A Vía Künig

A Vía Künig é o camiño de ida e volta entre Alemaña e Santiago de Compostela que fixo o monxe xermano Hermman Künig entre o verán de 1488 e finais do 1490.

A de Künig foi unha peregrinaxe que pasou por catro concellos do noso Xeodestino: Pedrafita do Cebreiro, As Nogais, Becerreá e Baralla. Esta ruta que o monxe describiu con todo detalle quedou esquecida durante séculos pero na actualidade estase a traballar para a súa recuperación e estudo.

Künig peregrinou en varias ocasións á capital galega a través de distintos treitos coa particularidade de que deixou constancia desta viaxe a través dunha guía publicada en Leipzig (Alemaña) por primeira vez no ano 1495 e que foi reeditada ata en catro ocasións. Desta volta a saída da ida fixéraa desde o importante centro mariano de Einsiedeln, en Suíza, e a chegada de volta, logo do seu paso por Santiago, Burdeos ou París, localizouse en Aquisgrán, cidade vinculada a Carlomagno e territorio alemán hoxe en día.  

Trátase da primeira guía xacobea en alemán, que se di que escribiu por encargo do Prior Xeral da Orde dos Servitas, Antonio Alabanti. Coa mesma, o monxe buscaba ofrecerlle información do Camiño aos seus compatriotas que peregrinaban, ao igual que fixera no século XII o monxe Aymeric Picaud, a quen se atribúe a publicación do ‘Códice Calixtino’.

Unha guía de peregrinación detallada

Künig transitou na súa travesía a Santiago por territorios que actualmente pertencen a Alemaña, os Países Baixos, Bélxica, Suíza, Francia e España. Fixo uns 2.400 quilómetros de ida e outros tantos de volta acompañado doutros peregrinos como Jerónimo Fusco ou Emilia Fernández, a primeira peregrina da que se ten constancia.

Desde o pé dos Pirineos, Künig empregou basicamente o Camiño Francés, pero hai unha particularidade que diferenza a súa ruta. En León, no Bierzo e na entrada en Galicia a través da provincia de Lugo, o xermano optou por facer treitos diferentes aos do percorrido francés. Concretamente, tomou outra ruta entre San Martín del Camino e Ponferrada, así como entre Pedrafita do Cebreiro, onde ten a estatua que podemos ver na foto da dereita, e Lugo.

Estes treitos que fixo Künig estiveron durante moito tempo no esquecemento, pero foron pouco a pouco recuperados, estudados e promocionados grazas ao ben que foran retratados polo alemán no final da Idade Media.

Na súa guía incluíu incontables indicacións sobre a ruta, tales como a ubicación dos hospitais ou das igrexas, así como apuntamentos nos que Hermann avisaba sobre os lugares e a xente coa que se ían atopar os seus compatriotas no Camiño, o que lle outorga un valor incalculable a este traballo, xa que foron moitos os que empregraron esta guía para a súa peregrinación nos séculos posteriores e permítenos coñecer un pouco máis como era a sociedade desa época en distintas zonas de Europa.

Variante do Camiño Francés

A elección que fixo Künig nas provincias de León e Lugo non foi aleatoria ou por casualidade, senón que teñen unha xustificación.

No caso leonés, buscou un paso máis doado para evitar a altitude dos Montes de León, chegando á comarca do Bierzo por un cumio elevado a 1.100 metros sobre o nivel do mar, mentres que seguindo a ruta francesa tería que subir Foncebadón, cuxa cota está a 1.500 metros.

Repetiría a mesma dinámica entrando en Galicia, desviándose do actual Camiño Francés en Herrerías de Valcarce (León) para evitar a Costa da Faba do Cebreiro e o Alto do Poio. Deste xeito, a Vía Künig discorre por un territorio moito máis chan atravesando os concellos de Pedrafita, As Nogais, Becerreá, Baralla, O Corgo e finalmente Lugo, onde enlaza xa co Camiño Primitivo ata Santiago de Compostela.

