Blog · 14 concellos en 7 días: Pol e Meira

14 concellos en 7 días: Pol e Meira

Continuamos o noso especial de 14 concellos en 7 días visitando Pol e Meira. Hoxe, os ríos serán moi protagonistas na nosa viaxe. De feito, o primeiro destino en Pol será o Muíño do Mazo, unha instalación perfectamente rehabilitada sobre o río Azúmara e situado nunha zona que invita a dar un agradable paseo entre prados e bosques.

A segunda proposta en Pol levaranos ata a Casa Chaín, que está só a uns seis quilómetros do Muíño do Mazo. Alí, nunha casona antiga reformada por completo hai uns anos, faremos unha inmersión total no proceso de elaboración do pan e de empanadas nun forno tradicional. A actividade completa dá comezo ás 10 da mañá e esténdese ata máis aló das catro da tarde, nun proceso que inclúe o amasado, a preparación do recheo para as empanadas, o ‘roxado’ do forno, a elaboración das empanadas e do pan, un aperitivo con ‘caldo de restrido’ mentres o pan está ao forno, unha degustación de empanada con viño do país e a partir das tres da tarde procederase ao sacado do pan do forno e rematarase a actividade tomando café e postre e desfrutando dunha agradable sobremesa.

Como peche da nosa xornada por Pol podemos achegarnos á área recreativa de Mosteiro, ubicada ao carón do casco urbán do municipio, onde atoparemos un espazo ás beiras do río Azúmara equipado con bancos, mesas e grellas. Neste mesmo merendeiro tamén podemos visitar outro muíño, o do Pacio. Tamén en Mosteiro podemos atopar unha área recreativa para xogos tradicionais que vos recomendamos visitar.

Logo poñeremos rumbo cara a Meira, un concello cuxa visita comezaremos no seu casco urbán achegándonos ao Mosteiro de Santa María de Meira, un templo construído no século XII e que se considera que foi a cerna da vila meirega. A partir deste mosteiro foi medrando o asentamento de xente aos arredores durante varios séculos ata chegar aos nosos días. Da construción inicial consérvase a igrexa e parte das edificacións, destacando os seus retablos e pinturas murais do século XVII.

A nosa seguinte parada será a uns tres quilómetros, onde nos atoparemos co Pedregal de Irimia (que podes ver na imaxe que acompaña o artigo, do Concello de Meira), o punto no que nace o principal río de Galicia, o Miño. Este pedregal é unha morena periglaciar, existente xa hai entre 10.000 ou 20.000 anos, integrada por grandes bloques de cuarcitas que forman un funil de 700 metros de lonxitude.

O Pedregal de Irimia é un lugar único, diferente e que ninguén se debería perder. Ademais de ser de fácil acceso, dispón dunha área de lecer para gozar da paisaxe e conectar coa tranquilidade escoitando o son das augas cristalinas avanzando polas pedras. Adaptado para todos os públicos, tamén é posible visitalo con nenos e nenas e descubrirlles as lendas e poemas que se teñen feito sobre este lugar, que se atopan nun panel informativo ao lado do aparcadoiro xeral.

Que podes ler aquí?

Entradas relacionadas

WhatsApp-Image-2025-08-08-at-12.17.16-scaled
Xeodestino

Torés Escapado 2025: a memoria que revive

O vindeiro 9 de agosto, a pequena aldea de Torés, no concello das Nogais, volverá transformarse nun escenario...
Cabanas_de_Ancares3
Xeodestino

6 empresas da Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses que teñen certificado de ecoturismo

A Casa do Bico, Naviaventours, a Casa O’ Crego, Las Cabañas de Ancares, o Hotel Piornedo e Equusquera son as seis empresas que ofrecen os seus...
Eo-Xunta
Xeodestino

4 empresas da Reserva Río Eo, Oscos e Terras de Burón con certificado de ecoturismo

A Tirolina da Mina (A Pontenova), Sons do Eo Apartamentos Turísticos (Baleira), a Casona de Labrada (A Pontenova)...
foto-grupo
Xeodestino

A 1ª Andaina Xubileo Ancares celebrouse entre San Pedro de Tortes e San Pedro de Cadoalla

A 1ª Andaina Xubileo Ancares, celebrada o pasado domingo 9 de febreiro, foi un auténtico éxito de participación e ambiente. Ducias...