Desfrutando das micropaisaxes entre O Cebreiro e Santa María de Penamaior

Powered by Wikiloc

Neste artigo ímosvos propoñer realizar unha ruta duns 65 quilómetros que percorre o corazón dos Ancares Lugueses, unha viaxe que se pode facer en coche, moto ou bicicleta desfrutando dunhas paisaxes autenticamente espectaculares entre O Cebreiro e o mosteiro de Santa María de Penamaior, en Becerreá. Ademais de fabulosas panorámicas, nesta marcha deterémonos en elementos da arquitectura da zona, noutros que serviron para aproveitar os cauces dos ríos e en distintos monumentos. A maioría aparecen no catálogo de Micropaisaxes do Xeodestino Ancares Terras de Burón.

O punto de partida é, de feito, un monumento. Trátase do santuario de Santa María A Real, un templo de estilo prerrómanico do século IX que forma parte do conxunto etnográfico do Cebreiro e que é o máis antigo que se pode atopar no Camiño de Santiago (foto a carón). Serviranos para achegarnos á arquitectura típica das montañas luguesas, que será a predominante nalgún das vindeiras paradas. A planta rectangular e o tellado a dúas augas de lousa son dúas das cousas son dúas das características principais. O Cebreiro é un dos lugares máis recoñecidos do Camiño a Santiago, así que alí tamén nos atoparemos coa escultura dedicada a unha peregrina.

 

No noso percorrido polo concello de Pedrafita do Cebreiro, os mananciais e o río Navia serán practicamente compañeiros inseparables, xa que unha vez que nos atopemos a este último, viaxaremos en sentido inverso ao seu curso ata chegar ao seu nacemento. Se imos en bici, poderemos parar na fonte de Fontevedra, moi preto aínda do Cebreiro, para refrescarnos e encher o bidón de auga. Logo de visitar a capela de Barxamaior e o muíño e as presas de Connavia, no que será o noso primeiro contacto co río, avanzaremos pola conca alta do mesmo podendo observar outros muíños en Fonteferreira ata chegar a Busnullán, onde nos atopamos coa coqueta capela de San Francisco e, a apenas un quilómetro, co nacemento do Navia, nunha paraxe fermosa na que teremos que deixar o coche a un lado para poder visitala.

Pouco a pouco iremos abandonando os límites municipais de Pedrafita de Cebreiro a través da subida ao Alto de Vilasol, onde entraremos no veciño concello de As Nogais. Logo de repostar na fonte de Barraceira chegaremos á igrexa da aldea de Sancosmede de Nullán para posteriormente dirixirnos a Alence, que conta cunha igrexa e dálle nome a un pequeno regato que é afluente do Navia. O seguinte punto de interese será en Reteixeira, onde podemos contemplar as afloracións kársticas propias da Caliza de Vegadeo.

Desde alí dirixiremos os nosos pasos á area natural do Regueiro de Cabanas e o noso seguinte punto de parada será a señorial torre de Torés, que observa unha fantástica explotación gandeira de montaña  aos seus pés. Nesta parroquia das Nogais deterémonos tamén na igrexa de San Xoán e logo subiremos un pouco para poder contemplar unha fantástica panorámica do val ao que lle dá nome esta localidade. Abandonaremos o concello visitando a aldea de Riomao, onde destaca unha alfombra de arandeiras entre piñeiros, e o Souto de Vilaicente cos seus castiñeiros centenarios.

Deste xeito adentrarémonos no concello de Becerreá, fin da nosa ruta. Farémolo gozando doutra boa panorámica no límite coas Nogais e dun novo souto. Neste caso será o de Cormes, tamén con castiñeiros centenarios e moi cerca do bosque dos Grobos. Logo de recuperar forzas tomando un grolo na fonte de Morcelle, visitaremos a súa igrexa  e seguidamente atoparémonos xa cunha panorámica na que poderemos observar ao fondo Becerreá e algo máis cerca Cruzul, onde faremos a seguinte parada da nosa ruta, previo paso pola capela de San Benito de Horta, en plena Vía Künig de peregrinación a Santiago.

En Cruzul atoparemos un dos tradicionais postes quilómetros que sinalizaban as estradas décadas atrás e a impresionante ponte do século XVIII, construída polo tanto en tempos de Carlos III. Para aqueles que dispoñan de máis tempo, adentrarse a pé no aciñeiral de Cruzul e o souto de Agüeira é unha opción moi recomendable.

Seguindo o noso camiño deterémonos na fonte de Castelo e xa enfilaremos as dúas últimas paradas da mesma, que terán como protagonista á parroquia de Santa María de San Lourenzo de Penamaior. Primeiro pasaremos pola capela de San Lourenzo e remataremos a nosa ruta no mosteiro de Santa María de Penamaior (foto a carón), unha vez máis en plena Vía Künig e cerca xa do veciño concello de Baralla. Este templo conta con máis dun milenio de historia, xa que existen referencias de que xa estaba en pé no ano 922, aínda que á igrexa, con planta basilical, tres naves e outras tantas ábsidas, non foi levantada ata a segunda metade do século XII.

 

Tempo estimado e dureza

Esta ruta, que se pode facer nunha mañá ou nunha tarde en coche (unhas 3 horas de duración), contén, como avanzamos ao comezo, cun bo feixe das micropaisaxes do catálogo que ten o noso Xeodestino Ancares Terras de Burón. Aqueles que se animen a facela en bici necesitarán máis tempo, xa que a súa dificultade é moderada e ten un desnivel positivo de 1.457 metros, sendo 1.304 sobre o nivel do mar a altitude máxima á que hai que subir e 492 metros, o punto máis baixo. O esforzo pagará a pena polas vistas e os lugares que atoparedes no voso camiño.

Follow us on Social Media