Paraxes e áreas onde refrescarse no verán
7 praias fluvias en Ancares – Terras de Burón
Cando a calor aperta no verán, unha das mellores opcións para refrescarse dentro do noso Xeodestino é acudir a algunha das múltiples áreas recreativas fluviais espalladas polo territorio. Nesta entrada ímosvos presentar sete opcións que, ademais de permitir darse un baño para rebaixar a calor do estío, están perfectamente equipadas para poder botar unha xornada completa ao pé dun dos fantásticos ríos que discorren polas nosas terras, desfrutando dun picnic ou mesmo de facer a comida nas grellas que hai espalladas en varias delas.
- Área recreativa Manuel Fernández Arrojo – Láncara.
- Praia fluvial da Pobra de San Xiao – Láncara.
- Área recreativa Manuel Jesús González Capón – Baralla.
- Área recreativa do Río de Pé – Navia de Suarna.
- Áreas recreativas da Proba – Navia de Suarna.
- Praia fluvial de Naraxa (ou Pena do Inferno) – A Fonsagrada.
- Área recreativa de Chao de Pousadoiro – Ribeira de Piquín.
A veciñanza e visitantes de Láncara teñen dúas alternativas dentro deste concello e en ámbalas dúas aparece o río Neira coma o gran protagonista. Por un lado poden gozar da área recreativa Manuel Fernández Arrojo, no núcleo de Láncara, e, polo outro, xa na capitalidade municipal, da praia fluvial da Pobra de San Xiao.
A primeira atópase a menos de cinco minutos do centro de Láncara e está equipada con mesas e bancos de pedra, xogos infantís e unha gran pasarela de madeira que comunica as dúas beiras do río. Mentres, a segunda tamén está moi preto do casco urbano da Pobra de San Xiao e é unha praia fluvial cunha ampla zona verde e de arboredo.
Xa no veciño concello de Baralla, a área recreativa Manuel Jesús González Capón é un espazo idóneo pola súa proximidade ás piscinas municipais. Tamén situada á beira do río Neira, conta cunha área moi grande equipada con varias instalacións deportivas, mesas e grellas para facer barbacoas, paseos e áreas de campo, o que a converte nun lugar axeitado para pasear, desfrutar do río, comer ou merendar. Ademais, dispón dunha área de autocaravanas para os visitantes.
Mentres, en Navia de Suarna tamén dispoñemos de dúas zonas para botar unha tarde refrescante no río que lle dá nome á vila. Por un lado está a área recreativa de Río de Pé, que se atopa logo de pasar A Proba a uns cinco quilómetros do límite con Asturias, ao pé da estrada LU-722. Trátase dun espazo no que o río se estreita formando un canón profundo, polo que conta con abundante vexetación, un refuxio de pescadores, zona de baño e unha pasarela para cruzar a canle fluvial. Moi preto desta área está a aldea de Embernallúas e un quilómetro río abaixo fórmase un espectacular meandro con forma triangular que xera un illote chamado ‘O Coedo’, no que no seu momento puido haber un castro.
A outra opción naviega atópase na capitalidade municipal, na praia fluvial que se sitúa entre a área recreativa do Vanzado e a da Proba. Este espazo permite desfrutar do que queda do ‘vanzado’ ou represa que servía para acumular a auga do río e conducila ata o muíño que se atopa na beira oposta. Esta construción, que se mantivo en uso ata fai pouco tempo, tamén funcionou como central eléctrica. A área do Vanzado conta con mesas e bancos de madeira, unha ampla zona de céspede e árbores. Un pequeno paseo pola beira do Navia permite chegar á emblemática ponte medieval e ao castelo da localidade.
Finalmente, a nosa última parada vai ser no concello de Ribeira de Piquín, concretamente no Chao do Pousadoiro, que é a capitalidade municipal e conta cunha fantástica área recreativa que leva o seu nome e o do salto de auga que se xera alí. Destaca pola súa ampla pradeira, a modo de praia fluvial, e unha represa que xera unha cascada tan ancha como o río Eo.
Ademais destes espazos preparados para poder desfrutar dun bo baño, o Xeodestino tamén conta con outras zonas de recreo para poder gozar dos ríos da contorna a través dunha comida na súa beira ou dun paseo entre os sendeiros que se abren ao carón das súas canles. É o caso da área recreativa das Veigas, en Navia de Suarna, un lugar agradable con mesas, bancos e barbacoas de pedra, así como unha pasarela sobre o río pola que se pode cruzar ata o fermoso núcleo de Barcia. No mesmo municipio atopamos a área recreativa do Cochoso, situada no medio dunha espectacular carballeira.
En Pol contamos coa área recreativa de Mosteiro, lugar perfecto para facer unha comida e botar a tarde ao carón do río Azúmara. Xa un pouco máis ao norte, en Meira, dispoñemos do parque dedicado ao xeógrafo e profesor Francisco Javier Río Barja. É un arboredo con múltiples especies que atravesa o río Miño e que conta con dous hórreos, a recreación en pequeno dun dólmen e unha pasarela sobre o río, entre outros atractivos.
Finalmente, a carón do río Eo atopamos no concello de Ribeira de Piquín a área recreativa de Retorta, que conta cun refuxio de pescadores e un frondoso bosque, ademais de todo o preciso para poder facer unha boa comida ou merenda.