O Ouro dos Ancares

Testemuñas da historia de Cervantes

Principais puntos de interese:

As pedras son testemuñas do pasado e das xentes que habitaron Cervantes desde fai séculos. Poderás coñecer a súa marabillosa historia visitando lugares como o Castro de Santa María ou o Castelo de Doiras.

 

¿Queres adentrarte no pasado castrexo de Os Ancares? ¿Coñecer unha fortaleza medieval? ¿Pasear por unha aldea prerromana?

Duración aproximada:

Duración ruta

8 horas

 

Que podes facer?

Conxunto etnográfico de San Román de Cervantes

Un conxunto formado por dúas pallozas e un hórreo que foron construídos como espazo de divulgación e posta en valor da nosa arquitectura tradicional da montaña.

Castro de Santa María

Achégate a este castro que foi descuberto baixo a Igrexa de Santa María. Un castro e unha igrexa que están nun entorno espectacular.

Podes chegar a este poboado castrexo nunha ruta de poucos quilómetros que parte do Conxunto Etnográfico de San Román de Cervantes.

Aldea de Piornedo

Unha aldea prerromana que ten en cada esquina auténticos tesouros da nosa arquitectura tradicional.

Podes facer unha ruta guiadas polas voces dos veciños e veciñas do lugar. Apunta aos códigos QR que hai en diferentes puntos da aldea e escoita o que teñen que contar. Necesitas teléfono móbil e auriculares.

Visita a Palloza do Sesto e viaxa no tempo a unha época nas que as condicións de vida na montaña eran moito máis duras que na actualidade.

Ruta pola natureza

Déixate guiar por Lola e Isolina, que organizan rutas camiñando polos arredores. Estas rutas son cada domingo. Busca información en Piornedo Anda.

Unha fortaleza inexpugnable

Visita o Castelo de Doiras, descubre as lendas do seu entorno e desfruta da vista privilexiada desde a súa torre.

Déixate marabillar…

 

…. coñecendo a historia castrexa dos Ancares, unha zona cun pasado digno de descubrir. Para facelo, achégate en primeiro lugar a San Román de Cervantes, onde poderás comezar a mergullarte nesta marabillosa historia. Alí atoparás un conxunto etnográfico formado por pallozas e un hórreo tradicional. Unha destas pallozas, ademais, é visitable e poderás admirar o seu interior, así como as ferramentes, os apeiros de labranza e outros utensilios que empregaban os seus antigos poboadores.

O complexo está pechado, pero pódese visitar previo aviso ao Concello de Cervantes chamando ao número 982 364 904.

O Castro de Santa María de Cervantes

Logo da visita ao conxunto etnográfico, o seguinte punto atópase a uns tres quilómetros de distancia. Trátase do Castro de Santa María de Cervantes e podes chegar a través dun roteiro de sendeirismo perfectamente sinalizado ou da estrada.

Na pasarela metálica poderás ver toda a información sobre o castro e esta micropaisaxe. Así mesmo, se queres ampliar información sobre o lugar recoméndase aproveitar as Viaxes Sonoras do proxecto Fósforo, Arte e Cultura, onde poderás descubrir de primeira man todos os segredos que agocha. 

Características do roteiro: 

Distancia Aproximada – 3 Km.

Duración – 1 hora.

Dificultade Media-Baixa

Ruta Lineal. A ruta tamén pode ser circular Máis info en http://www.concellocervantes.es/

 

Piornedo, unha ollada ao pasado

Achegarte á aldea de Piornedo supón retroceder varias décadas para descubrir como se vivía nas famosas pallozas, unhas construcións que parecen saídas dun conto e que se sitúan nun lugar cheo de paraxes fascinantes en calquera época do ano. Casas de pedra tradicionais, hórreos e as propias pallozas acompañarante nun paseo por una pequena aldea chea de patrimonio. Moitas destas edificacións estiveron habitadas ata os anos 70. 

A mellor maneira de coñecer Piornedo é a través do proxecto Descubre Piornedo, ao que podedes acceder pinchando aquí. Coas propias voces dos habitantes coñecerás recunchos desta pecular aldea, a súa historia, as costumes dos que a habitaron, así como datos e eventos interesantes que forman parte xa dunha memoria colectiva que foi transmitida de pais a fillos.

Actualmente existe unha palloza-museo, a Palloza Museo Casa do Sesto, que se conserva practicamente no mesmo estado que o día que pecho as súas portas, aló polo ano 1974, e que é altamente recomendable visitar. No seu interior descubrirás que era e para que servía unha palloza e as distintas ferramentas e apeiros que utilizaban no día a día os seus moradores.

Os cumios dos Ancares

Se es un amante da montaña, nos Ancares tes moitas opcións para desfrutar facendo deporte. Podes ascender a varias dos cumios máis altos, entre os que destacamos o Pico Mustallar, cos seus 1.935 metros de altitude.

En cambio, se o que buscas é un paseo en familia sen alonxarte demasiado dos núcleos poboados e coa compañía de persoas coñecedoras do territoria, a túa mellor opción é contactar con Isolina, de Piornedo Anda. Ela presentarache diferentes propostas de paseo adaptadas ás túas necesidades e dirixidas a grupos. 

Contacto: 

Piornedo Anda – Isolina

Teléfono – 659 52 39 11

Mail – isolina@pallozamuseocasadosesto.com

 A lenda do Castelo de Doiras

Non podes marchar de Cervantes sen descubrir a lenda do Castelo de Doiras. Actualmente o castelo pertence á Fundación Soto de Fión e logo dunha delicada restauración é visitable na súa totalidade. Non perdas a ocasión de facer esta visita a un castelo que se remonta ao século XV e sobre o cal existe unha lenda dunha cerva branca que te conquistará. Para chegar desde Piornedo tes que descender en dirección ao lugar de Ponte de Doiras, na parroquia de Cereixde, aínda que o castelo xa pertence á veciña parroquia de Vilarello.

Follow us on Social Media