Presentado o Pasaporte Gastronómico do Xeodestino

A Casa do Concello da Fonsagrada acolleu este xoves a presentación do Pasaporte Gastronómico Ancares Terras de Burón, a gran aposta do Xeodestino para este 2023 coa que se busca impulsar 14 feiras e festas gastronómicas que se celebran no noso territorio e que arrinca esta fin de semana do 11 e 12 de febreiro coa celebración no municipio fonsagradino da Festa do Butelo.

Na cita, que incluíu unha degustación de produtos locais ofrecida pola Asociación de Gandeiros da Fonsagrada, participaron o presidente do Xeodestino Ancares Terras de Burón e alcalde da Fonsagrada, Carlos López López; o primeiro tenente de alcalde da Fonsagrada, José Ángel Fernández Carrín; Javier Arias Fouz, delegado territorial da Xunta en Lugo; Paloma Vázquez Fernández, xefa territorial de Turismo da Xunta en Lugo; e Pablo Rivera Capón, deputado provincial da área de Promoción Económica e Social.

Foto: Deputación de Lugo

O Pasaporte

O Pasaporte Gastronómico é unha invitación para percorrer 14 feiras e festas gastronómicas, unha por cada concello que compón o Xeodestino, e permitirá participar en diferentes sorteos. En cada unha destas celebracións, os viaxeiros poderán selar o seu pasaporte e ao rexistralo na web do Xeodestino pasarán a optar aos interesantes e saborosos premios que se sortearán.

Os visitantes poderán descargar o pasaporte na web do Xeodestino e imprimilo ou recollelo de forma física en calquera das catorce feiras e festas. Unha vez o teñan no seu poder, deberán rexistrarse cubrindo un pequeno formulario na mesma páxina web e recibirán un correo electrónico de confirmación que xa lles servirá para entrar no primeiro sorteo. A partir de aquí xa poderán usalo no resto de feiras e festas.

En cada celebración haberá un lugar perfectamente identificado para poder selar o Pasaporte Gastronómico e alí os participantes recibirán un número para o sorteo, que se celebrará na propia feira entre todas as persoas que selasen o pasaporte nesa xornada.

Iniciativa ilusionante

O alcalde da Fonsagrada e presidente do GDR Montes e Vales Orientais, Carlos López, convidou á xente a achegarse a esta fin de semana á Festa do Butelo e a selar o pasarte no stand do grupo operativo Gayas. “Comezamos este pasaporte gastronómico cunha das festas máis recoñecidas do inverno galego e convidamos a todo o mundo a achegarse ao noso concello para desfrutar con nós dela”, afirmou.

Así mesmo, agradeceu “a implicación dos catorce concellos do Xeodestino para poder levar a cabo esta iniciativa que tanto nos entusiasma”, indicou.

As citas e as datas

As catorce celebracións gastronómicas levaranse a cabo entre esta fin de semana e o 7 de decembro, cando se poderá selar a última páxina deste Pasaporte Gastronómico coa participación na Festa do Mar e da Montaña de Becerreá.

 

  • 11-12 de febreiro: Festa do Butelo (A Fonsagrada)
  • 19 de febreiro: Festa da Androlla (Navia de Suarna)
  • 7 de abril: Festa do Queixo do Cebreiro (Pedrafita do Cebreiro)
  • 15 de abril: Festa do Viño (Negueira de Muñiz)
  • 1 de maio: Festa da Troita (A Pontenova)
  • 1 de maio: Festa da Tenreira (Láncara)
  • 13 de maio: Festa da Troita (Ribeira de Piquín)
  • 21 de maio: Festa da Empanada e Produtos dos Ancares (As Nogais)
  • Maio (data por concretar): Feira en defensa do Gandeiro de Montaña (Cervantes)
  • 24 de agosto: Festa do Emigrante (Pol)
  • 27 de agosto: Festa da Malla (Meira)
  • 27-28 de agosto: San Vitorio (Baralla)
  • Setembro (data por concretar): Feira do Mel (Baleira)
  • 7 de decembro: Festa do Mar e da Montaña (Becerreá)
Follow us on Social Media