Prensetámosvos as 4 empresas da Reserva Río Eo, Oscos e Terras de Burón que acadaron o certificado de ecoturismo

A Tirolina da Mina (A Pontenova), Sons do Eo Apartamentos Turísticos (Baleira), a Casona de Labrada (A Pontenova) e Equusquera (A Fonsagrada) son as catro empresas que ofrecen os seus servizos no territorio da Reserva da Biosfera Río Eo, Oscos e Terras de Burón que conseguiron a certificación da Asociación de Ecoturismo de España que as acredita como establecementos senlleiros que apostan por un turismo responsable promovendo a preservación dos recursos naturais, a biodiversidade, a cultura e a economía local, ademais de ofrecer experiencias para desfrutar e protexer a natureza. Deste xeito, pasan a formar parte do Corredor do Ecoturismo da España Verde, que une 25 espectaculares espazos naturais protexidos en Galicia, Asturias, Cantabria e Euskadi. 

Aquí che deixamos unha pequena presentación destas catro empresas instaladas na Reserva da Biosfera Río Eo, Oscos e Terras de Burón e que acadaron esta certificación da man do Xeodestino Ancares Terras de Burón e do GDR Montes e Vales Orientais, que lideraron o proxecto no noso territorio.

Tirolina das Minas (A Pontenova)

A Pontenova conta coa maior tirolina de Galicia. Apta só para os máis intrépidos, que poderán desfrutar dunha viaxe de máis de 300 metros polo aire a máis de 80 metros do chan que recrea o trazado do antigo tranvía aéreo que levaba mineral da ladeira da Mina Consuelo ata a Mina Boulloso. Ademais da excitación propia de sentirse como un paxaro, desde as alturas poderán gozar dun fermoso entorno natural e paisaxístico.

A Tirolina das Minas, que abre durante todo o ano salvo os meses de xaneiro e febreiro, ofrece a posibilidade de reservar só a baixada na tirolina ou varias experiencias combinadas con este descenso. Tratáse de dous packs. O primeiro deles, denominado ‘Fornos’, mistura a aventura coa observación da natureza, a etnografía e a historia local. Os que se decidan por esta opción comezarán a actividade visitando os cinco emblemáticos fornos de calcinación presentes no centro da Pontenova e logo desfrutarán dunha ruta de sendeirismo polas antigas minas de ferro, onde un guía explicará o pasado mineiro da zona e levará aos participantes a coñecer a única galería mineira aberta ao público en Galicia. Posteriormente, lanzaranse pola tirolina, que conecta as dúas ladeiras onde se asentan as minas. A actividade ten unha duración aproximada de dúas horas e media.

Mentres, o pack ‘Fornos Plus’ é similar ao anterior, pero inclúe a visita ao nivel -1 da Mina Consuelo polo que, por motivos de seguridade e loxística, non está indicada para nenos e nenas menores de 12 anos e é unha actividade que require un mínimo de axilidade e unha boa condición física. Tamén se recomenda levar roupa lixeira de abrigo, xa que a temperatura no interior da mina é duns 11ºC. Así mesmo, recordan que só poderán lanzarse pola tirolina aquelas persoas que pesen entre 45 e 110 quilos.

CONTACTO E RESERVAS

www.xesteco.com

Teléfono: 633 248 835

Praza do Concello, s/n A Pontenova 27720 (local da Tirolina das Minas)

Sons do Eo Apartamentos Turísticos (Baleira)

Sons do Eo Apartamentos Turísticos é un establecemento hostaleiro ubicado no concello de Baleira que é un fantástico refuxio nun entorno espectacular. Calquera dos dous apartamentos nos que se divide, rehabilitados a partir dunha estrutura orixinal dunha casa de pedra centenaria, son un lugar idóneo para relaxarse, escoitar os sons da natureza, respirar aire puro e contemplar as maxestosas montañas que os rodean.

Estes dous espazos, feitos para o desfrute dos visitantes, reformáronse seguindo criterios de bioconstrución e son dous apartamentos independentes, cómodos e sostibles. Por unha banda o apartamento ‘O Papucho’ é un espazo de estilo rústico accesible ideado para dúas ou tres persoas con cheminea de leña e terraza con vistas ás montañas. A calefacción por muro radiante e a auga quente funcionan a partir de biomasa biomasa.

E, pola outra banda, está o apartamento ‘A Curuxa’, que ten o mesmo estilo, pero pode ser ocupado por tres ou catro persoas e dispón dunha galería acristalada que ofrece unhas fantásticas vistas das montañas e axuda a aportarlle calor á casa nos días soleados de inverno.

