Os Ancares, Reserva da Biosfera e pulmón de Galicia

 

O Xeodestino Ancares Terras de Burón conta con espazos e contornas verdadeiramente fermosas onde se xuntan flora, fauna e etnografía para desfrute dos veciños que habitan o territorio e daqueles que nos visitan. Entre eles destaca impoñente a Reserva da Biosfera dos Ancares Lugueses e Montes de Cervantes, Navia de Suarna e Becerreá, unha das dúas reservas coas que conta o xeodestino.

Con 53.664 hectáreas de extensión, recibiu esta distinción no ano 2006 e pasa por ser un dos pulmóns de Galicia grazas a todos os bosques de diferentes especies que contén no seu interior. Este espazo protexido esténdese polas serras orientais luguesas entre os devanditos concellos de Cervantes, Navia de Suarna e Becerréa.

A súa diversidade de altitudes, que chega ata os 1.600 metros de máxima, fai que sexa un territorio cunha biodiversidade de ecosistemas enorme, xa que combina zonas moi altas con vales fluviais encaixados como poden ser os que forman os ríos Navia, Ser ou o Rao.

As paisaxes, grazas en parte á baixa densidade de poboación, consérvanse moi ben e os visitantes poden atoparse hábitats onde sobresaen especies coma os castiñeiros, os carballos, os bidueiros, as abeleiras, os acivros ou os teixos. Entre os lugares senlleiros da reserva atópanse o bosque de faias da Pintinidoira, o aciñeiral de Cruzul ou o souto da Agüeira, tres lugares nos que perderse e que son perfectos para levar a cabo o plan de gozar de aire puro e desfrutar da natureza.

En canto á fauna, esta boa preservación dos espazos naturais provoca que a Reserva dos Ancares Lugueses conte cun grupo importante de especies cinexéticas. Deste xeito conta con importantes poboacións de lobo e outras xa moi difíciles de atopar noutras zonas, por estar en perigo de extinción, coma as do oso pardo. A importancia dalgunhas destas especies fixo que fose declarada reserva nacional de caza e conte con zonas de especial protección para o o oso pardo ou distintas aves.

No tocante á cultura, foron varios os pobos que pasaron polo territorio, pero foron os Romanos os que deixaron unha pegada máis fonda. Deste xeito, nos Ancares podemos atopar elementos patrimoniais vinculados á minería aurífera romana, coma o Castro de Santa María de Cervantes, e tamén destaca unha importante estrutura viaria como a Vía Romana XIX do Itinerario de Antonino. Asemade, da Idade Media consérvanse vestixios como o impoñente castelo de Doiras, escenario de lendas que falan de mozas encantadas.

Finalmente, tamén é importante falar da riqueza etnográfica dunha zona que se caracterizou historicamente polo seu illamento territorial. Os habitantes desta reserva foron capaces de adaptarse sempre ás rigorosidades do clima e á orografía das súas montañas para explotar os recursos agrícolas, gandeiros e forestais do territorio. Destacan elementos da arquitectura popular como os hórreos ou os sequeiros, aínda que por riba de todo sobresaen as tradicionais pallozas. Estas vivendas de planta circular ou elíptica e cubertas con palla, foron habitadas por persoas e animais ata os anos 70 e agora supoñen unha gran riqueza patrimonial cun importante reto para a súa conservación. Tanto é así, que as propias pallozas se converteron nunha auténtica icona da Reserva da Biosfera dos Ancares Lugueses e Montes de Cervantes, Navia de Suarna e Becerreá.

Follow us on Social Media