O río Eo vertebra unha reserva da Biosfera moi heteroxénea
Catro concellos do noso Xeodestino –Baleira, A Fonsagrada, Negueira de Muñiz e Ribeira de Piquín– forman parte da fermosa Reserva da Biosfera Río Eo, Oscos e Terras de Burón, un espazo especialmente protexido á beira do río que fai de fronteira natural entre Galicia e Asturias. Declarada con esta distinción pola UNESCO no ano 2007, trátase dun territorio cunha superficie total de 159.000 hectáreas, as que van desde o seu nacemento en Fonteo, no concello de Baleira (imaxe da esquerda), ata a súa desembocadura na ría de Ribadeo.
Xunto aos catro municipios incluídos no Xeodestino Ancares e Terras de Burón, esta reserva tamén abrangue os concellos de A Pontenova, Trabada e Ribadeo, na vertente galaica, e San Martín de Oscos, Santa Eulalia de Oscos, Villanueva de Oscos, San Tirso de Abres, Taramundi, Vegadeo e Castropol, en territorio xa astur. Dous terzos da superficie total (108.000 hectáreas) atópanse na comunidade autónoma galega e o resto (51.000) na veciña.
O río Eo é o gran protagonista desta reserva, xa que fai de fío para unir distintos sistemas ecolóxicos, desde a rasa cantábrica onde morre ata as serras litorais que forman o borde setentrional da meseta luguesa ou o altiplano da Fonsagrada, cos seus encaixados vales fluviais. A importancia do Eo pode comprobarse nos xeitos de ganarse a vida que desenvolveron os habitantes desta zona, onde destacan actividades como a pesca, o marisqueo e labores artesanais como os carpinteiros de ribeira ou os ferreiros, tradicións estas últimas cuxo legado aínda se conserva na actualidade.
A Reserva da Biosfera Río Eo, Oscos e Terras de Burón conta cunha flora moi variada e nos seus bosques podemos atopar faias acidófilas, carballeiras, castiñeiros, así como bosques mixtos ou de ribeira e sobreiras na zona de Negueira de Muñiz. Ademais, conta no seu interior con varios espazos protexidos dentro da Red Natura 2000. É o caso do curso medio e final do Eo, os bosques da Marronda, Carballido e Negueira, así como a praia das Catedrais.
En canto á fauna, é imprescindible falar das especies que acolle o curso fluvial máis importante desta reserva. No Eo conviven a lamprea, o mexillón de río, o cangrexo de río ou o salmón atlántico. Este último ten un importancia notoria durante cada mes de abril debido á tradición pesqueira da zona, xa que o primeiro que se pesca en cada temporada nos ríos que discorren por Cantabria e Asturias recibe o nome de ‘campanu’, seguindo a tradición asturiana. Con cada exemplar faise unha poxa pública na que a gran asistencia de persoas e restauradores que queren levar esta peza para o seu restaurante provoca que os prezos sexan moi elevados. Por iso son moitos os pescadores galegos e astures que se botan ao Eo na busca de ser o que o consiga esta primeira captura. No tocante aos mamíferos son importantes as poboacións de londra ou do rato almizclero ibérico.
Tamén destaca a riqueza cultural e arquitectónica deste espazo, onde podemos atopar pegadas dos primeiros poboadores do territorio con xacementos arqueolóxicos e notables exemplos de arquitectura megalítica e castrexa. En canto ao patrimonio arquitectónico, relixioso, civil e etnográfico, unha visita a esta reserva tamén permite contemplar expoñentes como a igrexa de Moreira, na Fonsagrada; ou as de Arante e a Devesa, en Ribadeo; así como o santuario de Conforto, na Pontenova. A nivel civil destaca a presenza de elementos indianos na zona da Mariña e xa no puramente etnográfico sobresaen os hórreos, pallozas, ‘cortines’ e aparellos hidráulicos para o aproveitamento do río Eo como son os muíños, batáns, mazos e ferreiros.
Finalmente, é importante sinalar que esta reserva da biosfera é tamén territorio xacobeo, xa que por ela discorren o Camiño Norte e o Primitivo, ambos declarados Patrimonio Mundial da Humanidade desde o ano 2015, feito que lle deu aínda unha maior dimensión internacional a este territorio. Dentro da pegada xacobea na zona destaca o antigo real hospital de Santiago de Montouto (imaxe da dereita), na Fonsagrada, que se fundou no ano 1357 e que se abandonou a mediados do século pasado. Era o primeiro albergue que se atopaban os peregrinos en Galicia no Camiño Primitivo.