Encontro de bloguers para coñecer a gandería sostible da montaña
O Xeodestino Ancares – Terras de Burón impulsou un encontro de bloguers na pasada fin de semana, coincidindo coa Feira en Defensa do Gandeiro de Montaña. Unha acción de visibilidade que forma parte do plan de apoio á gandería sostible e á gastronomía local como elementos dinamizadores do ecoturismo na montaña lucense.
San Román de Cervantes foi escenario este pasado sábado da terceira edición da Feira en Defensa do Gandeiro de Montaña, unha actividade promovida pola Asociación Territorio Verde no Concello de Cervantes e que forma parte do Pasaporte Gastronómico do Xeodestino Ancares – Terras de Burón.
Convocamos a un grupo de blogueiros especializados en viaxes e gastronomía, co obxectivo de visibilizar e reivindicar a labor produtiva, de coidado do territorio e medioambiental que desenvolven os gandeiros da montaña.
Organizamos un blog trip convidando a diferentes bloguers para que coñeceran de primeira man as experiencias de ecoturismo relacionadas coa gandería e a gastronomía do noso territorio. O obxectivo último é que estas experiencias teñan máis visibilidade e que cada vez máis xente as coñeza e decida achegarse a desfrutalas.
Desde o Xeodestino somos conscientes do papel tan importante que ten a gandería sostible na montaña a nivel social, medioambiental e económico. Por iso nas nosas estratexias de desenvolvemento como destino de ecoturismo, colaboramos activamente cos gandeiros e cas pequenas marcas produtoras de alimentos que traballan aquí. Coa súa colaboración, conseguimos crear experiencias únicas para as persoas que nos visitan.
Escollemos a Feira en Defensa do Gandeiro de Montaña por ser unha cita onde os bloguers puideron coñecer e falar con gandeiros e gandeiras, tratantes de gando, produtoras locais e persoas que se achegaron a mercar nos diferentes postos que se instalaron en San Román de Cervantes.
Os participantes no encontro de bloguers, selaron o seu Pasaporte Gastronómico e prolongaron a súa estadía durante toda a fin de semana, para achegarse a lugares como Piornedo, Navia de Suarna, o Castelo de Doiras ou o Castro de Santa María.
Durante a súa visita tamén puideron coñecer e divulgar os novos proxectos dos gandeiros e gandeiras do territorio para comercializar os seus produtos de xeito directo, sen intermediarios, desde a aldea á casa dos seus potenciais clientes. Deste xeito, tiveron ocasión de probar os pratos cociñados que elabora a cooperativa A Carqueixa, coñecer o traballo dos apicultores da man de O curtín de Carlos, saborear os Embutidos Suarna e gozar da gastronomía e dos produtos quilómetro 0 nos restaurantes locais.
De todo isto, deixaron un bo rastro nas súas redes sociais, animando á xente que os segue a visitar este Xeodestino.