Sete miradoiros que te deslumbrarán
Déixate seducir polo Xeodestino Ancares Terras de Burón gozando das panorámicas que proporcionan os impresionantes miradoiros que temos esparexidos polo noso territorio.
Hoxe presentamos sete miradoiros que non vos deberíades de perder por nada do mundo. En todos destaca unha beleza natural paisaxística de primeiro nivel e outros contan co engadido de amosar un pedazo da historia dos Ancares e das Terras do Burón. É o caso do primeiro que vos ensinamos.
Miradoiro da Torre de Doncos (As Nogais)
O miradoiro da Torre de Doncos, no concello de As Nogais, é seguramente un dos máis impresionantes que existen no noso Xeodestino, porque ten unha parte do chan acristalada que fai conter a respiración.
Inaugurado no ano 2018, desde o 2020 conta co atractivo de que tamén pode ser visitado de noite grazas á iluminación que se proxecta sobre a torre de Doncos.
Miradoiro Río Ser Vilaquinte (Cervantes)
O río Ser, un dos múltiples afluentes do Navia, serpentea por un val encaixonado no medio dos Ancares onde xurde a aldea cervantega de Vilaquinte. Este miradoiro serve para atopármonos coa inmensa realidade dos picos redondeados que forman Os Ancares e gozar da visión dos fermosos bosques que conforman unha riquísima paleta de cores e que van cambiando en función da época do ano na que nos atopemos.
Quen visite este miradoiro pode perderse baixando a súa ollada polas ladeiras e desfrutando dos múltiples detalles que nos ofrece esta zona da Montaña luguesa.
Fonte do miradoiro de Láncara
Moi preto deste miradoiro de Láncara, tamén coñecido como da Pedreira, atópase unha curiosa fonte (pódela ver nunha das imaxes deste artigo, que pertence á nosa Rede de Micropaisaxes) formada por unha gran rocha granítica, semioculta pola vexetación. Xunto a ela instalouse unha pequena fonte de pedra da que mana auga fresquísima. Trátase dunha zona moi húmida con abundancia de grandes fentos e carballos de gran tamaño. A visión desde o miradoiro de Láncara, que abrangue moitos quilómetros á redonda, ofrece uns espectaculares solpores e abrentes.
Alto da Serra – Pico do Forno de Martín
Moi cerca do nacemento do río Miño, dentro tamén do concello de Meira, atopamos o miradoiro do Alto da Serra ou tamén chamado Pico do Forno de Martín, un lugar que ofrece unhas marabillosas vistas a leste e oeste da súa situación. Se diriximos a mirada cara o leste poderemos observar as formacións montañosas da comarca da Fonsagrada, así como un val formado polo río Eo que corre de sur a norte. Ao fondo tamén se poden ollar os cumios máis altos dos Ancares. Mentres, se levamos a mirada cara o oeste desfrutaremos da visión da Terra Cha. Oculto pola ladeira atópase o Pedregal de Irimia, onde nace o río Miño. Obsérvase preto Meira e tamén se albiscan máis ao lonxe Castro de Rei ou Cospeito.
Miradoiro Murias de Rao (Navia de Suarna)
O Miradoiro de Murias de Rao atópase sobre o río Balouta e ao mesmo pódese chegar a través da estrada LU-P-3508. Desde a plataforma instalada como miradoiro pódense contemplar as coñecidas como ‘Penas de Murias’, unhas impresionantes paredes de rocha que emerxen impoñentes diante do val do Rao, así como outras montañas e verdes vales. Conta con panel informativo, mesas e bancos de madeira ideais para facer unha pequena parada no camiño para comer.
Forno de Boulloso (A Pontenova)
Na Pontenova atopamos un miradoiro que serve para facer un repaso ao pasado industrial da vila no último século. Trátase do Forno de Boulloso, un antigo forno de calcinación que se conserva da antiga batería de fornos do grupo de minas de Boulloso e que recentemente foi reformado instalando unha plataforma na súa parte superior que acolle o miradoiro.
Este forno levantouse no ano 1905 e formou parte da notable infraestrutura mineira que tivo A Pontenova e que marcou a vida económica e social da zona. Nestes fornos queimábase o mineral extraído en distintas minas da comarca e unha vez dentro del quedaban separados os restos sulfurosos, destinados a elaborar fertilizantes, do ferro de calidade que era exportado desde Ribadeo a Alemaña ou o Reino Unido. Mantívose en funcionamento ata os anos 50 e polo tragante superior, lugar onde se pode gozar agora dunhas fantásticas vistas, era por onde se botaba todo o mineral primixenio.
A imaxe deste mirador, pertence a Turismo de A Pontenova.
Miradoiro de Barangón (Ribeira de Piquín)
O miradoiro de Barangón ofrece unha das mellores vistas de Ribeira de Piquín, coa posibilidade, nos días claros, de contemplar zonas de Asturias e incluso As Pontes, xa na provincia da Coruña. É sen dúbida un dos mellores puntos para desfrutar de toda a inmensidade e fermosura da Reserva da Biosfera do río Eo, Oscos e Terras de Burón. Ademais, desde hai seis anos, este miradoiro conta cunha estrutura de madeira cunha zona de descanso, aparcamentos e uns mellores accesos.
Este miradoiro é ademais un lugar perfecto para os amantes da bicicleta, xa que desde O Chao de Pousadoiro son algo máis de catro quilómetros de ascensión explosiva a través da estrada LU-P-5404 que fará as delicias dos cicloturistas que se animen a subila.
A imaxe deste mirador, pertence ao Concello de Ribeira de Piquín.