Certificación en ecoturismo para oito empresas de Ancares-Terras de Burón
Un total de oito empresas do territorio que abrangue o Xeodestino Ancares Terras de Burón recibiron xa a certificación que as acredita como socias de pleno dereito do Corredor de Ecoturismo da España Verde, unha asociación da que forman parte dúas das reservas da biosfera con moita presenza no territorio do noso Xeodestino. Trátase da Reserva da Biosfera dos Ancares Lugueses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá, así como da Reserva da Biosfera do Río Eo, Oscos e Terras de Burón.
Este é un paso máis no traballo emprendido pola Asociación de Desenvolvemento Rural Montes e Vales Orientais-GDR3 hai xa máis de dous anos para converter o Xeodestino Ancares Terras de Burón nun referente no ecoturismo en España e na península ibérica. O primeiro movemento fora presentarlle á Asociación de Ecoturismo en España (AEE) a solicitude para formar parte do Club Ecoturismo en España, unha petición que foi aceptada en abril do 2023, momento no que o Xeodestino Ancares Terras de Burón se converteu no primeiro destino de ecoturismo da provincia de Lugo e o segundo en Galicia en obter este distintivo. Deste xeito dábase un primeiro paso para colocar o territorio no mapa dos destinos turísticos sostibles máis importantes de España.
Dándolle continuidade a este traballo, oito empresas logran agora o selo que os acredita como establecementos senlleiros que ofrecen gastronomía, visitas guiadas ou experiencias en plena natureza apostando por un turismo responsable que avoga pola conservación dos recursos naturais e que promove o respecto e a preservación da biodiversidade, a cultura e a economía locais.
Nesta primeira quenda lograron a certificación oito empresas, unha das cales, Equusfera, traballa nas dúas reservas. Pola Reserva da Biosfera dos Ancares Lugueses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá foron acreditadas ademais a Casa do Bico, a Casa do Crego, a axencia de viaxes Naviaventours, Las Cabañas de Ancares e o Hotel Piornedo. Mentres tanto, pola Reserva da Biosfera do Río Eo, Oscos e Terras de Burón recibiron a certificación Sons do Eo Apartamentos Turísticos e a Casona de Labrada, xunto á xa comentada Equusfera.
O GDR Montes e Vales Orientais traballa xunto ás empresas do territorio en aumentar o número de empresas certificadas e xa ten aberto un novo prazo para que consigan este selo negocios dalgún dos concellos presentes no territorio do Xeodestino e que desenvolven a súa actividade en zonas da Reserva da Biosfera Terras do Miño. Así mesmo, é importante subliñar que tamén se certificaron outras empresas de concellos limítrofes para poder ofrecer os seus servizos, baixo este selo de calidade, no Xeodestino Ancares Terras de Burón. (Na foto ao carón Las Cabañas de Ancares).
Ecoturismo
O ecoturismo é unha forma de turismo responsable enfocado na conservación dos recursos naturais e que promove o respecto e a preservación da biodiversidade, a cultura e a economía local. A Asociación Española de Ecoturismo (AEE) é unha entidade sen ánimo de lucro que ten como obxectivo promover e desenvolver o turismo sostible en España; traballando para fomentar a educación ambiental e o turismo de natureza como unha ferramenta para conservar os recursos naturais e culturais do territorio. (Na foto ao carón a Casa do Bico de Becerreá).
O GDR Montes e Vales Orientais, xestor do Xeodestino Ancares Terras de Burón, logrou a adhesión no Club Ecoturismo en España grazas a amosar a gran riqueza natural e cultural da zona, presentando aos Ancares e ás Terras de Burón como un lugar idóneo para aquelas persoas que buscan experiencias sostibles e en contacto coa natureza. Con esta iniciativa buscábase atraer un tipo de visitante respectuoso co territorio.
O Xeodestino Ancares Terras de Burón está formado por 13 concellos da montaña luguesa e conta cunha importante riqueza cultural e paisaxística, xa que engloba 6 espazos da Rede Natura 2000 (que suman o 50% da superficie total de Rede Natura de Galicia) e 3 Reservas da Biosfera. Un entorno natural privilexiado considerado fonte de biodiversidade pola gran cantidade de especies de flora e fauna autóctona que atesoura.