As árbores senlleiras do Xeodestino

No Xeodestino Ancares Terras de Burón temos a inmensa fortuna de contar con marabillosos bosques que nos ofrecen exemplares espectaculares de especies coma os teixos, os carballos ou os pradairos. Tendo en conta que estas dúas últimas son árbores caducifolias, o outono e o inverno son momentos moi especiais para desfrutar delas e unha grandísima escusa para visitar A Montaña luguesa.

Invitámosvos a coñecer os seis exemplares do noso territorio que se atopan actualmente no Catálogo Galego de Árbores Senlleiras, un documento que só conta con pouco máis de 150 exemplares repartidos polas catro provincias galegas, polo que non é nada doado coarse neste listado. Así mesmo recordaremos algún árbore que estivo durante moitos anos e que agora xa non está, pero que deixou moito poso e grandes recordos nos veciños do lugar no que se atopaba.

Que é unha árbore ou unha formación senlleira? Son exemplares singulares por algún motivo, xa sexa porque son auténticas reliquias botánicas, porque son obxecto de respecto veciñal ou polo seu valor científico, cultural, didáctico, paisaxístico ou ornamental. En calquera caso, representan un valioso legado que é preciso conservar e recoñecer e por iso as árbores que se recollen neste catálogo contan con protección legal e está prohibida calquera acción que as poida poñer en risco.

Nesta ligazón da Consellería de Medio Ambiente podes atopar toda a información sobre esta figura e mesmo descargar o Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia.

Carballos de Cabanavella (Cervantes)

Comezamos a nosa viaxe en Cervantes con dous exemplares de carballo. Neste caso son do tipo ‘Quercus robur’, o máis común nas zonas de clima atlántico. Visitamos o interior do bosque de Cabanavella, lugar no que podemos atopar unha gran representación destas árbores de moi bela factura. Pero entre eles destacan dous. O coñecido como número I é un carballo que supera os 23 metros de altura e conta cun tronco de gran verticalidade e as habituais nórregas dos exemplares xa dunha idade avanzada. O seu perímetro basal está próximo aos 6,5 metros e redúcese ata uns 4,8 á altura do peito. A súa maxestuosidade queda un pouco diminuída pola importante masa de acivros que rodean a súa base, o que tamén dificulta achegarse a pé ata el.

A non moita distancia atópase o exemplar II, que ten unhas características e dimensións moi semellantes. Este segundo carballo mide algo máis de 21 metros e ten 4,70 metros de perímetro normal. A ramificación do tronco comeza cerca dos tres metros de altura, non ten unha cruz ben definida e a súa copa, estreita, fórmase coa sucesión de ramas arredor do fuste. Na zona basal do tronce amosa abundantes cavidades e cicatrices, o que non significa que goce de mala saúde.

Pradairo da igrexa de Vilarpandín (Navia de Suarna)

Seguimos a nosa ruta en dirección norte para adentrarnos no concello de Navia de Suarna, concretamente na parroquia de Santo Estevo de Vilarpandín, onde nos atopamos na entrada do adro da súa igrexa cun fenomenal exemplar de pradairo (‘Acer pseudoplatanus’), outra árbore caducifolia. Cunha altura de case 20 metros e un tronco cun perímetro de 3,20 metros, trátase do maior exemplar da súa especie existente en toda Galicia. A súa cruz, é dicir, o punto principal de ramificación do tronco do exemplar, fórmana catro ramas de grandes dimensións que medran cunha importante verticalidade para formar unha copa aberta e moi ampla grazas ás sucesivas ramificacións que ten.

Teixo de Carballido (A Fonsagrada)

A nosa seguinte parada será xa no concello de Fonsagrada, o que significará o punto máis setentrional que visitaremos nesta ruta polas árbores senlleiras do Xeodestino. Dirixiremos os nosos pasos á igrexa parroquial de Carballido para contemplar varios exemplares de teixo común ou teixo negro (‘Taxus baccata’), unha especie de folla perenne que en Galicia practicamente só podemos atopar nas serras orientais dos Ancares, O Courel e Meira, así como no macizo de Pena Trevinca. Trátase dunhas árbores de capa cónica e ancha, que poden acadar os 15 metros de altitude. O seu toro acostuma a ser curto e groso, coas polas abundantes e horizontais partindo desde a súa base.

