‘Sabores do pasado, praceres do presente’, unha serie de obradoiros de cociña no territorio que combinan literatura con gastronomía

O Grupo de Desenvolvemento Rural Montes e Vales Orientais, en colaboración coa Deputación Provincial de Lugo e as Reservas da Biosfera Terras do Miño e a dos Ancares Lucenses e Montes de Navia, Cervantes e Becerréa, poñen en marcha unha serie de obradoiros de cociña que combinarán literatura con gastronomía tradicional e contemporánea e que teñen como obxectivo descubrir e dar a coñecer a historia culinaria do territorio que abrangue o Xeodestino Ancares Terras de Burón, ademais de impulsar a iniciativa da ‘Cociña de Ancares Terras de Burón’. Nesta ocasión, baixo o título ‘Sabores do pasado, praceres do presente’, estes obradoiros de cociña, que xa arrincaron o pasado domingo 16, desenvolveranse durante as próximas semanas na Casa Chaín de Pol e na Casa do Bico de Ferrañol, en Becerreá. Contarán cunha interpretación feita por un chef da literatura gastronómica de grandes autores e informadoras locais que serviron para conservar a rica herdanza culinaria da rexión e os segredos da súa cociña tradicional.

En cada un destes obradoiros, un cociñeiro de recoñecido prestixio preparará un menú degustación no que reinterpretará receitas, no caso da Casa Chaín, da Reserva da Biosfera Terras do Miño e no caso da Casa do Bico estarán centradas nas que eran preparacións típicas do territorio que abrangue a Reserva da Biosfera Ancares Lucenses e Montes de Navia, Cervantes e Becerreá.

Todas estas elaboracións parten da premisa de que se trata de preparacións que permitiron sobrevivir a unha poboación criada na económica de autoconsumo, é dicir, recitas que antes eran de pobres e que agora se consideran refinadas e de alto valor. Trátase, polo tanto, de delicias feitas con produtos da terra, nas que o recurso máis abondoso era o enxeño á hora de encher a barriga con moi pouco e que recolleron en escritos literarios persoeiros da talla de Emilia Pardo Bazán ou Álvaro Cunqueiro.

Para os organizadores, literatura e cociña fan unha maridaxe perfecta xa que son dúas formas de transmisión de coñecemento, costumes e cultura de xeración en xeración. Ademais, co obradoiro poñerán en valor os produtos da horta e producidos na casa para acabar convertendo estes nun prato certificado co selo ‘Cociña de Ancares Terras de Burón’ que sexa, a maiores, un reclamo turístico para aqueles que visiten as distintas reservas da biosfera que ten o territorio no que se estende o Xeodestino Ancares Terras de Burón.

A elección da Casa Chaín e a Casa do Bico non foi casual, senón que se optou por eles porque son dous lugares nos que as propietarias son persoas que traballan en ámbitos relacionados coa literatura e que para completar a experiencia van facer unha interpretación literaria deses pratos. De feito, no primeiro celebrado o pasado domingo 16, Lourdes Abuín, propietaria da Casa Chaín, caracterizouse xa como Emilia Pardo Bazán.

Preparacións

Indo ao concreto, hai varios exemplos de menús que se abordarán nestes obradoiro. Entre eles un podería estar formado polas sopas de burro canso, que documentou Emilia Pardo Bazán; as patacas gobernadas, de Isaura e Concepción, informadoras de Becerreá; as torradas de leite, que aparecen en textos de Álvaro Cunqueiro; ou os freixós, filloas e faragullos dos que tamén falou o devandito autor mindoniense.

A través deles e do legado que deixaron por escrito, os asistentes coñecerán a historia dos distintos pratos e a visión que tiñan estes escritores sobre a gastronomía da zona, procedendo posteriormente a propoñer un menú degustación para cociñar coa xente asistente ao obradoiro e rematar degustándoo.

Selo ‘Cociña de Ancares Terras de Burón’

Esta experiencia tamén terá unha repercusión destacada no futuro, xa que se certificarán varios destes pratos co selo ‘Cociña de Ancares Terras de Burón’. Os pratos antigos versionados coas técnicas actuais serán avaliados e certificados como auténticas delicias do xeodestino, asegurando a súa inclusión nos restaurantes asociados ao club e a súa promoción como parte da identidade culinaria da zona.  

Datas e inscrición

Estas dúas experiencias serán totalmente gratuítas e as prazas para participar son moi limitadas. O prazo para anotarse xa está aberto e a inscrición pode facerse chamando ao número 659.275.743 ou cubrindo o formulario web do lugar no que desexe participar desta experiencia: Casa Chaín e Casa do Bico.

Os primeiros obradoiros terán lugar na Casa Chaín de Pol. O que abriu o ciclo celebrouse o pasado domingo 16 dirixido a adultos, que repetirán o vindeiro domingo 23 de febreiro, mentres que o enfocado ao público infantil levarase a cabo o domingo 9 de marzo. Todos eles darán comezo ás 16:30 horas. Aquelas persoas interesadas poden atopar máis información sobre a Casa Chaín na súa páxina web.

Tomará a remuda posteriormente a Casa do Bico con obradoiros para adultos os xoves 6 e 13 de marzo, finalizando os mesmos realizarase tamén outro obradoiro dirixido aos nenos e nenas. Pódese atopar máis información sobre a Casa do Bico na súa propia páxina.

Follow us on Social Media