Na ladeira da montaña, entre paisaxe aberta e silencio de Ferrañol, en Becerreá, atópase Casa do Bico, un proxecto que nace do coidado, da memoria e dunha maneira moi concreta de entender o rural.
“Rehabilitamos con moito agarimo a casa da avoa Consuelo durante cinco anos e hai tres e medio que comezou a funcionar. Pasaron por aquí máis de oitenta familias… buscamos que sexa un lugar de relax, de calma, de sosego”. Así describe Chelo o seu aloxamento, pensado para quen busca algo máis que un lugar onde durmir: un espazo para parar, respirar e reconectar coa natureza e co ritmo da montaña.

Un aloxamento con raíces e mirada de futuro
Casa do Bico non é só unha vivenda rehabilitada. É unha forma de habitar o territorio desde o respecto, a identidade e o coidado, valores que encaixan plenamente coa filosofía de Ancares Terras de Burón como destino de ecoturismo. Aquí, cada detalle fala de tempo, de historia e de vínculo coa terra. Un lugar onde o rural non se transforma para parecer outra cousa, senón que se reivindica tal e como é.
Ecoturismo que nace do local
Casa do Bico forma parte desa rede de iniciativas que fan posible que Ancares Terras de Burón sexa un destino de ecoturismo certificado, integrado no Club de Produto Soy Ecoturista.
Este recoñecemento non é só un selo: implica un compromiso real co territorio, coa conservación da natureza e cunha maneira de viaxar máis consciente e respectuosa. Aquí, o turismo constrúese desde dentro, desde proxectos que nacen da propia comunidade.

Na actualidade, o Xeodestino conta con arredor de 22 empresas dentro do ámbito de Soy Ecoturista e 11 están en proceso de certificación entre aloxamentos, experiencias, gastronomía e iniciativas vinculadas á natureza e á cultura local, que traballan en rede para ofrecer unha proposta coherente e sostible.
Casa do Bico é unha delas. E iso nótase. Porque o ecoturismo aquí non son só actividades na natureza, senón tamén espazos, persoas e historias que dan sentido á viaxe. Proxectos que coidan o entorno, que valoran o rural e que permiten vivir o territorio desde dentro, non como espectador, senón como parte del.
Ademais, dentro do propio proxecto, acolle tamén a Despensa de Ancares: un espazo que conecta ás persoas visitantes cos produtos locais e coa cultura alimentaria da montaña. Unha sinerxía entre o sector de turismo e o agroalimentario.

Porque entender un territorio tamén é saborealo. E aquí, os produtos non son só consumo: son paisaxe, traballo e identidade.
Casa do Bico é, en definitiva, un exemplo de como se pode crear desde o rural, vivir na montaña e abrir o territorio ao mundo sen perder a esencia. De feito, Chelo forma parte da Rede de Mulleres do Territorio do GDR Montes e Vales Orientais, unha rede que integra a mulleres dos 14 concellos nos que traballa o GDR, que busca espazos de empoderamento e visibilización do talento das mulleres do rural.
Un lugar para descansar – conta con jacuzzi, hamacas e sofás -, pero tamén un lugar para compartir, aprender e seguir construíndo comunidade.
Para facer reservas podedes contactar con Chelo no teléfono 633 86 10 78, na web www.casadobico.com ou consultar as súas redes: Instagram e Facebook.



