14 concellos en 7 días: A Fonsagrada e Negueira de Muñiz
A nosa viaxe por 14 concellos en 7 días, lévanos pola Fonsagrada e Negueira de Muñiz a coñecer o importante pasado que tivo o municipio fonsagradino e a beleza natural de Negueira de Muñiz, un pobo cuxa fisionomía cambiou por completo a construción do encoro de Salime a mediados do pasado século.
O paso do Camiño Primitivo e o seu pasado castrexo serán os nosos principais puntos de referencia no noso paso polo concello de A Fonsagrada. A primeira visita levaranos ata a aldea de Montouto, a uns nove quilómetros do centro urbano fonsagradino. Alí emerxen os restos dun hospital de peregrinos fundado no ano 1357 por Pedro I, rei de Castela, e que funcionou ata mediados do século pasado. Este Hospital de Montouto está en pleno Camiño Primitivo, o que fai que todo os peregrinos que apostan por esta ruta poidan achegarse a contemplar un centro que tivo unha importancia notable nos séculos pasados e que era o primeiro que se atopaban en Galicia.
A uns 15 quilómetros de Montouto atoparemos a seguinte parada da nosa ruta. Será no centro que forman a sauna castrexa e o castro de Castañoso (imaxe a carón). Rodeados dun entorno de enorme beleza, no que destaca un bosque frondoso ao carón do río Navia, aparece un castro parcialmente escavado e unha estancia descuberta recentemente que se considera que pode ser unha antiga sauna castrexa. Son unha boa mostra da importancia que tivo no pasado este territorio.
Ademais destas dúas visitas, A Fonsagrada ofrece tamén varias opcións para pasar unha animada xornada. Pódense coñecer todos os segredos da elaboración da cervexa artesá visitando o obradoiro de Cervexas A Píntega e desfrutar dun paseo a cabalo seguindo algunha das múltiples rutas que ofrece Equusfera, onde tamén se inclúen percorridos polo Camiño Francés e o Primitivo. Para finalizar o paso pola vila fonsagradina, unha visita á tenda da Asociación de Gandeiros da Fonsagrada (Asgafon) é fundamental para coñecer todos os produtos de proximidade, frescos e de máxima calidade que producen e probar algúns para recargar forzas, xa que dispoñen dun menú de semana formado por tres ou catro platos xa cociñados, e así poder seguir o camiño cara Negueira de Muñiz.
A segunda parada en Negueira de Muñiz será no Muíño de Seira, un pequeno muíño de rodicio á beira dun río tamén pequeniño, pero que entre estes dous elementos, as pedras e o bosque conforman unha paraxe moi atractiva e digna de facerlle unha visita.
Neste concello de Negueira de Muñiz ten moita importancia o encoro de Salime, que partiu en dous o mesmo cando se construíu e tamén existe a opción de facer un percorrido en barca polo mesmo e descubrir onde se atopaban as antigas poboacións que foron absorbidas polas augas a mediados do século pasado.