14 concellos en 7 días: Pedrafita do Cebreiro e As Nogais
Achegámonos aos concellos de Pedrafita do Cebreiro e As Nogais para facer unha ruta que se pode completar nunha soa xornada. Percorrendo o territorio mentras se visitan estes lugares, tamén vos recomendamos facer algunha parada para desfrutar da nosa rede de micropaisaxes.
Empezamos o noso percorrido no Cebreiro, un dos lugares máis emblemáticos do Camiño de Santiago, xa que é o punto de entrada a Galicia da vía francesa. Este conxunto etnográfico ben merece unha parada longa para empaparnos da arquitectura típica das montañas luguesas, que será a predominante nalgunha das vindeiras paradas, e do xeito de vivir dos seus antigos moradores. Isto último podémolo facer visitando a palloza musealizada que estivo habitada ata hai poucas décadas.
Pero o corazón deste lugar é o santuario de Santa María A Real, un templo de estilo prerrománico do século IX. As súas características principais son a planta rectangular e o tellado de lousa feito a dúas augas. No seu interior poderemos atopar unha pía bautismal datada no século IX e a lenda que conta O Milagre do Cebreiro asegura que as reliquias gardadas neste santuario son o Santo Grial galego.
A importancia que ten O Cebreiro no Camiño de Santiago, e viceversa, podemos comprobala na escultura dedicada a unha peregrina que recibe ás persoas que peregrinan ata aquí. Este núcleo histórico está declarado Ben de Interese Cultural (BIC), polo que ten unha protección e un encanto especial.
Seguindo o Camiño Francés, uns seis quilómetros despois -oito minutos en coche e unha hora e cuarto a pé- e logo de gozar dunhas paisaxes de montaña espectaculares, chegaremos ao Hospital da Condesa, un lugar no que gozaremos da igrexa de San Xoán, outra pequena xoia do románico máis austero. Cóntase que esta poboación ten a súa orixe nun hospital creado no século IX, sendo un dos primeiros da vía a Compostela. A que ordenou a construción sería dona Egilo, a esposa do Conde Gatón do Bierzo, polo que de aí viría o apelido da aldea.
En canto ao templo, levantouse no século XII e crese que estivo vinculado ao mosteiro do Cebreiro. Conta cunha planta de cruz latina e torre cadrada coroada pola cruz de Santiago e cunha escaleira exterior.
Abandoaremos o Camiño Francés para dirixirnos ata Pacios, a uns cinco quilómetros do Hospital da Condesa, onde nos volveremos deter nun interesante templo. Neste caso será na igrexa de San Lourenzo de Pacios, que conxuga elementos de distintas épocas. A súa planta é irregular con muros de cachotaría lousenta e cuberta a dúas e catro augas con teito de lousa. No seu interior destaca a presenza de esculturas e retablos da época barroca, concretamente do século XVIII. O cemiterio está ao carón da igrexa.
Aquí finalizaremos a nosa visita ao concello de Pedrafita do Cebreiro, dirixíndonos xa ao das Nogais, onde nos esperan outros vestixios do importante pasado que tivo esta zona séculos atrás. Trátase concretamente dos restos de dous castelos medievais. A primeira parada será na parroquia de San Xoán de Torés, onde nos atoparemos nun pequeno alto unha torre que formaba parte do Castelo de Torés. De orixe medieval, aínda que xa no final da Baixa Idade Media, os estudos din que se construíu no século XV a partir dos restos dunha fortificación ou incluso dunha mansión romana. Pertenceu a Álvaro González de Ribadeneira ata que lle foron confiscados os seus bens e hoxe en día xa só quedan en pé restos da torre da homenaxe e parte das murallas.
Esta visita aos concellos de Pedrafita do Cebreiro e As Nogais pódese facer nun so día, pero se podedes pasar máis dunha xornada, son moitos os segredos naturais, paisaxísticos e monumentais que agochan estes dous concellos.