A Semana Santa dos Ancares colle forza con máis actos e procesións

A axenda de actos litúrxicos da Semana Santa na comarca dos Ancares vén este ano cargada de novidades grazas á creación da Cofradía do Cristo dos Ancares, que recuperará procesións perdidas hai xa catro décadas e porá en marcha outras iniciativas novidosas coma o pregón ou tamborradas por todos os pobos da bisbarra. A cofradía, creada recentemente e xa cuns 50 cofrades, foi impulsado polas asociacións As Candelas, Zoela e Abrente, coa coordinación do párroco de Becerreá, D. José Río, que ademais é o primeiro presidente do colectivo. 

 

 A Semana Santa arrincará este vindeiro Sábado de Paixón, día 23 de marzo, co pregón, que tamén é outras das novidades. Dará comezo ás seis da tarde na igrexa de San Xoán de Becerreá e será a cargo de D. Luciano Javier Armas Vázquez, sacerdote da parroquia Santiago A Nova, en Lugo. “A nosa intención é que o pregón vaia rotando polos concellos da comarca e para o ano que vén é moi posible que sexa nunha parroquia da zona das Nogais”, avanza o párroco becerreense.

Procesión da Borriquiña

Xa o Domingo de Ramos, día 24, será a quenda para a coñecida como Procesión da Borriquiña, que no caso de Becerreá comezará ás 11:45 horas coa bendición dos ramos, e irá seguida de misa e da devandita procesión, que sairá desde a casa consistorial e rematará na igrexa. “Este ano, como novidade, esperamos contar cunha borriquiña que nos acompañe. Antes só se bendecían os ramos, pero así queda moito máis vistoso e á xente gústalle participar e deste xeito queda moito máis participativa. Virá tamén alguén caracterizado de Xesús e uns pequenos con túnicas brancas. Como queremos que isto se revitalice en toda a comarca, estou intentando que nas Nogais se faga o mesmo”, explica Río.

Así mesmo, este Domingo de Ramos haberá misa e bendición dos ramos nas Nogais (11 horas), Cervantes (12 horas), O Cebreiro (12/18 horas), Baralla (12:30 horas), Navia de Suarna (13 horas) e Pedrafita do Cebreiro (13 horas).

Tamborradas

O luns e o martes será o turno para os tambores con ata sete tamborradas, outra das innovacións deste ano. A tamborrada comarcal arrincará o luns en Navia de Suarna (17:30 horas), Cervantes (19 horas) e O Cádavo-Baleira (20 horas), tomando a remuda o martes Baralla (17 horas), Pedrafita (18 horas), As Nogais (19 horas) e Becerreá (20 horas). Durarán aproximadamente media hora en cada lugar e desenvolveranse diante das casas consistoriais de cada poboación. “O ano pasado viñeron tocar a Becerreá os membros da Asociación Abrente das Nogais na procesión do Venres Santo e houbo xente que se interesou por aprender a tocalo, xa que aquí non había esa posibilidade. Agora temos uns obradoiros no que un grupo de xente está aprendendo e tamén traballan coa pandeireta e a gaita, así que vai tocar xente das Nogais, Baralla e Becerreá, animando a todos aqueles que se queiran sumar a que veñan connosco porque vai haber un autobús dispoñible os dous días”, sinala o párroco.

Xoves e Venres Santo

O Mércores Santo (día 27) estará aberta a igrexa de Becerreá entre as 18 e as 20 horas para que os fieis poidan orar e venerar as imaxes, mentres que o Xoves Santo (día 28) haberá nos distintos concellos a misa na que se representará a Cea do Señor (consultar horarios no calendario inferior) e ás sete da tarde dará comezo en Becerreá a novidosa Procesión do Ecce Homo, que contará cun percorrido que atravesará a Nacional VI e a rúa Navia para regresar á igrexa subindo por a carón do xulgado. Ademais das condicións meteorolóxicas, un posible corte de tráfico na autovía podería suspender ou acortar a procesión: “Sacamos a talla que se coñece como O Santo. Está na parroquia de San Pedro de Cadoalla e tenlle moita devoción toda a comarca. Ata vén xente incluso de Triacastela”.

O Venres Santo (día 29) volverán saír polas rúas de Becerreá “o Cristo Crucificado e a Dolorosa, rezando un Vía Crucis coas súas paradas pola rúa, unha tradición que se perdera hai 40 anos”, expón o párroco becerreense. O Vía Crucis dará comezo ás sete da tarde e tamén haberá misas nas outras localidades, así como procesión en Baralla.

