14 concellos en 7 días: Cervantes e Navia de Suarna

Nesta nova entrega de «14 concellos en 7 días», viaxaremos ata os concellos de Cervantes e Navia de Suarna para realizar unha ruta que nos levará a coñecer máis a fondo a arquitectura dos Ancares e o xeito no que se vivía ata non hai demasiado tempo. Será unha boa inmersión etnográfica que comezaremos visitando a aldea de Piornedo, na parroquia de Donís, pertencente ao concello de Cervantes.

En plena Reserva da Biosfera dos Ancares Lugueses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá atoparemos o maior e mellor conservado conxunto de pallozas de toda a península. De orixe prerromana, a palloza é unha vivenda dunha planta, redondeada e cunha grosa cuberta vexetal a base de palla de centeo ou ‘colmos’. Algunhas destas pallozas de Piornedo estiveron habitadas ata os anos 70 do pasado século.

Seguiremos a nosa inmersión no estilo de vida dos antigos poboadores da zona índonos agora a moitos séculos atrás. Para facelo teremos que recorrer algo máis de 30 quilómetros -50 minutos en coche- para chegar ao Castro de Santa María de Cervantes, que xa ten a consideración de Ben de Interese Cultural (BIC) desde hai varios anos. Alí coñeceremos un poboado diferente pola actividade á que se considera que estivo dedicado. Trátase dun xacemento que estivo seguramente habitado entre o ano 50 a.C. e o século segundo d.C, no que se considera o período de transición do mundo prerromano ao romano. A ausencia de construcións para o gando e a súa proximidade ao río Quindous suxírelle aos expertos considerar que a súa ocupación estivo ligada á explotación mineira desta zona dos Ancares. E, concretamente, crese que había unha importante reserva de ouro que os moradores deste poboado conseguiron extraer.

Esta visita serve para coñecer tamén un pouco como foi o proceso de romanización das tribus que habitaban Galicia cando chegaron os Romanos. Esta poboación autóctona traballou man a man cos novos conquistadores e, unha vez que a explotación non deu máis de si, abandonaron o poboado e xa na época medieval foi empregado como cemiterio a carón do templo que se ergueu dedicado a Santa María.

O noso camiño seguirá en dirección norte para dirixirnos aos concello de Navia de Suarna. A primeira parada farémola na capitalidade, A Proba, onde nos deteremos a observar especialmente a súa ponte de orixe medieval. Sorprende sempre pola súa forma moi elevada no centro para evitar as crecidas do río que lle dá nome á vila, o Navia, e que comunica as dúas beiras do núcleo urbano do concello.

Esta viaxe dun día polos concellos de Cervantes e Navia de Suarna rematarémola case como a empezamos, visitando un poboado nos lindes con Castela e León. Será unha maneira de pechar o círculo. Farémolo desprazándonos á Alzada de Pandozarco. Unha alzada, ou tamén denominada braña, é unha zona de pasto de montaña onde sube o gando, xeralmente vacas nesta zona. Adoita ter algún tipo de construción para que os pastores e o gando se poidan recoller e así protexerse da meteoroloxía ou mesmo dos lobos e non quedar á intemperie. No caso de Pandozarco, a súa alzada conta cun bo número de edificacións, a maioría de boa dimensión e en perfecto estado de conservación. Son todas de planta cuadrangular, salvo unha circular ao estilo das pallozas, e conta tamén cunha fonte.

Todos estes lugares poden ser visitados tranquilamente nun día, pero se decidides pasar máis dunha xornada entre Cervantes e Navia de Suarna, tamén é moi recomendable deterse na Proba a desfrutar do paseo sonoro pola súa historia da man do proxecto ‘Os Andares’, no que necesitaremos un teléfono móbil e auriculares. Ou tamén coñecer unha fábrica de embutidos artesanal na que vos falarán seguro da androlla, a peza principal da saborosa gastronomía naviega, ou deterse a gozar da visión do mural de Yoseba MP, que retratou con mestría a Amparo, a reposteira dos Ancares, e que forma parte da colección ‘Superavoas’, unha serie de 16 retratos de mulleres do rural galego espallados por toda Galicia.

Mentres, en Cervantes, a visita ao maxestuoso Castelo de Doiras tamén é unha fantástica opción. Sitúase a uns 700 metros de altitude dominando o río Cervantes e a súa construción está datada no século XV.

Follow us on Social Media