Xeodestino de cine

Filmando en lugares máxicos

Principais puntos de interese:

Queremos que descubras un auténtico plató de cine a ceo aberto. O Xeodestino Ancares Terras de Burón xa ten unha importante bagaxe como ‘estudo’ de cine, dado que nas últimas décadas acolleu a gravación dun bo feixe de películas e documentais.

Neste artigo guiarémoste para visitar aqueles lugares que están xa na historia do sétimo arte galego e español.

Duración aproximada:

Duración ruta

x horas

 

Que podes facer?

Aldea de O Cebreiro

Paseando polas empedradas rúas do lugar, métete no ambiente do Camiño de Santiago como fixo Martin Sheen en «The Way».

A maxia do bosque dos Grobos

Adéntrate nun lugar onde a natureza é a protagonista en calquera época do ano.

Un gran abano de tonalidades verdes con grandes castiñeiros e pedras que forman labirintos nos que perderse. Este espazo foi onde se rodou «El bosque y el Lobo», en 1970.

A soidade do rural

Descubre na aldea de Vilela, en Navia de Suarna, os escenarios de «O que arde», película do galardonado cineasta Oliver Laxe.

Coñece o Castro do Teso da Ermida e vive por un momento imaxinando o pasado castrexo desta terra.

O lobishome galego no Concello da Fonsagrada

Coñece os escenarios nos que se rodou «Romasanta», protagonizada por Elsa Pataki.

Visita a seimeira de Vilagocende. Con augas cristalinas é un plató único en calquera época do ano.

A volta ao comunal en Negueira de Muñíz

Descubre as paisaxes e escenarios onde naceu e medrou unha comuna a finais dos anos setenta do século XX. Como se ve na película «Vilamor».

Hoxe atoparás natureza, gastronomía, viño, mel…

Un escenario ensoñador

Descubre a simbiose entre natureza e monumentalidade no Pazo de Láncara.

A vexetación que serve de decorado ao entorno fainos voltar atrás no tempo ata chegar á típica casa do rural galego na que se rodou en 1988 «A los que aman».

Déixate marabillar…

 

… descubrindo que o Xeodestino Ancares Terras de Burón esconde as localizacións de varias importantes películas rodadas neste século. Os seus lugares naturais e cheos de maxia e lendas atraparon a algúns grandes directores para decidir gravar no territorio. Descúbreos e convértete en actor da túa propia película por un intre.

O roteiro por estes escenarios pode comezar na aldea do Cebreiro, inicio do Camiño Francés a Santiago para moitos peregrinos e inspiración para varios directores. Un deles foi o actor, produtor e director estadounidense de orixe galega Martín Sheen, que incluíu as centenarias pallozas desta localidade na súa película ‘The Way’. Tamén co Cebreiro como escenario e o Camiño de Santiago como protagonista atopamos a cinta ‘Al final del camino’, unha comedia romántica española dirixida por Roberto Santiago e estreada en abril de 2009. Fernando Tejero, Malena Alterio e Diego Peretti destacan no seu elenco de intérpretes.

Becerreá e o bosque dos Grobos

Desprázate ata o lugar de Agüeira, no concello de Becerréa, para descubrir outro escenario de cine que mesmo podería formar parte de calquera película da saga de ‘O señor dos Aneis’ pola maxia e o misterio que desprende o Bosque dos Grobos, outra das micropaisaxes do Xeodestino Ancares Terras de Burón.

Nel atopamos unhas descomunais rochas calcáreas modeladas co paso dos séculos nun confín de tonalidades verdes con grandes castiñeiros e que entre todos estes elementos debuxan formas únicas. Este espazo foi parte da inspiración de Pedro Olea para gravar neste bosque en 1970 esceas de ‘O bosque do lobo’, protagonizada por José Luis López Vázquez. Calquera época do ano é boa para descubrir este lugar onde castiñeiros centenarios únense ao musgo, os fentos e os tons marróns das follas de carballos e abeleiras.

 

Navia de Suarna – ‘O que arde’

Desde Becerreá deberás dirixirte agora a aldea de Vilela, no concello de Navia de Suarna, para coñecer o lugar no que se filmou gran parte da película de Óliver Laxe ‘O que arde’. Poderás descubrir a casa de Benedicta e onde pastoreaba as súas vacas Amador, entre outras moitas localizacións.

Ademais do valor artístico atoparás tamén densos bosques, sendeiros que atravesan profundos vales e ata un caso de medidas impresionantes como o Castro de Vilela. A súa orixe vincúlase á explotación de minerais, como ocorre noutros xacementos encontrados nos Ancares e nas Terras de Burón.

No seu entorno destacan especialmente algúns vellos castiñeiros que paga a pena contemplar tratando de descubrir formas e imaxes. Esta finca é propiedade privada, pero pode visitar respectando o entorno e especialmente a zona do xacemento. Podes informate con máis detalle na Asociación SER.

A Fonsagrada – Romasanta

Deixando o val onde se atopa Vilela dirixiraste á Fonsagrada para descubrir lugares cheos de maxia, misterio e natureza. No municipio fonsagradino atópase a Seimeira de Vilagocende, unha das paraxes escollidas por Paco Plaza en 2003 para a rodaxe de ‘Romasanta’, que reproduce a caza de Manuel Blanco Romasanta, coñecido como o home lobo de Allariz, que fora absolto no 1850 dos seus espantosos crimes por aducir licantropía. 

A Seimeira de Vilagocende é unha fervenza cunha caída libre duns 50 metros no río da Porteliña, polo que se trata dunha das máis grandes de Galicia. É un escenario óptimo para desfrutar da natureza e o territorio, ruxindo a auga especialmente nas épocas de chuvias. Nas frías aguas deste lugar foi onde se bañou a recoñecida actriz Elsa Pataky durante a gravación do filme de Paco Plaza.

Negueira de Muñiz – ‘Vilamor’

A próxima parada da viaxe será preto da Fonsagrada, xa no concello de Negueira de Muñiz, onde descubrirás a historia dunha comuna real. ‘Vilamor’ trasládanos ao ano 1976, cando un seminarista regresa ao seu pobo e atópase con que na aldea veciña hai instalada unha comuna alternativa que esperta recelos entre as forzas vivas da zona. Intentando convertelos acabará integrándose na comuna, descubrindo os valores dunha forma de vida alternativa e o amor, con todo o gozo e dor que iso supón. Pouco ou nada queda da comuna nos  lugares de Foxo e Vilar, pero en Negueira de Muñiz atoparás paisaxe, gastronomía, viño, mel e outros encantos. 

Historias de nobres e pazos en Láncara

Abandonando a montaña, viaxarás ata os tranquilos vales do concello de Láncara, un territorio que tamén foi protagonista de producións como ‘A los que aman’ (1988), de Isabel Coixet, ou a zarzuela ‘Maruxa’, do ano 1969. Ambas producións tiveron como protagonista algunhas das súas escenas o Pazo de Láncara. Natureza e monumentalidade abrázanse nunha edificación que é un bo exemplo da típica casa rural galega e que conta cun entorno verde magnífico.

Poderás descubrir ademais a Ponte de Carracedo, de orixe romana con continuidade durante a época medieval, época na que contaba cunha torre onde se cobraba o dereito a paso. Terás ao teu alcalce todos estes espazos de cine empregando o seguinte mapa.

Follow us on Social Media