A 1ª Andaina Xubileo Ancares celebrouse entre San Pedro de Tortes e San Pedro de Cadoalla

A 1ª Andaina Xubileo Ancares, celebrada o pasado domingo 9 de febreiro, foi un auténtico éxito de participación e ambiente. Ducias de persoas se animaron a achegarse a Becerreá para realizar a peregrinaxe entre San Pedro de Tortes e San Pedro de Cadoalla, nunha proposta lanzada polo Grupo de Desenvolvemento Rural Montes e Vales Orientais coa intención de ir dando a coñecer os catro lugares de peregrinación existentes no Xeodestino Ancares Terras de Buron que permiten ganar o Xubileo que se celebra neste ano 2025.

As persoas asistentes puideron coñecer de primeira man os dous templos que serviron de saída e meta a esta ruta poñendo en valor os recursos e tradicións locais existentes na zona e que teñen un gran interese e atractivo para a xente que visita o territorio. É por iso que é labor de todos coidar e conservar os legados culturais e naturais que deixaron os nosos antepasados.

A peregrinaxe, ademais dunha importante parte cultural, lúdica e deportiva, tamén a tivo gastronómica, xa que os asistentes puideron desfrutar dunha degustación de produtos da ‘Cociña de Ancares Terras de Burón’ para recuperar forzas logo da andaina.

Natalia, da Herboristería San Juan, seleccionou unha mostra dos produtos locais que vende no seu establecemento; María, da gandería Vianesas D’acolá, preparou unha degustación dunha saborosa lingua estofada, que se acompañou con zumes das Ribeiregas e Cervexas Píntega, que tirou Juan Pablo. Así mesmo, tamén houbo empanadas de Branca de Nullán e as tortillas que fixo Pepita cos ovos que comercializa baixo a marca O Retiro.

Menudas delicias que temos na Cociña de  Ancares Terras de Burón!

Próxima cita

O GDR Montes e Vales Orientais xa está preparando a seguinte xornada de peregrinación, que se celebrará o vindeiro de 22 de marzo e que terá como meta o santuario de San Bernabé, en Baleira. Trátase dunha pequena capela de planta rectangular e con presbiterio da mesma forma, maior mesmo que a propia nave, que se atopa na parroquia de Santiago de Martín, a uns 20 quilómetros do centro do Cádavo. Feita con muros de mampostería de pizarra, a súa festividade celébrase o 11 de xuño. Atópase moi preto do Camiño Primitivo, que pasa polo centro de Baleira.

Follow us on Social Media