Un Xeodestino no que ganar o Xubileo

O 2025 é un ano especial para os cristiáns xa que se celebra un novo Ano Xubileo e o Xeodestino Ancares Terras de Burón conta con catro lugares de peregrinación que permiten ganar este Xubileo. Este Ano Santo, que agora se celebra cada cuarto de século, salvo en ocasións moi especiais, permite obter a indulxencia plenaria a todos aqueles que participan no mesmo.

Aínda que nun principio a peregrinación para logralo debía ser a Roma, agora tamén se pode conseguir visitando distintos santuarios espallados por todo o mundo. Son as dioceses as encargadas de escoller os lugares nos que, aqueles que non poden viaxar ata a Cidade do Vaticano, poden ganar o Xubileo. No caso de Galicia hai 40 santuarios considerados templos xubilares e catro atópanse dentro dos límites do noso Xeodestino. Aquí vos dicimos cales son e facemos unha pequena presentación dos mesmos.

Santa María A Real (Pedrafita do Cebreiro)

Seguramente é o templo máis coñecido e visitado dos catro (imaxe superior). De estilo prerrománico (século IX), forma parte do conxunto etnográfico do Cebreiro e dálle a benvida a Galicia a todos os peregrinos que chegan polo Camiño Francés. Ten moita relevancia desde o punto de vista relixioso, xa que conta cunha pía bautismal datada no mesmo século IX, pero tamén desde o punto de vista etnográfico e lendario, xa que representa a arquitectura típica das montañas luguesas e a lenda que conta O Milagre do Cebreiro asegura que as reliquias gardadas neste santuario son o Santo Grial galego.

 

San Pedro de Cadoalla (Becerreá)

A igrexa de San Pedro de Cadoalla (imaxe ao carón), máis comunmente coñecida como a igrexa do Santo Ecce Homo, é un antigo templo romano de finais do século XII ou comezos do XIII que se atopa na parroquia á que lle dá nome, a menos de dous quilómetros ao norte da capitalidade de Becerreá. Este santuario sufriu múltiples reformas desde a súa construción, así como a anexión de novas estruturas, particularmente ao longo do século XVIII, o que fai que a igrexa actual non se pareza demasiado á primixenia, xa que practicamente só se conserva unha pequena sección dun muro. É lugar de peregrinación de fieis especialmente a mediados de setembro, cando se celebra alí a festividade do Ecce Homo.

Santa María (A Fonsagrada)

Outro dos santuarios escollidos pola Diocese de Lugo é a igrexa de Santa María da Fonsagrada (imaxe ao carón), situada na praza de España da localidade. Trátase dunha fermosa igrexa barroca levantada entre os séculos XVI e XVII. Ten forma de cruz latina, coas súas tres naves, unha ábsida e un campanario de tres seccións, feito de sillería de granito. Cunha grandísima beleza exterior, por dentro tamén sorprende polo seu retablo e as esculturas de santos en granito que realzan moito o seu atractivo. Ademais, ao pé da igrexa destaca a fonte ‘Fons Sacrata’, ligada a unha fermosa lenda e un motivo máis para escoller este santuario como lugar de peregrinación para ganar este Xubileo.

 

San Bernabé (Baleira)

O Santuario de San Bernabé é unha pequena capela de planta rectangular e con presbiterio da mesma forma, maior mesmo que a propia nave, que se atopa na parroquia de Santiago de Martín, a uns 20 quilómetros do centro do Cádavo, no concello de Baleira. Feita con muros de mampostería de pizarra, a súa festividade celébrase o 11 de xuño. Atópase relativamente preto do Camiño Primitivo, que pasa polo centro de Baleira.

Actos programados para o Ano Xubileo 2025

Ao longo de todo este 2025 programaranse distintos actos no territorio, xa que desde diferentes parroquias se están organizando actividades e peregrinacións coas que ganar este Xubileo. Un dos primeiros actos xa abriu o prazo para anotarse. Trátase dunha andaina entre San Pedro de Tortes e San Pedro de Cadoalla, un dos catro santuarios que antes presentábamos como lugares nos que ganar o Xubileo. Esta viaxe de encontro en plena natureza celebrarase o vindeiro 9 de febreiro e todas aquelas persoas interesadas poden anotarse ata o 7 de febreiro cubrindo este formulario ou no teléfono 618.568.408. É unha actividade gratuíta, salvo que se participe na comida, que é opcional e terá un prezo de 15 euros. Desde a organización avisan que para garantir a obtención do Certificado Xubilar e/ou participar na comida é necesaria a inscrición.

O punto de encontro para a ruta será a área de descanso de San Pedro de Tortes, en Eixibrón (Becerreá). Alí estarán citados todos os participantes ás 9:45 horas para dar comezo á camiñata un cuarto de hora máis tarde. Logo dunha hora de camiño, de 11 a 12 horas farase un pequeno descanso no que se aproveitará para degustar produtos locais na Herboristería San Juán de Becerreá. Ás 12:15 horas retomarase a partir final do camiño ata San Pedro de Cadoalla, a onde está previsto chegar antes da unha da tarde, momento no que dará comezo a misa, entregándose posteriormente o Certificado Xubilar. Aí rematará a andaina en si e logo ás 14:30 horas, aqueles que o desexen poderán participar na comida que se levará a cabo en Becerreá.

A ruta ten un percorrido total duns 6’5 quilómetros e a súa dificultade é moderada. Recoméndase levar roupa e calzado cómodo e apropiado para camiñar.

Servizo de autobús

Ás 9:30 horas sairá un transporte desde a Casa do Concello de Becerreá ata San Pedro de Tortes. Ao final da andaina, a iso das dúas da tarde, fará o mesmo servizo entre San Pedro de Cadoalla e a vila de Becerreá.

Follow us on Social Media