A Vía Romana XIX, un pedazo imprescindible da historia do territorio

Foron múltiples e diversos os pobos que pasaron polo territorio do noso Xeodestino e se estableceron nel durante décadas e mesmo séculos. Pero non todos tiveron a mesma importancia nin deixaron a mesma pegada. Sen dúbida, entre eles seguramente os máis destacados foron os romanos, de quen se conservan aínda hoxe importantes vestixios nos Ancares e nas Terras de Burón.

Hoxe ímonos deter especialmente nun deles, a Vía Romana XIX do itinerario Antonino, unha calzada que servía para unir as tres capitais de convento da antiga provincia romana de Gallaecia. Trátase de Asturica Augusta (Astorga), Lucus Augusti (Lugo) e a cidade lusa de Bracara Augusta (Braga), pasando esta estrada tamén por Iria Flavia, en Padrón. Polo tanto, é unha vía que nun dos seus tramos máis destacados e mellor conservados atravesa o corazón do noso xeodestino, entrando no mesmo polo Comeal, no concello de Cervantes, e chegando á capital de provincia. Son uns 100 quilómetros dos que a maioría pertencen ao noso territorio, xa que tamén discorre polos concellos de Becerreá e Baralla.

Esta vía, xunto as outras que implementaron os romanos, foi imprescindible para a explotación comercial, así como para facilitar o control militar e a explotación mineira, no caso da número XIX. A pesar de que foi inaugurada no ano 11 d.c. logo dunha profunda reorganización do Emperador Augusto e era a máis longa do noroeste peninsular, cuns 500 quilómetros, aqueles vellos trazados romanos serviron de guía principal para moitas das obras de enxeñería civil da Galicia actual, como a rede de estradas, as vías de alta capacidade ou o ferrocarril.

Recuperación

O traballo de diferentes expertos e expertas, xunto á aparición de achados arqueolóxicos, permitiron que se recuperara o trazado que a Vía Romana XIX tiña polos Ancares, estando sinalado ademais con fitas de granito que van desde a fronteira coa provincia de León ata Lugo gracias ao proxecto Vías Atlánticas, que impulsaron diferentes administracións e que recibiu a axuda de fondos públicos europeos.

Son varios os colectivos que levan tempo intentando dar a coñecer esta vía e dinamizándoa a través de distintas iniciativas para que non se perdan as sinalizacións e siga sendo atractiva para a veciñanza e os visitantes. Por exemplo, a Agrupación Deportiva Bike Stop de Lugo realiza todos os anos unha ruta que cubre os 100 quilómetros desta antiga estrada romana pola provincia coa que buscan combinar un obxectivo deportivo e cultural, poñendo o foco nos valores históricos e culturais que atopan polo camiño e facéndolle unha chiscadela ao patrimonio que se concentra nesta ruta e nas súas proximidades.

Mentres, desde o Colectivo Patriminio dos Ancares e desde o IES de Becerreá ofrecen dúas opcións para percorrer esta antiga vía a pé, un xeito moi bo para coñecer a fondo todos os monumentos e vestixios que concentra. No caso dos primeiros, dividen os 100 quilómetros en cinco etapas. Uns 20 quilómetros por día adaptados aos camiñantes máis habituados a saír de ruta. A primeira discorre integramente polo concello de Cervantes e vai desde o Alto do Comeal, porta de entrada en Galicia, ata Doiras, cos restos do seu impoñente castelo.

 

A segunda tirada ten como lugar de chegada As Pontes de Gatín, no veciño concello de Becerreá, onde se cruza o río Navia a través da nomeada polos romanos como Ponte Neviae, estrutura na que se ergue un monolito cunha inscrición dos tempos de Carlos III. A terceira chega ata a suposta Timalino, en Baralla, un percorrido no que as obras de varias infraestruturas sacaron á luz moitos restos antigos da Vía Romana XIX.

A cuarta etapa xa deixa o noso Xeodestino para rematar en Tórdea, no concello de Castroverde, mentres que a quinta e última ten como lugar de chegada a cidade de Lugo. Sobre estas etapas e que se pode atopar en cada unha delas ofrecen abundante información no blog do Colectivo Patrimonio dos Ancares, publicación de referencia que recomendamos visitar para coñecer a fondo o patrimonio do noso territorio.

Finalmente, alumnos do IES de Becerreá levaron a cabo no ano 2018 un proxecto interdisciplinar sobre a Vía Romana XIX e o mundo romano-castrexo nos Ancares lugueses. No mesmo dividen os algo máis de 30 quilómetros desta calzada polos concellos de Cervantes e Becerreá en tres etapas, “para percorrer a pé, xantar e visitar con calma os lugares de interese”, apuntaban. A primeira vai desde O Comeal a O Fabal (14 km), a segunda comunica este último punto coas Pontes de Gatín (10 km) e a derradeira vai desde este enclave do concello de Becerreá ata O Cereixal (9 km). Desde o IES de Becerreá xa anticipaban no seu momento que “todo o percorrido é unha delicia, entre bosques, prados, camiños, corredoiras e aldeas”.

Follow us on Social Media