14 concellos en 7 días: Becerreá e Láncara

Continuamos coa nosa ruta de ’14 concellos en 7 días’. Nesta ocasión desprazámonos ata os concellos de Becerreá e Láncara para coñecer algún dos seus lugares e monumentos máis destacados. Comezaremos a xornada en Becerreá cunha visita moi especial a un bosque de fantasía. Dentro do espazo natural de máis de 618 hectáreas que forman o aciñeiral de Cruzul e o souto de Agüeira, que conta coa protección da Rede Natura 2000, atópase un lugar case máxico. Falamos do bosque dos Grobos. Está situado na parte baixa do souto da Agüeira, polo que está rodeado de castiñeiros, e é un dos espazos máis singulares desta zona e de toda Galicia. Trátase dunha ampla afloración de rocha calcaria que foi modelando a auga durante os últimos séculos para darlle unha aura case máxica. Os contrastes provocados pola intensa cor verde da vexetación e polas luces e sombras que penetran entre os pasadizos danlle un colorido especial a este labirinto de rochas kársticas.

Aínda que destacamos o bosque dos Grobos, o resto deste espazo natural tamén merece moito a pena para dar un paseo longo gozando dun lugar que pertence á rexión bioxeográfica atlántica, pero que, grazas ás súas peculiares características xeolóxicas, acolle especies mediterráneas como as aciñeiras e outras autóctonas coma os castiñeiros que podemos atopar no souto, que na súa parte máis alta mesmo se converte nun bosque mixto debido á presenza tamén de carballos. Ao carón deste museo natural ao aire libre podemos achegarnos tamén a coñecer un pedazo da historia de Becerreá visitando a ponte de Cruzul, unha infraestrutura construída no século XVIII, nos tempos do reinado de Carlos III. Esta ponte amosa a importancia estratéxica que tivo este territorio no pasado e agora serve de acceso a un aciñeiral moi pouco habitual en terras galegas. De feito, é o situado máis ao norte de Galicia e está a 600 metros sobre o nivel do mar.

A nosa seguinte parada farémola a pouco máis de 10 quilómetros no Mosteiro de Santa María de Penamaior, aínda no concello de Becerreá, pero moi cerca dos límites municipiais con Baralla. Este templo está situado en plena Vía Künig e existen referencias que o sitúan xa en pé no ano 922, aínda que a igrexa é algo posterior, xa que se cre que foi levantada aló polo ano 1177. Conta cunha planta basilical e ten tres naves e outras tantas ábsidas.

Abandonamos Becerreá e dirixímonos xa a Láncara nunha viaxe de 22 quilómetros que non nos levará percorrer máis de media hora en coche. Aquí visitaremos a Ponte de Carracedo, que serve para salvar o río Neira. Foi construída en granito no século XVI, pero crese que se construíu a partir doutra edificación anterior dos romanos, xa que por aí circulaba unha vía romana que levaba a Lugo. De feito, tamén se coñece como Camiño dos Romanos, onde conflúen as rutas xacobeas do Camiño Francés e o Primitivo. A ponte é unha peza de gran porte, con 62 metros de lonxitude e unha calzada de 3’5 metros, así como forma de xiba de dromedario pola súa importante elevación central. Ten catro arcos de medio punto, sendo os máis pequenos os que levan a pensar aos expertos en que foron os romanos os primeiros en elevar unha construción nese punto para superar o río Neira.

Logo desta visita, iremos gozar da área recreativa e fluvial de Láncara, onde tamén poderemos aproveitar para picar algo nalgunha das súas mesas de pedra. Dedicada a Manuel Fernández Arrojo, ‘Manolo de Benita’, un dos fundadores da Asociación Cultural Val de Láncara e gran impulsor da banda de gaitas local, conta cun pequeno parque infantil, as devanditas mesas e unha ponte de madeira sobre o Neira. No verán fai as funcións de praia fluvial, así que darse un baño refrescante é outra das opcións que nos ofrece esta área recreativa.

Se temos a oportunidade de pasar un par de días entre estes dous concellos, tamén contan con outros lugares interesantes para visitar e coñecer o seu pasado como a Ponte do Gatín, no concello de Becerreá, que ten unha lenda que dí que foi construída polo mesmo demo; ou a casa natal do pai de Fidel Castro, en Láncara, que hoxe é un museo adicado á emigración galega.

Follow us on Social Media