Vía Künig

Seguindo os pasos de Künig

Principais puntos de interese:

Queremos que descubras unha vía alternativa ao Camiño Francés que che permitirá coñecer a fondo boa parte do Xeodestino Ancares Terras de Burón.

Trátase da Vía Künig, unha ruta creada e documentada polo monxe alemán Hermman Künig a finais do século XV e que avanza polo noso territorio a través dos concellos de Pedrafita do Cebreiro, As Nogais, Becerreá e Baralla, o que permite coñecer a fondo a Reserva da Biosfera dos Ancares Lugeses e os Montes de Cervantes, Navia e Becerreá. 

Duración aproximada:

Duración ruta

1 día

 

Que podes facer?

Pedrafita do Cebreiro

A cuna do Queixo do Cebreiro.

Descubre os viños da IXP Terras do Navia

Pasear polos vales de gran valor ecolóxico e natural do río Navia onde se atopan os viñedos das bodegas que forman a IXP Terras do Navia. Desfrutar das micropaisaxes do noso territorio. Saborear os viños que se producen nesta ribeira e visitar algunha das adegas da IXP Terras do Navia.

Nalgúns casos, é preciso reservar con antelación.

Elabora conservas e zumes artesanais

Os vales do Navia son fértiles e producen froitas, hortalizas e outros alimentos de gran calidade, que son transformados en conservas e zumes de xeito artesanal. Poderás vivir a experiencia no lugar de Ernes e coñecer de primeira man a Cooperativa Ribeiregas, con gran tradición nestas elaboracións.

É necesario contactar coa cooperativa con antelación no teléfono 629086879.

Déixate marabillar…

 

… descubrindo unha vía alternativa do Camiño de Santiago que distintas administracións e colectivos están intentando que se convirta nunha ruta oficial para os peregrinos que van á capital compostelá. Moitos son os que xa escollen esta variante trazada polo monxe alemán Hermman Künig pola súa maior tranquilidade, ao non estar tan masificada como o Camiño Francés. No noso caso imos facela en coche, o que nos levará unha xornada, facendo paradas nos puntos máis destacados que atravesa. 

O punto de partida en Galicia desta Vía Künig é a aldea do Cebreiro, onde poderemos contemplar as típicas pallozas. De ahí seguiremos a ruta ata Pedrafita do Cebreiro, onde se atopa unha estatua dedicada ao propio monxe. Xa nas Nogais chegaremos á Torre de Doncos, que é o que queda en pé dun castelo medieval que recibía o nome de Fortaleza de Santo Agostiño ou Fortaleza da Grupa. 

A seguinte parada será no veciño concello de Becerreá, onde atoparemos varios puntos de interese. O primeiro e a antiga ponte de Cruzul, en plena estrada N-VI. Nela tivo lugar no ano 1809 a Batalla de Cruzul, entre os ingleses e os franceses durante a Guerra da Independencia. Foi construído entre os anos 1776 e 1778 e pertencía ao Camiño Real de acceso a Galicia deseñado durante o reinado de Carlos III co obxectivo de unir Madrid con Lugo, A Coruña e Ferrol.

Moi preto da ponte atopamos o poste miriamétrico de Agüeira, un recordo do que foron as antigas estradas españolas. É un dos poucos postes destas características que se conservan en Galicia, está situado na marxe esquerda da antiga N-VI e é posible que sexa do ano 1861.

O Aciñeiral de Cruzul e o Bosque dos Grobos

Nas inmediacións, na aldea de Cruzul, parte un roteiro de sendeirismo moi ben sinalizado con paneis informativos que concentra unha grande diversidade de especies vexetais e animais. 

Os Grobos, un bosque de conto

E sen alonxarse moito está o acceso ao Bosque dos Grobos, un labirinto de rochas kársticas cun colorido de contrastes moi especial propiciado polo xogo de luces e sombras que penetran polos poucos pasadizos existentes e pola densidade dunha vexetación que confire ao espazo un aura de maxia. 

Becerreá e Baralla

A Vía Künig abandona o xeodestino tras pasar por Becerreá e Baralla, dous municipios cun rico patrimonio arquitectónico, con distintos pazos e pontes medievais e románicas, así como eclesiástico, onde destacan templos como o mosteiro becerrense de Santa María de Penamaior. Situado no camiño que fixo o monxe alemán, practicamente no límite entre os dous municipios, existen referencias de que xa estaba en pé no ano 922, aínda que a igrexa é algo posterior, cara o 1177. Ten planta basilical, con tres naves e outras tantas ábsidas.

Así mesmo, o casco antigo de Becerreá conserva o encanto dos pobos de montaña coas súas casas de pedra, rúas estreitas e as súas prazas. Convida a dar un paseo mentres desfrutas da visión dos edificios históricos como a antiga casa consistorial, a igrexa de Santa María, o castelo ou a casa dos Condes de Grajal.

 

Fin de etapa e descanso para autocaravanistas

Se escolliche viaxar en autocaravana, unha vez finalizada a ruta, a área recreativa e de autocaravanas de Baralla é a mellor opción para descansar, xa que, segundo os usuarios e os foros especializados, é o mellor espazo recreativo de Galicia dedicado ao autocaravanismo.

Follow us on Social Media