14 concellos en 7 días: Ribeira de Piquín e A Pontenova

Continuando coa ruta de 14 concellos en 7 días, na xornada de hoxe irémonos á parte Norte do noso Xeodestino para visitar os dous últimos concellos. Trátase da Ribeira de Piquín e A Pontenova, dous municipios nos que o río Eo foi durante décadas motor de distintas actividades económicas e tivo un peso moi importante a nivel social.

Iniciaremos o percorrido na Ribeira de Piquín e, de feito, unha das primeiras paradas será nunha ponte colgante sobre o río Eo (ao carón na imaxe da Deputación) situada na parroquia de Navallos. Trátase dunha estrutura feita con materiais metálicos e apoiada en dous piares de formigón, a modo de portas, que soportan os cables tensores e que serven para atravesar dunha beira á outra do río. Ademais está rodeado por distintas especies arbóreas e paga a pena deterse no medio da ponte e desfrutar da paisaxe que conforman estas árbores e o río.

O noso seguinte punto de parada será na aldea de Mende, a uns seis quilómetros e medio do Chao do Pousadoiro, a capitalidade da Ribeira de Piquín. Mende é unha pequena e fermosa aldea colgada nunha ladeira, ás beiras do río Eo, e nela atoparemos varios hórreos coa morfoloxía típica dos Ancares e as Terras de Burón. Isto significa que están construídos en madeira e contan cunha base cadrada e o teito está feito a catro augas. Moi preto destes hórreos hai outro que, en cambio, se asemella máis á tipoloxía dos que nos atopamos na Terra Chá, xa que é alongado e con estrutura a base de pedra, xisto e laterais de madeira.

Na nosa viaxe entre a Ribeira de Piquín e A Pontenova podemos atopar outras paraxes de extraordinaria beleza. Non en van, os treitos medio e final do Eo ao seu paso por estes dous concellos, A Fonsagrada, Riotorto, Trabada e Ribadeo conforman a Zona de Especial Conservación do río Eo, acreditada desde o 2014 pola Rede Natura 2000. Nesta zona poderemos desfrutar da presenza de especies como o salmón, a boga, o sábalo, a lamprea mariña ou o mexillón de río.

O Eo contén treitos realmente espectaculares no seu curso medio, onde podemos observar vestixios da riqueza que ofreceu este cauce fluvial aos veciños da zona. Un bo exemplo é o carreiro de pescadores da Ribeira de Piquín ou, xa pasando á Pontenova, a Vía Verde do Eo, que arrinca nos altos fornos de fundición pontenoveses e continúa durante uns 12 quilómetros ata desembocar en San Tirso de Abres, seguindo a pegada do antigo tren mineiro.

A seguinte parada na Pontenova farémola no miradoiro do forno de Boulloso (na imaxe de ao carón), un lugar que serve para facer un repaso ao pasado industrial da vila no último século. Trátase dun antigo forno de calcinación que se conserva da antiga batería de fornos do grupo de minas de Boulloso e que recentemente foi reformado instalando unha plataforma na súa parte superior, onde acolle o miradoiro. O forno levantouse no 1905 e formou parte da notable infraestrutura mineira que tivo A Pontenova e que marcou a vida económica e social da zona. Mantívose en funcionamento ata os anos 50 queimando o material extraído en distintas minas da comarca, quedando despois separados os restos sulfurosos, destinados a elaborar fertilizantes, do ferro de calidade que era exportado desde Ribadeo a Alemaña ou ao Reino Unido.

Outra visita interesante na Pontenova é a do Santuario de Santa María de Conforto, mentres que na Ribeira de Piquín tamén paga a pena achegarse ao Miradoiro de Barangón (na imaxe que acompaña estas liñas), con parada previa para coñecer o seu Ecce Homo, para gozar dunhas vistas fantásticas do municipio e da inmensidade e fermosura da Reserva da Biosfera do río Eo, Oscos e Terras de Burón. En días claros pódense contemplar incluso zonas de Asturias e mesmo As Pontes, xa na provincia da Coruña. Este miradoiro conta ademais cunha estrutura de madeira que serve de zona de descanso, aparcamentos e uns accesos mellorados nos últimos tempos.
Follow us on Social Media