Na contorna da igrexa de Carballido son concretamente tres os exemplares existentes, que destacan polo seu gran porte, xa que contan con 14, 11’5 e 6 metros de altura e estímase que teñen máis de 150 anos de vida, aínda que algúns incluso se atreven a dicir que son milenarios. A súa presenza realza o adro do templo da parroquia fonsagradina e axudan a compoñer unha bela estampa coa igrexa que os fotógrafos das vodas non dubidan en aproveitar.  

Teixo da Fontaneira (Baleira)

Pechamos a nosa viaxe polas pezas do Xeodestino incluídas dentro do Catálogo Galego de Árbores Senlleiras en Baleira, onde continúan sendo os teixos os grandes protagonistas. Neste caso poderemos desfrutar da observación de dous teixos. O feito de tratarse dunha especie de follas perennes fai que a visita aos mesmos sexa máis que recomendable en calquera época do ano.

Viaxando agora en dirección sur, o primeiro exemplar que nos atopamos é o de Fontaneira, na aldea da Pasada. É, sen dúbida, un dos teixos máis vellos e sobranceiros de Galicia. As estimacións dos expertos din que supera amplamente os dous séculos de vida e conta cunhas dimensións espectaculares, xa que o seu tronco é de 9’8 metros de circunferencia e a súa altura vaise ata os 20 metros. Atópase ademais en pleno Camiño Primitivo a Santiago, o que fai que sexa unha árbore moi visitada e fotografada.

Teixo da igrexa de Córneas (Baleira)

A segunda parada neste concello farémola na igrexa parroquial de Córneas, onde ao carón do templo e xusto enfronte dos nichos do cemiterio medra o que se cre é o teixo máis antigo de Galicia, cuxa imaxe abre este artigo. Calcúlase que ten máis de 400 anos de vida e mide 14 metros de altura e 7,40 de perímetro troncal. Coas súas dimensións protexe un templo que foi levantado no século XVIII.

 

O recordado ‘Caroco’  (Cervantes)

Unha inesperada e potente nevada levouse por diante en outubro do ano 2018 outra das árbores que fora digna de ser considerada senlleira. Era un carballo albar (‘Quercus patrea’) que se levantaba no Campo de Quindous, no concello de Cervantes, e que recibía por parte dos veciños o cariñoso apelativo de ‘O Caroco’ (á dereita imaxe de Google antes de que rachasen as súas ramas e o seu tronco) . Na mesma praza eríxense outros tres carballos, todos eles centenarios, aínda que só ‘O Caroco’ conseguira entrar no catálogo autonómico. O carballo albar é unha especie lixeiramente menos robusta que o carballo común, o máis habitual nos montes galegos.

A nevada que caera naquela última fin de semana de outubro do 2018 provocou que as ramas do Caroco, aínda cubertas de folla, se esgazasen por completo ao non poder soportar a súa aínda frondosa copa o peso da neve e quedase o tronco partido e practicamente espido. Aínda que era o que en mellores condicións de saúde se atopaba dos catro carballos da praza, foi o que máis sufriu as consecuencias da nevada. Se a poda prevista se levase antes desa nevada, O Caroco seguiría seguramente con vida, pero a súa existencia de varias centos de anos cortouse prematuramente no 2018 e deixou de ser acubillo para as conversacións dos veciños da zona. Na imaxe da esquerda, extraída do Google Street View, vense os restos da árbore de Quindous.

O Caroco aínda fixo un último servizo, xa que os habitantes de Quindous repartiron as súas ramas e parte do tronco para usalas como leña e outros recolleron landras para sementalas e tratar de obter descendencia.

Follow us on Social Media