Os Ancares, na lista de doce visitas imprescindibles para o 2024 da prestixiosa revista Condé Nast Traveler
Os xornalistas especializados desta recoñecida publicación elaboran a finais de cada ano unha lista que dan en chamar “Best Places to go” (mellores lugares para ir) en función dos seus atractivos naturais, históricos, culturais e gastronómicos. Aseguran que é unha elección moi difícil pola infinita cantidade de xoias que se poden atopar na Península Ibérica para realizar unha escapada marabillosa.
No caso dos Ancares, desde Condé Nast Traveler destacan que lle permite aos viaxeiros “facer realidade o teu soño de conectar coa natureza e contigo mesmo nunha zona máxica e moi tranquila”. Valoran especialmente a fauna que se pode atopar nos Ancares, con “aguias, lobos e raposos, rapaces nocturnas e ata algún oso”, así como o ambiente que se pode respirar cheo de “aire puro, silencio, beleza, tempo, simplicidade e a mellor cociña caseira”, destacan.
No seu percorrido detéñense no val do río Ser, onde o cineasta Óliver Laxe traballa “nunha plataforma destinada a protexer e revivir o rural nos Ancares” rodeada dunha fantasía paisaxística e cultural onde o verán é clemente”, apuntan. Ao mesmo tempo salientan o traballo da súa asociación na rehabilitación de pallozas e o traballo coa Cooperativa A Carqueixa, “de tenreira suprema ecolóxica”. Nós só podemos engadir que invitamos a todos aqueles que nos visiten a gozar de A Despensa de Ancares-Terras de Burón para coñecer toda a rica gastronomía do territorio.
No tocante ao Camiño Primitivo, que parte de Oviedo e entra en Galicia e no noso Xeodestino a través do alto do Acebo, recorrendo os concellos de A Fonsagrada e Baleira, a revista céntrase na parte asturiana, pero esta comparte coa galega as “paisaxes espectaculares” das que fala a publicación se se toma a variante coñecida como dos Hospitais. Precisamente entre os hospitais destaca o paso xunto ás ruinas do Hospital de Montouto, na Fonsagrada, que fora fundado no século XIV para dar acubillo e asistencia aos peregrinos e que aínda funcionou ata mediados do pasado século.