Blog · 14 concellos en 7 días: Baralla e Baleira

14 concellos en 7 días: Baralla e Baleira


Nesta nova viaxe imos percorrer un concello dos Ancares, concretamente Baralla, e tamén nos adentraremos na comarca da Fonsagrada a través do municipio de Baleira. En Baralla achegarémonos aos vestixios da época medieval que se conservan coñecendo dúas pontes que permiten salvar a presenza do río Neira. A primeira atoparémola na parroquia de Santiago de Covas (imaxe ao carón). Trátase dunha ponte medieval que seguramente provén dunha construción romana previa. Conta con tres arcos de granito e en tempos serviu para comunicar Baralla con Lugo.

Da ponte de Covas dirixirémonos á dos Mazos, que se compón dun único arco de medio punto con luces de 11’5 metros e unha lonxitude de 29 metros. En canto ao ancho da calzada, conta con 3’8 metros.

Outros lugares dignos de visita se botamos máis un día por Baralla teñen que ver coa súa arquitectura relixiosa e civil. Entre as primeiras aparecen as igrexas de San Miguel de Neira de Rei e a de Santa María de Pacios, pero destaca especialmente a de San Martiño de Berselos, un típico templo do románico datado entre finais do século XII e comezos do XIII. Entre as segundas, ademais das pontes, atopamos a Torre de Piñeira, levantada a finais da Idade Media. Así mesmo, destaca o pasado castrexo de Baralla, con máis de 30 xacementos arqueolóxicos desta etapa.

Proseguimos coa nosa ruta xa no concello de Baleira, onde desfrutaremos da súa impresionante natureza a través das coidadas rutas de sendeirismo que ofrece. Antes diso visitaremos o conxunto tradicional da Fontaneira, un pequeno núcleo rural moi ben conservado que conta con casas e recunchos moi interesantes como o tradicional hórreo da zona, que atopamos na mesma beira da estrada. Atravesado polo Camiño Primitivo, este poboado pode ofrecernos unha fermosa postal branca se o visitamos no inverno, xa que son habituais as nevaradas nas épocas de frío.

Posteriormente dirixirémonos á Cova dos Mouros (na imaxe de arriba), unha cavidade situada na propia aldea de Santiago de Fontaneira. Atópase a uns 870 metros de altitude e conta cunha serie de posibles pinturas prehistóricas dunha relevancia patrimonial moi importante. Ten 21’5 metros de profundidade e unha especie de forma de embude, cunha anchura de 6’60 metros e unha altura de 3’15 na zona da entrada.

Pero Baleira agocha moitos máis segredos e convídanos a coñecelos a pé ou en bicicleta, desfrutando de tres sendeiros sinalizados en plena Reserva da Biosfera do Río Eo, Oscos e Terras de Burón. Trátase das rutas da FontaneiraA Marronda e As Loras. E para facer unha pequena parada con familiares ou amigos, tamén conta con numerosas áreas recreativas nas beiras dos ríos Eo e Neira.

Que podes ler aquí?

Entradas relacionadas

maranfallos
Xeodestino

Entroiro nos Ancares: cando a identidade se agocha para celebrar en comunidade

Nalgunhas zonas dos Ancares, o entroido chámase entroiro. E non é un detalle menor. O nome fala dunha...
foto_carbon_libro
Xeodestino

Aprender da montaña: educación ambiental para viaxar de maneira responsable

Cada 26 de xaneiro celébrase o Día Mundial da Educación Ambiental, unha data que nos convida a reflexionar...
pontedosmazos
Xeodestino

Vive Ancares Terras de Burón a través das experiencias de ecoturismo

Ser un destino ecoturista non significa só conservar a natureza, senón ofrecer experiencias que permitan comprendela, sentila e...
torre-doncos-mirador
Xeodestino

Sete miradoiros que te deslumbrarán

Déixate seducir polo Xeodestino Ancares Terras de Burón gozando das panorámicas que proporcionan os impresionantes miradoiros que temos esparexidos polo noso territorio. Hoxe...