14 concellos en 7 días: Ribeira de Piquín e A Pontenova
Continuando coa ruta de 14 concellos en 7 días, na xornada de hoxe irémonos á parte Norte do noso Xeodestino para visitar os dous últimos concellos. Trátase da Ribeira de Piquín e A Pontenova, dous municipios nos que o río Eo foi durante décadas motor de distintas actividades económicas e tivo un peso moi importante a nivel social.
Iniciaremos o percorrido na Ribeira de Piquín e, de feito, unha das primeiras paradas será nunha ponte colgante sobre o río Eo (ao carón na imaxe da Deputación) situada na parroquia de Navallos. Trátase dunha estrutura feita con materiais metálicos e apoiada en dous piares de formigón, a modo de portas, que soportan os cables tensores e que serven para atravesar dunha beira á outra do río. Ademais está rodeado por distintas especies arbóreas e paga a pena deterse no medio da ponte e desfrutar da paisaxe que conforman estas árbores e o río.
Na nosa viaxe entre a Ribeira de Piquín e A Pontenova podemos atopar outras paraxes de extraordinaria beleza. Non en van, os treitos medio e final do Eo ao seu paso por estes dous concellos, A Fonsagrada, Riotorto, Trabada e Ribadeo conforman a Zona de Especial Conservación do río Eo, acreditada desde o 2014 pola Rede Natura 2000. Nesta zona poderemos desfrutar da presenza de especies como o salmón, a boga, o sábalo, a lamprea mariña ou o mexillón de río.
A seguinte parada na Pontenova farémola no miradoiro do forno de Boulloso (na imaxe de ao carón), un lugar que serve para facer un repaso ao pasado industrial da vila no último século. Trátase dun antigo forno de calcinación que se conserva da antiga batería de fornos do grupo de minas de Boulloso e que recentemente foi reformado instalando unha plataforma na súa parte superior, onde acolle o miradoiro. O forno levantouse no 1905 e formou parte da notable infraestrutura mineira que tivo A Pontenova e que marcou a vida económica e social da zona. Mantívose en funcionamento ata os anos 50 queimando o material extraído en distintas minas da comarca, quedando despois separados os restos sulfurosos, destinados a elaborar fertilizantes, do ferro de calidade que era exportado desde Ribadeo a Alemaña ou ao Reino Unido.