nacen a partir de diferentes mananciais e arroios.

Non obstante, logo de varios traballos e estudos xeolóxicos púidose concluír que parte da Serra de Meira e o seu val están sobre unha gran balsa de auga, sendo o Pedregal de Irimia unha das fontes localizadas a maior altitude. Por iso se acreditou que este é o principal aporte de auga ao nacemento do Miño. Situado a máis de 700 metros de altitude e moi preto dos restos do poboado castrexo do Pico do Forno de Martín, está formado por unha importante cantidade de pedras depositadas durante miles de anos debido á acción dun glaciar.

Os que se acheguen ao Pedregal de Irimia poderán desfrutar dunha área recreativa e sinalización con toda a información sobre o nacemento do río máis importante de Galicia. Ademais, destacan dúas esculturas creadas por Manuel Pardo, artista nado en Seoane dos Vaos, no concello de Ribeira de Piquín, baixo os nomes de ‘O pregoeiro do tempo’ e o ‘Altar de Prisciliano’.

Ao longo do seu trazado sinuoso pola provincia de Lugo, o Miño conta con numerosas zonas de importante valor biolóxico e destaca a presenza de masas forestais de carballos e matogueiras húmidas. Mentres, a calidade e limpeza das súas augas posibilita a existencia de especies como as lontras, os mexillóns de río ou os espiñentos. Do mesmo xeito, a Reserva acolle unha gran diversidade de réptiles, insectos e aves acuáticas, con máis de 40 especies habituais e unhas 22 temporais que se refuxian nos seus humidais.

A Reserva conta con varios espazos naturais integrados na Rede Natura 2000 e a nivel do patrimonio cultural dos concellos polos que transita destaca o centro histórico de Lugo coa súa emblemática muralla, asentamentos castrexos como o de Viladonga, fortificacións como a de San Paio de Narla ou exemplos de arquitectura relixiosa como o mosteiro de Santa María de Meira (imaxe da dereita).  Asemade, varias rutas do Camiño de Santiago irmándanse co Miño. É o caso da Camiño Norte e do Primitivo, que contan ademais cun importantísimo patrimonio arquitectónico e inmaterial.

Finalmente, como non podía ser doutro xeito, tamén sobresae a presenza de patrimonio etnográfico ligado ao uso da auga, coa presenza de caneiros, muíños, mazos ou ferrerías que desvelan a importancia que tivo o Miño durante moitos séculos na vida cotiá e no traballo da veciñanza das súas ribeiras.

Follow us on Social Media