O Sábado de Gloria (día 30) celebrarase a Vixilia Pascual e haberá un ágape diante da igrexa de Becerreá ás nove da noite. A Semana Santa dos Ancares pecharase o Domingo de Resurrección coas distintos misas de Pascua (mirar calendario). “Se a xente segue animada, nun futuro ao mellor nos facemos cunha imaxe de Xesús Resucitado para saír de procesión cada ano nun concello diferente, unir aínda máis a comarca e pechar a Semana Santa ao grande”, expón D. José Río.

Compoñente social e lúdica

Alén dos motivos relixiosos, o sacerdote sinala que todo o traballo que se está facendo ten tamén un carácter lúdico e social. “Queremos manter as tradicións e isto é unha oportunidade para que a xente se reúna e se vexan máis aló do Xoves e o Venres Santo. Cada vez somos menos na comarca e hai que unirse para poder facer máis cousas e tamén nos interesa que non se perdan nin as procesións nin a música tradicional (na imaxe, grupo da Asociación Abrente das Nogais). Por iso tamén incluímos a gaita e a pandeireta nos obradoiros de música, que se cadra non son instrumentos para saír na Semana Santa, pero si para outras épocas do ano como as festas de San Xoán ou o Corpus, como fixemos o ano pasado en Becerreá. E logo o que nos interesa é que haxa actos no resto de concellos, non só en Becerreá, e que nós vaiamos a Navia tocar e os de Navia veñan aquí ou a Pedrafita. Que nos xuntemos todos para facer máis grande a Semana Santa e os actos que se organizan na comarca durante o ano”, conclúe.

CALENDARIO DE ACTOS DA SEMANA SANTA DOS ANCARES

Sábado de Paixón (23 de marzo):

  • 18 horas: Pregón na igrexa de San Xoán de Becerreá a cargo do reverendo Luciano Javier Armas Vázquez, párroco de Santiago A Nova (Lugo)

Domingo de Ramos (24 de marzo):

  • 11:00 horas: Misa e bendición de Ramos nas Nogais
  • 11:45 horas: Misa e bendición de Ramos en Becerreá
  • 12:00 horas: Misa e bendición de Ramos en Cervantes
  • 12:00 horas / 18:00 horas: Misa e bendición de Ramos no Cebreiro
  • 12:30 horas: Misa e bendición de Ramos en Baralla
  • 13:00 horas: Misa e bendición de Ramos en Navia e Pedrafita

Lunes Santo (25 de marzo):

  • 17:30 horas: Tamborrada en Navia de Suarna
  • 19:00 horas: Tamborrada en Cervantes
  • 20:00 horas: Tamborrada no Cádavo (Baleira)

Martes Santo (26 de marzo):

  • 17:00 horas: Tamborrada en Baralla
  • 18:00 horas: Tamborrada en Pedrafita
  • 19:00 horas: Tamborrada nas Nogais
  • 20:00 horas: Tamborrada en Becerreá

Mércores Santo (27 de marzo):

  • 18:00 – 20:00 horas: Oración e veneración das imaxes na igrexa de Becerreá
Xoves Santo (28 de marzo):

  • 16:00 horas: Cea do Señor en Cervantes e As Nogais
  • 17:00 horas: Cea do Señor en Navia de Suarna e Pedrafita
  • 18:00 horas: Cea do Señor en Becerreá
  • 19:00 horas: Cea do Señor en Baralla e O Cebreiro
  • 19:00 horas: Procesión do Ecce Homo en Becerreá

Venres Santo (29 de marzo):

  • 16:00 horas: Oficio da Paixón en Cervantes, Baralla e As Nogais
  • 17:00 horas: Oficio da Paixón en Navia de Suarna e Pedrafita
  • 17:30 horas: Oficio da Paixón en Becerreá
  • 19:00 horas: Vía Crucis polas rúas de Becerreá
  • 19:00 horas: Oficio da Paixón no Cebreiro

Sábado de Gloria (30 de marzo):

  • 20:00 horas: Vixilia Pascual en Cervantes, Navia de Suarna, O Cebreiro, Baralla e Becerreá
  • 21:00 horas: Ágape fraterno diante da igrexa de Becerreá

Domingo de Resurrección (31 de marzo):

  • 11:00 horas: Misa de Pascua nas Nogais
  • 12:00 horas: Misa de Pascua no Cebreiro e Becerreá
  • 13:00 horas: Misa de Pascua en Navia de Suarna
  • 20:00 horas: Misa de Pascua en Cervantes e Baralla
Follow us on Social Media