Esta elección fai a peregrinación moito máis benévola sobre todo no inverno, cando a neve se converte nun enemigo para os camiñantes e dificulta moito o paso por algúns cumios. Na imaxe da esquerda, realizada por Javier Gómez Vila, un sendeiro da Vía Künig chegando a Pedrafita do Cebreiro.

A Vía Künig nos Ancares

Moitos peregrinos escollen os treitos da Vía Künig pola maior tranquilidade, ao non estar tan masificados como os do Camiño Francés, e tamén polas belas paisaxes que se poden desfrutar no percorrido.

Desde a entrada en Galicia ata Lugo, os preto de 100 quilómetros que compoñen a Vía Künig poden dividirse en cinco ou seis etapas, en función da dificultade que se queira afrontar. Nós imos deternos un pouco máis no treito que atravesa os municipios que forman parte do noso Xeodestino.

Co itinerario que decidiu tomar o monxe alemán na provincia de León, entraría a Galicia nunha etapa de 24 quilómetros que arrinca en Vilafranca do Bierzo e remata en Pedrafita do Cebreiro, onde atopamos a estatua dedicada ao propio Künig.

A segunda tirada en chan galego vai desde O Cebreiro ata as Nogais. Son 14 quilómetros seguindo o trazado do Camiño Real de Carlos III e con monumentos cercanos como a Fortaleza de Doncos, da que queda en pé a torre da homenaxe (imaxe da esquerda).

A terceira etapa é a que se pode dividir en dúas en función das forzas do camiñante. Vai desde As Nogais a Baralla nun percorrido de 25 quilómetros que se pode convertir en 11 e 14 se se fai noite en Becerreá.

Na primeira parte, xa no concello de Becerreá, pasa moi preto do aciñeiral de Cruzul e do bosque dos Grobos, unha espectacular formación de rochas kársticas. Ambos están protexidos pola Zona de Especial Conservación Cruzul-Agüeira.

Xa avanzando cara Baralla destaca o paso por varios templos como o santuario do Ecce Homo de Cadoalla (foto da esquerda), de orixe románica, ou a igrexa de Santa María de Constantín, que pertenceu á orde de San Xoán de Xerusalén. Nos arredores do camiño pódese desfrutar tamén do mosteiro de Santa María de Penamaior e outras igrexas románicas.

Unha vez chegados a Baralla, a Vía Künig abandona o Xeodestino camiño do Corgo, nunha tirada de 21 quilómetros como preludio da chegada á capital da provincia. O ultimo treito componse de 19 quilómetros e xa nas rúas da cidade amurallada entronca co Camiño Primitivo para tomar rumbo definitivo a Santiago de Compostela.

Asociación Cultural Vía Künig

Na web e nas redes sociais da Asociación Cultural Vía Künig, un colectivo que forma parte da Federación Galega de Asociacións do Camiño de Santiago e de cuxo arquivo sacamos a foto da estatua do monxe e do santuario de Cadoalla, pódese atopar moito máis información sobre a vía e unha análise moi ampla de cada etapa, co percorrido, as distancias e os lugares de máis interese que se atopan na senda dos peregrinos e nos seus arredores.

Presidida polo historiador Javier Gómez Vila, os seus integrantes levan feito un traballo inxente para impulsar e dinamizar esta variante. Os concellos que atravesa o camiño feito polo monxe alemán tamén traballan coa Xunta para que se recoñeza oficialmente esta ruta a Santiago. No 2019 realizouse un documental, ‘Vía Künig: 500 anos de peregrinaxe’, dirixido por Jaime Pardo Valdés e con Gómez Vila como protagonista, xunto ao fotógrafo Xosé Reigosa. É unha da múltiples iniciativas que levan impulsado nos últimos tempos diferentes persoas e colectivos para darlle pulo e conseguir o recoñecemento desta ruta.

Follow us on Social Media