Explorando Ancares Terras de Burón con Fran Lorenzo
Neste artigo queremos convidarte a percorrer o Xeodestino Ancares Terras de Burón sen desprazarte do sitio no que estás lendo isto. Pouco importa se estás lendo estas liñas desde o teu teléfono móbil, tablet ou ordenador; máis perto de nós ou máis lonxe, estamos seguros de que conseguiremos achegarte un pouco máis ao noso territorio.
Nos últimos meses estamos facendo unha colaboración con Fran Lorenzo, un creador de contidos que percorreu todos os rincóns do noso territorio entrevistando á xente que o habita. Estas conversas deron como resultado máis de 40 vídeos que Fran foi compartindo nas súas redes sociais (ligadas ao final deste artigo) e dous documentais sobre o xeodestino e os seus produtos turísticos.
Seguindo a nosa encomenda e recomendacións, Fran coñeceu aos produtores e establecementos que están detrás da Cociña de Ancares Terras de Burón, probou as experiencias Déixate Marabillar, percorreu a nosa Rede de Micropaisaxes e selou o seu Pasaporte Gastronómico en varias das feiras e festas gastronómicas que se celebraron estes meses.
O territorio a través dos seus protagonistas
Seguindo o fío do material que se creou para esta campaña, facemos un percorrido que nos leva a coñecer establecementos turísticos singulares, restaurantes, espazos naturais, monumentos, proxectos innovadores e persoas emprendedoras.
Podes ver todos os vídeos deste proxecto na canle de Youtube de Fran Lorenzo, nas súas redes sociais (Facebook e Instagram) e tamén na páxina web do GDR Montes e Vales Orientais.