As feiras de Ancares – Terras de Burón
As feiras e os mercados mensuais seguen sendo unha das actividades de socialización máis destacadas no territorio. Aínda que nalgúns concellos foron perdendo forza nos últimos anos, ata o punto de desaparecer en lugares como Negueira de Muñiz ou Ribeira de Piquín, aínda son moitos os lugares que acollen unha ou dúas feiras ao longo de cada mes.
Nestas feiras, a veciñanza pode fornecerse de alimentos de tempada, accesorios para as súas vivendas, apeiros para a labranza, roupa ou mercar todo tipo de sementes e plantas cando é a época das hortas. Nalgúns casos, estas feiras e mercados eran tamén de gando, pero isto foi minguando co paso do tempo.
Hoxe aínda que son moitos os postos ambulantes que seguen percorrendo os ‘mercadillos’ do territorios para corresponder á súa fiel clientela.
As feiras e a gastronomía
Nestas feiras e mercados da montaña de Lugo tamén ocupa un lugar moi importante a gastronomía, destacando sobre todo o produto local e de quilómetro cero. Os postos máis específicos, como os das froitas, vanse amoldando a cada temporada do ano. A moitos destes mercados acudían a vender persoas que lle daban saída aos excedentes de produción das súas hortas e así axudaban a apuntalar a economía familiar.
Un dos elementos máis tradicionais e que non falta en ningunha das feiras é o polbo. A presenza de polbeiras e polbeiros está asegurada en moitos dos mercados da montaña. A veciñanza de distintos puntos da comarca, achégase o día de mercado a comer unhas racións de polbo en compañía de amigos, familiares ou mesmo os compañeiros de traballo. Nalgúns lugares como nas Nogais perdeuse a feira do día 15, pero aínda vén un polbeiro para que non se perda a tradición.
Calendario de feiras en Ancares – Terras de Burón
Estas son as datas de celebración das feiras mensuais en cada concello do territorio:
- A Fonsagrada: O 1º e o 3º sábado
- As Nogais: O día 15 (só caldeiros de polbo)
- A Pontenova: Dous domingos por mes (alterna con Meira)
- Baleira: O día 12
- Baralla: Os días 1 e 18 (o día 7 en Sobrado)
- Becerreá: Os días 3 e 19
- Cervantes: Xa non hai
- Láncara: Os días 2 e 17 na Pobra de San Xiao (o día 24 en Láncara)
- Navia de Suarna: O día 29 e o 2º domingo de mes
- Negueira de Muñiz: Xa non hai
- Meira: Dous domingos por mes (alterna con A Pontenova). Poden consultarse as datas por meses aquí.
- Pedrafita do Cebreiro: Os días 5 e 21
- Pol: O 1º venres de mes en Mosteiro
- Ribeira de Piquín: Xa non hai