Baleira

Gozando entre fragas, ríos e montañas

Principais puntos de interese:

43.017141637024025, -7.240487190880193

Queremos que te achegues a descubrir un concello situado en plena Reserva da Biosfera Río Eo, Oscos e Terras de Burón, e no que poderás ter a ocasión de gozar da súa abraiante natureza a pé, en bicicleta ou seguindo o curso de ríos como o Eo ou o Neira.

Duración aproximada:

Duración ruta

x horas

 

Que podes facer?

Pasea polas rutas de sendeirismo

Camiñar mentres se goza dunha natureza moi rica é un dos maiores praceres que ofrece o concello de Baleira. Destacan os tres sendeiros sinalizados en plena Reserva da Biosfera do Río Eo, Oscos e Terras de Burón. Trátase das rutas da Fontaneira, A Marronda e As Loras. E desfruta tamén das numerosas áreas recreativas nas beiras dos ríos Eo e Neira que permiten gozar de grandes xornadas coa compañía da familia ou as amizades.

Descubre o seu patrimonio artístico e cultural

Baleira conta cunha riqueza natural formidable, pero tamén cun patrimonio artístico e cultural que se pode coñecer visitando as distintas igrexas, castros e outros xacementos arqueolóxicos que hai repartidos por todo o municipio.

Pérdete polas beiras dos seus ríos

Os ríos Eo e Neira forman numerosas micropaisaxes que son un luxo para a mirada do visitante. Entre elas destacan varias fervenzas e muíños que non resistiron o paso do tempo, pero que deixan albiscar un pasado moi importante para o día a día dos antigos poboadores do municipio. 

Déixate marabillar…

 

… paseando por algunha das tres rutas de sendeirismo sinalizadas que percorren distintas zonas do municipio de Baleira. Destacamos dúas delas pola súa beleza natural. A primeira é a Ruta da Fontaneira PR-G 244, que avanza por camiños que empregaban os antigos habitantes da zona para abastecerse dos recursos naturais ou para ir a outros asentamentos. De carácter circular, parte da igrexa de A Fontaneira e, logo de pasar pola Cova dos Mouros, chega ata o lugar de Suagranda. Ten unha lonxitude de 10’12 km e o tempo estimado para completala, a un ritmo medio, é de 3 horas e 20 minutos.

A segunda é a Ruta da Marronda-Alto Eo PR-G 145, un sendeiro tamén circular, pero que se vai xa aos 21 quilómetros e 300 metros (7 horas e media de paseo), aínda que tamén se pode completar en distintas etapas. Pódese iniciar en San Paio ou na área recreativa da Cortevella e discorre polas parroquias de A Braña, Martín e Cubilledo. Ten como grandes protagonistas á Fraga da Marronda, un bosque autóctono de máis de 600 hectáreas, e ao río Eo. Polo tanto, nesta senda podemos atopar castiñeiros, carballos, faias ou fervenzas como a da Acea de Serra ou O Pozo da Ferreira, así como transitar por camiños de paso tradicionais. Tamén é recomendable facer unha parada para coñecer o Conxunto Tradicional de Cabreira, un espazo onde a arquitectura tradicional sorprende a quen o visita.

… descubrindo os moitos recunchos e micropaisaxes que agocha Baleira. Ademais dun inxente patrimonio natural, tamén destaca o seu patrimonio artístico e cultural, que pode ser visitado a través de distintas rutas que se poden facen en coche. Unha delas é a Ruta das Áreas de Recreo, que conduce ao visitante ás distintas zonas recreativas que se extenden nas beiras dos ríos Eo e Neira. Paraxes verdes que ofrecen a opción de darse un baño no verán e que son idóneos para pasar unha xornada coa familia ou os amigos como as áreas recreativas de O Fonteo, lugar de nacemento do Eo; A Fontaneira, punto de partida do Neira; A Cortevella, onde atopamos un mirador que permite gozar ao máximo dun lugar con impresionantes meandros; ou O Cádavo, onde podemos atopar a única peza escultórica da Sagrada Familia de Barcelona que se atopa lonxe deste templo ideado polo fenomenal Antonio Gaudí. 

 

Patrimonio artístico e cultural

Baleira tamén conta con outros percorridos interesantes como a Ruta das Igrexas, na que se poden atopar templos de estilo románico, renacentista ou mesmo restos da etapa medieval. Destacan a igrexa románica de San Pedro de Esperela (século XII); a de Santaigo de Fontaneira, construída no século XVIII sobre a capela medieval do Hospital de Peregrinos; ou a renacentista (s. XVI) de Santiago de Córneas. Xunto a estas pódese completar a ruta visitando as igrexas de Santiago de Martín, de San Miguel de Braña, de Santiago de Cubilledo ou a de Santa Mariña de Librán, entre outras.

A nivel histórico e cultural, tamén son salientables os castros e outro tipo de xacementos históricos espallados polo municipio. Sobresaen o Castro de Antiguallas (Córneas), con vestixios de vivendas prehistóricas e construcións circulares cubertas de palla de herencia celta; o asentamento castrexo de Pena do Castro (Vilar dos Adrios), que alberga unha serie de murallas e pequenos fosos de tipo defensivo e desde o que se pode divisar todo o val do río Neira; o Castro da Degolada, que domina a parroquia do mesmo nome; ou A Pena dos Mouros (Real de Cubilledo), onde permanecen os restos dunha primitiva construción que a veciñanza nomea como A Casa dos Mouros en alusión directa ao carácter de fortaleza que debeu ter.

Natureza a ritmo de pedal

Unha forma fantástica de coñecer Baleira e a Reserva da Biosfera Río Eo, Oscos e Terras de Burón é dándolle ao padel. O concello conta coa Ruta BTT Val de Baleira, que parte da capitalidade municipal para atravesar vales e montañas cun percorrido total de 26’3 quilómetros. Conta cun desnivel acumulado notable, xa que a cota máis alta pola que se pasa está situada a 1.030 metros de altitude sobre o nivel do mar, mentres que a baixa atópase a 590.

Esta é, sen ningún tipo de dúbidas, unha opción idónea para os amantes do turismo activo e deportivo, sobre todo aqueles que sexa apaixonados da bicicleta. Merece a pena un pequeno esforzo para atravesar e gozar de paraxes que non están ao alcance dos coches.

 

Os Camiños da Auga

En Baleira podemos visitar un bo feixe de Micropaisaxes seguindo os camiños da auga, xa que neste municipio nace o Eo, un dos principais ríos da vertente cantábrica. No lugar de Fonteo comeza o curso dunhas augas que desembocan finalmente na ría de Ribadeo e no mar Cantábrico.  

Durante o seu camiño, o Eo deixa fermosas estampas como a Fervenza do Pozo da Ferreira, na localidade de San Paio, unha Micropaisaxe á que se pode chegar tamén en coche. Outra fervenza moi recomendable é a da Aceña da Serra, onde aínda se conservan nun aceptable estado os restos dun muíño xa abandonado.

Logo de percorrer as beiras dos ríos de Baleira, a auga tamén pode servir de reconfortante descanso gozando no verán dun baño na piscina pública municipal, que está situada nun fermoso e tranquilo entorno natural. Permanece aberta ao público os meses de xullo e agosto desde as 12:00 do mediodía ata as 20:00 da tarde. O acceso ás instalacións é gratuíto para todo o mundo. 

Follow us on Social Media