A cociña do territorio, na túa casa. Grupo Operativo Gayas
Desde o Xeodestino Ancares – Terras de Burón formamos parte do Grupo Operativo ‘Gayas – Comida de origen, desde la aldea a casa’, un proxecto innovador que engloba a organismos e produtores da montaña de Lugo e do suroccidente asturiano e que busca colaborar na revitalización destas dúas zonas rurais a través do apoio a distintas iniciativas emprendedoras. O grupo ten a vocación de aproveitar as sinerxias e establecer estratexias e canles de comercialización conxuntas.
A nosa implicación como ente turístico é a de fomentar que as persoas que visitan o territorio coñezan a gastronomía, os produtores locais e saiban de primeira man onde se producen eses alimentos, incluso participando en experiencias turísticas nas propias granxas e zonas de cultivo. Por outra parte, as plataformas online onde se comercializan os pratos cociñados de Gayas son o escaparate perfecto para que a xente que compra nelas coñeza as paisaxes e os recursos turísticos do territorio no que se elaboran e producen estes alimentos.
Cofinanciada pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rural (FEDER) e a Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural, Innovación e Formación Agroalimentaria (DGDRIFA), esta plataforma supraautonómica conta na actualidade con sete membros. Xunto ao noso Xeodestino agrúpanse a Asociación de Gandeiros da Fonsagrada (Asgafon); a cooperativa A Carqueixa, de Cervantes, coa súa exquisita carne; Eiroas Ibias, de San Antolín de Ibias, cos seus embutidos de porco; o mel de Outurelos – El País del Abeyeiro, que xestiona Alberto Uría en Negueira de Muñiz; a Queixería Casa Páxaro de Tormaleo (Ibias), con Yolanda Álvarez á cabeza; e por último a Universidade de Santiago de Compostela a través do seu grupo de economía agroalimentaria e medioambiental Ecoagrasoc.
Un rural vivo e con posibilidades
Un dos obxectivos principais deste proxecto é achegar os produtos típicos da zona a toda a península, apostando por un rural vivo, onde aínda se producen alimentos de calidade e poñendo en valor os distintos produtos de tempada. En definitiva, facendo da gastronomía da zona un motor económico, ao mesmo tempo que tamén se lle proporcionan aos produtores locais unhas ferramentas coas que colaborar na venda directa, levando os alimentos da aldea á mesa dos potenciais clientes.
Deste xeito, o grupo Gayas busca unha dobre meta. Por unha banda poñer en valor os recursos do territorio (tamén os turísticos) e amosar que existe un rural con posibilidades, buscando que se produza un retorno económico digno e xusto para os nosos produtores e produtoras.
Impulsar un turismo de calidade
Pero a implicación do Xeodestino vai máis alá, xa que existe outra vertente coa que se persegue lograr un impulso turístico. Ademais de achegar os produtos da Montaña a toda a Península Ibérica, búscase que estas persoas que apostan por consumir alimentos de calidade e de quilómetro 0 se animen tamén a coñecer o propio territorio onde se producen.
Para logralo, o Xeodestino puxo en marcha iniciativas coas que tamén colabora o Grupo Operativo Gayas como o Pasaporte Gastronómico Ancares Terras de Burón, que engloba a 14 feiras e festas que se celebran ao longo de todo o ano nos distintos concellos que forman parte da agrupación; a Rede de Micropaisaxes, pequenos espazos fermosos e senlleiros en torno a un elemento singular, natural ou artificial que se reparten por todo o territorio; ou a Cociña ATB, que permite visitar as granxas nas que se crían as vacas e tenreiros ou coñecer como se traballa nunha panadería tradicional mentres se percorren os camiños e sendeiros que achegarán aos visitantes ás montañas, ríos, fervenzas, fortalezas, castelos e ao resto de monumentos que temos no noso Xeodestino.
Cociña directa á casa
O Grupo Operativo Gayas, puxo en marcha nestes meses de traballo unha iniciativa para explotar o potencial do sector turístico local e impulsar os proxectos agrogandeiros e a produción de alimentos locais. Puxéronse en marcha tres Centros de Transformación Rural no territorio, que permiten transformar as materias primas que se producen aquí en pratos xa cociñados e preservados de xeito que se poden enviar aos domicilios das persoas que fan a compra a través das diferentes plataformas, cumprindo deste xeito co lema de “a cociña de aldea, directa á túa casa”. Quentar e desfrutar!
Deste xeito, coa colaboración dos diferentes membros, conseguimos establecer circuítos curtos de comercialización, baseados na infraestrutura turística local. Así os visitantes poderán probar os nosos pratos cando estean pola zona e logo terán á súa disposición unha plataforma de venda online para, xa de volta nos seus lugares de orixe, facer os seus pedidos e recibir a comida xa elaborada.
O Grupo Gayas traballa en diferentes liñas para facer fronte a encargos especiais para catering de comedores escolares ou restaurantes que queira ofrecer un menú de calidade e con todo o sabor, así como, por exemplo, coa Asociación Galega de Albergues Privados.
Portas abertas
As portas do colectivo están abertas para todos aqueles produtores do territorio que estean interesados en establecer alianzas cos proxectos que forman parte deste grupo operativo. Os que estean interesados en coñecer máis a fondo o seu traballo e unirse, poden recoller toda a información a través do correo electrónico info@gayas.es ou no número de teléfono 982.340.486.