Para completar a súa oferta, Sons do Eo Apartamentos Turísticos ofrece unha serie de experiencias aos seus visitantes, ademais duns almorzos e unhas ceas recén feitas a base de produtos da zona e, polo tanto, de quilómetro cero. Os que se acheguen a gozar deste establecemento poderán coñecer os mitos e lendas de Galicia nun hórreo típico mentres degustan produtos locais, ademais de participar en obradoiros de formación sobre bioconstrución, plantas medicinais, cosmética natural e outros temas relacionados coa sustentabilidade e o medio ambiente, que tamén están dirixidos a colexios e asociacións do territorio.

CONTACTO E RESERVAS

www.sonsdoeo.com

Teléfono: 663 612 833

Murias, nº 6. Baleira. 27276

Casona de Labrada (A Pontenova)

A Casona de Labrada é un complexo rural exclusivo e sostible, cun forte compromiso medioambiental e ubicado no concello de A Pontenova, a escasos quilómetros de Taramundi (Asturias). Na restauración deste núcleo de edificacións utilizáronse materiais orixinais e reciclados, respectando a arquitectura tradicional en pedra, madeira e pizarra.

O establecemento conta con 6 aloxamentos cunha exquisita e coidada decoración, ademais de ter terrazas privadas para cada unha das casas, zonas de xardín, unha capela privada e unha finca de 50.000 metros cadrados de bosque autóctono de castiñeiros, carballos e pradeiras. Os apartamentos van desde as dúas prazas da ‘Cabaña Deluxe’ ata as múltiples opcións da ‘Casa do Azor’, que se compón de cinco habitacións dobres que poden ser alugadas de xeito íntegro ou por estancias. Completan a ‘Casa Rivas’, con dous dormitorios que poden acoller de dúas a seis persoas; a ‘Casa Cotarelo’, que son dous apartamentos de aluguer íntegro; a ‘Casa Cobeiras’, dous apartamentos que poden acoller a entre catro e oito persoas; e a ‘Palleira’ para dous ou catro persoas. Moitos destes apartamentos están preparados para acoller mascotas.

Ademais das habitacións, a Casona de Labrada conta cun restaurante panorámico onde os seus pratos son cociñados con produtos de temporada, de quilómetro 0 e ecolóxicos apostando por unha cociña tradicional e ao mesmo tempo innovadora que conta coa recoñecida e prestixiosa chef Noelia de Prado.

Finalmente, o establecemento pontenovés ofrece distintas experiencias polo concello da Mariña e o veciño astur de Taramundi. Deste xeito, os visitantes poderán coñecer o pasado mineiro da Pontenova, o traballo que facían os ferreiros, a maxia das abellas e da recolección do mel ou da visita aos museos da Cuchillería e dos Muíños de Taramundi.

CONTACTO E RESERVAS

www.casonadelabrada.com 

Teléfono 696 927 333

Labrada, nº 6 e 7. Conforto (A Pontenova). 27728

Equusfera (A Fonsagrada)

Equusfera é unha empresa dedicada á equitación que ten a súa sede na Fonsagrada, pero que conta con rutas por practicamente toda a Reserva da Biosfera Río Eo, Oscos e Terras de Burón. Equusfera ofrece unha experiencia fascinante para os amantes dos cabalos ou para calquera que desexe adentrarse nun mundo no que a natureza ten un papel primordial e no que poderán desfrutar desta dun xeito diferente. Ademais, o catálogo de opcións que presenta é moi variado, xa que pódese escoller entre facer rutas ecuestres curtas, que se completan nunha xornada, ou rutas longas, que van das dúas ás seis xornadas, e que sempre están guiadas por profesionais dispostos a axudar en calquera necesidade que teñan os participantes. Do mesmo xeito, abranguen todos os niveis, desde os principiantes que están aprendendo a montar a cabalo, polo que non é necesaria unha experiencia previa, ata xa aqueles moito máis experimentados.

Equusfera, que tamén está presente na Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá, ten deseñadas rutas para coñecer os camiños Primitivo, Francés e o do Norte que levan a Compostela. Todos os percorridos están perfectamente trazados para atravesar paisaxes inigualables e están adaptados para que os participantes poidan tamén gozar da gastronomía local e, naquelas de varias xornadas,  presentan varias opcións a nivel de aloxamentos para desfrutar da mellor maneira posible da estancia na zona.

CONTACTO E RESERVAS

www.equusfera.es 

Teléfono 616 753 929

Vilarchao, nº 17. A Fonsagrada. 27113

Follow us on Social Media