Estas son as 6 empresas da Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses que xa teñen o certificado de ecoturismo

A Casa do Bico (Becerreá), Naviaventours (Navia de Suarna), a Casa O’ Crego (Cervantes), Las Cabañas de Ancares (Cervantes), o Hotel Piornedo (Cervantes) e Equusquera son as seis empresas que ofrecen os seus servizos no territorio da Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses e Montes de Navia, Cervantes e Becerreá que conseguiron a certificación da Asociación de Ecoturismo de España que as acredita como establecementos senlleiros que apostan por un turismo responsable promovendo a preservación dos recursos naturais, a biodiversidade, a cultura e a economía local, ademais de ofrecer experiencias para desfrutar e protexer a natureza. Deste xeito, pasan a formar parte do Corredor do Ecoturismo da España Verde, que une 25 espectaculares espazos naturais protexidos en Galicia, Asturias, Cantabria e Euskadi.
Aquí che deixamos unha pequena presentación destas seis empresas instaladas na devandita Reserva da Biosfera e que acadaron esta certificación da man do Xeodestinto Ancares Terras de Burón e do GDR Montes e Vales Orientais, que lideraron o proxecto no noso territorio.
Casa do Bico (Becerreá)
A Casa do Bico é un establecemento hostaleiro situado no lugar de Ferrañol, que pertence ao concello de Becerreá. Trátase dunha casa de labranza que foi casa familiar desde hai máis de 150 anos e estivo habitada ata o 1970 e mantívose con uso agropecuario ata o 2000. Vinculada a este último uso conserva aínda ao carón dúas construcións dedicadas antigamente a palleira, portal e cortes de gando.
A casa foi reformada durante cinco anos con todo o agarimo e esmero do mundo pola súa propietaria Chelo, neta de Consuelo, de quen herdou o nome e a casa, e o seu marido José Luis. O obxectivo era lograr que o que a visite se sinta na súa propia casa, polo que implementaron todas as comodidades posibles e o equipamento preciso para cubrir calquera tipo de necesidade que lle xurda aos que a visiten. Abriu as súas portas no ano 2022 apostando pola tranquilidade e pola beleza dunha contorna espectacular co val de Torés de fondo e situada no medio da ladeira da montaña que remata na Pena da Hedra.
Apostaron polo nome de Casa do Bico por ser o xeito como se coñece popularmente á casa máis alta dun núcleo. De feito, previamente tamén era coñecida como Casa de Riba. No núcleo de Ferrañol son sete as casas existentes, sen capela, sen praza e tampouco sen unha arquitectura excesivamente salientable, pero no medio dunha paraxe preciosa. Ademais, outro motivo que inspirou o nome foi que o bico é como se coñece ao peteiro dos paxaros, que abundan na zona e cuxo canto pode ser escoitado polos que a visiten, así como polo feito de que bico tamén é unha demostración de amor e con iso queren representar o agarimo que lle puxeron á reforma desta casa.
CONTACTO E RESERVAS
Tel. 633 861 078
Lugar de Ferrañol, nº 7. Becerreá. 27647


Naviaventours (Navia de Suarna)
Naviaventours é unha axencia de turismo especializada na Galicia escondida, naqueles recunchos que aínda non son demasiado coñecidos e que manteñen a súa esencia, e que aposta por un turismo consciente e sostible. A través de rutas deseñadas con moito coidado e coa compañía de guías oficiais ofrecen actividades turísticas totalmente respectuosas co medio ambiente e a comunidade local. É por esta razón que as súas iniciativas están afastadas da masificación e baséanse en grupos reducidos para somerxerse en territorios pouco explorados e descubrilos da man das persoas que viven no territorio, xa que unha das súas premias é que este turismo consciente teña un impacto positivo na comunidade que se asenta e tamén que axude a preservar o medioambiente, a cultura e o patrimonio dos territorios nos que traballa.
Naviaventours non é unha axencia máis, senón que ofrece paquetes e propostas turísticas deseñadas á medida dos grupos. Os seus puntos máis fortes son propoñer actividades singulares e afastadas dos circuítos turísticos, experiencias únicas e un contacto directo e unha atención personalizada que permite descubrir o Xeodestino Ancares Terras de Burón desde unha óptica ideal. Os que se animen a desprazarse pola Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses e Montes de Navia, Cervantes e Becerreá con Naviaventours descubrirán un territorio singular cunha fantástica gastronomía e un xeito de vida e uns trazo culturais singulares, ademais dunha zona que conta cunha riqueza natural e paisaxística espectacular.
CONTACTO E RESERVAS
Tel. 687 532 154 / 652 514 029
Las Cabañas de Ancares (Cervantes)
Las Cabañas de Ancares é un aloxamento turístico situado nunha ubicación privilexiada, as Cabanas Antigas, unha pequena aldea deshabitada a 1.200 metros de altitude e en plena serra dos Ancares, o que lle ofrece aos seus visitantes un entorno único, entre frondosos bosques e vales milenarios.
Jimena, a propietaria deste establecemento hostaleiro, conseguiu poñer no foco de moitas miradas esta aldea recuperando diferentes construcións para convertelas en catro cabanas que atraen a xente durante todas as fines de semana do ano e que tamén se enchen de vida todos os días do verán buscando uns solpores e uns amenceres espectaculares, ademais de paseos por uns bosques que ofrecen temperaturas máis que agradables durante o estío.
As fabulosas panorámicas que ten o aloxamento, a desconexión e o aire puro que se respira seguramente son as palabras que máis se repiten nas resencións das persoas que xa gozaron da experiencia de pasar uns días nas Cabañas de Ancares. Abstraerse durante un tempo do frenesí do día a día e desfrutar dunha vida pausada é posible neste lugar situado en plena Reserva da Biosfera dos Ancares.
As cabanas, equipadas con cociña e todos os mobles e accesorios necesarios para pasar unha estancia agradable, son moi versátiles, xa que ofrecen a opción de viaxar en parella ou nun grupo máis ou menos numeroso. Deste xeito a cabana Josefina está pensada para 2-4 persoas, Casita La Gloria para 2-5 persoas, a Esperanza para 7 persoas e Villa Emma, para 8. Son aloxamentos simples e moi acolledores que permiten desfrutar das vistas, tomar un refrixerio vendo caer o sol ou ler un libro e botar unha sesta cunha tranquilidade difícil de atopar noutros lugares.
CONTACTOS E RESERVAS
Tel. 646 436 486
Cabanas Antigas, s/n. Cervantes. 27666


Casa O’ Crego (Cervantes)
En Vilaquinte, nunha pequena aldea de Cervantes encaixada no val do río Ser, atópase a Casa O’ Crego, un aloxamento turístico que puxo en marcha Rafa recuperando un conxunto arquitectónico tradicional ancarés que levaba máis de 40 anos abandonado para poder acoller nas súas sete habitacións visitantes chegados desde todas as partes do mundo. A reforma desta casa de dúas plantas en forma de L e con cuadras e bodegas na parte baixa e vivenda e outras estancias na alta levoulle 10 anos, xa que puxo moito esmero e dedicación e tratou en todo momento de respectar o concepto tradicional ancarés e as maneiras e formas propias do entorno co fin de ofrecer un turismo rural de calidade.
Neste establecemento convidan ás persoas que o visitan a aproveitar a paz, a serenidade e a natureza que ofrecen e teñen moi en conta as boas prácticas ambientais, como se pode comprobar coa súa cheminea calefactora de biomasa local ou a zona de compostaxe para o mantemento do xardín. Ademais, teñen distintos servizos como biblioteca, comedor con almorzo buffet, comida e cea, aparcamento gratuíto e tamén admiten mascotas, entre outros.
CONTACTO E RESERVAS
Tel. 982 161 771
Vilaquinte, 4. Cervantes. 27664
Hotel Piornedo (Cervantes)
O Hotel Piornedo é un aloxamento turístico ubicado nun punto de referencia do concello de Cervantes como é a aldea de Piornedo. Con 22 habitacións e inmellorables vistas á serra de Ancares, xa que se atopa en pleno corazón desta Reserva da Biosfera, este establacemento familiar xestionado por Mireia é un lugar ideal para o descanso e o desfrute en plena natureza. Ademais, a proximidade dos cumios máis altos da zona -Cuíña, Mustallar e Penalonga- atrae tamén a moitos amantes do montañismo, xa que son varias as rutas de sendeirismo que se poden facer desde o hotel.
As habitacións combinan calidade e confort cun deseño sinxelo e acolledor. Ademais conta con servizos como piscina, wifi gratuíto, aparcamento, unha sala de conferencias, un salón mirador e un restaurante no que se pode desfrutar dos produtos locais que se preparan na cociña do hotel e que está recoñecido cun Solete da Guía Repsol. Coa carta que ofrecen buscan render unha homenaxe á gastronomía típica da serra. Componse de pratos dunha elaboración sinxela, adaptados á oferta de temporada e con produtos de primeirísima calidade onde non poden faltar os caldos e as mellores carnes da zona.
Para complementar a visita a Piornedo, os que se acheguen ao hotel poden gozar tamén de rutas fotográficas, trekking, ioga ou pesca e caza, xa que o establecemento atópase no centro dunha Reserva Nacional de Caza.
CONTACTO E RESERVAS
Tel. 982 161 587
Piornedo. Cervantes. 27664


Equusfera
Equusfera é unha empresa dedicada á equitación que ten a súa sede na Fonsagrada, pero que conta con rutas por practicamente toda a Reserva da Biosfera Río Eo, Oscos e Terras de Burón, así como pola Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses e Montes de Navia, Cervantes e Becerreá. Equusfera ofrece unha experiencia fascinante para os amantes dos cabalos ou para calquera que desexe adentrarse nun mundo no que a natureza ten un papel primordial e no que poderán desfrutar desta dun xeito diferente. Ademais, o catálogo de opcións que presenta é moi variado, xa que pódese escoller entre facer rutas ecuestres curtas, que se completan nunha xornada, ou rutas longas, que van das dúas ás seis xornadas, e que sempre están guiadas por profesionais dispostos a axudar en calquera necesidade que teñan os participantes. Do mesmo xeito, abranguen todos os niveis, desde os principiantes que están aprendendo a montar a cabalo, polo que non é necesaria unha experiencia previa, ata xa aqueles moito máis experimentados.
Equusfera ten deseñadas rutas para coñecer os camiños Primitivo, Francés e o do Norte que levan a Compostela. Todos os percorridos están perfectamente trazados para atravesar paisaxes inigualables e están adaptados para que os participantes poidan tamén gozar da gastronomía local e, naquelas de varias xornadas, presentan varias opcións a nivel de aloxamentos para desfrutar da mellor maneira posible da estancia na zona.
CONTACTO E RESERVAS
Tel. 616 753 929
Vilarchao, nº 17. A Fonsagrada. 27113