Blog · Torés Escapado 2025: a memoria que revive

Torés Escapado 2025: a memoria que revive

O vindeiro 9 de agosto, a pequena aldea de Torés, no concello das Nogais, volverá transformarse nun escenario de historia viva coa celebración da segunda edición do evento Torés Escapado, unha recreación histórica que mestura memoria, arte e participación veciñal.

Organizado polo Grupo de Figuración Histórica Torre de Torés, unha asociación de veciños e amigos que traballa sen ánimo de lucro, este proxecto busca poñer en valor o territorio a través da recuperación da memoria histórica local, convertendo as rúas, a praza, a igrexa ou mesmo a casa do cura nun gran escenario ao aire libre.

A loita, o mercado e a guerrilla

A representación deste ano recrea feitos inspirados na represión franquista e na acción da guerrilla antifranquista galega na comarca dos Ancares, “adaptando os episodios históricos ao espazo local de Torés”, explica Hugo, impulsor desta iniciativa.

A xornada sitúase no 9 de agosto de 1945. A guerrilla —representada por personaxes como Manuel Zapico ou Guillermo Moral— infiltrarase no mercado e axustizará ao xefe de zona “Firme Pérez”, representando un episodio de xustiza popular.

Durante a acción, haberá tamén un discurso simbólico do comandante Antonio, que será confrontado polo alcalde e o cura local. Pola tarde, continuará a representación co enfrontamento e captura dun grupo de guerrilleiros nunha estrada da Fonsagrada, tras un falso enlace. A acción rematará coa súa liberación e o fusilamento simbólico dun sarxento da Garda Civil, todo nun contexto dramatizado e con valor histórico e pedagóxico.

Un evento colectivo, sen escenografía… porque o escenario é real

Máis de 200 persoas participarán na xornada, que inclúe tamén caracterizacións ambientadas nos anos 40, un mercado de libros e artesanía, comida popular e verbena nocturna, “para sacar os nervios do día”, explica entre risas Hugo. Os organizadores insisten en que isto non é unha obra ao uso: é unha experiencia de participación colectiva que convida a vivir, sentir e facer historia.

A implicación veciñal é total, e iso fai que Torés Escapado sexa moito máis que unha recreación. É unha maneira de conservar a memoria, dinamizar o territorio e reforzar o orgullo de aldea, nun contexto de ruralidade viva e comprometida coa súa historia.

Que podes ler aquí?

Entradas relacionadas

maranfallos
Xeodestino

Entroiro nos Ancares: cando a identidade se agocha para celebrar en comunidade

Nalgunhas zonas dos Ancares, o entroido chámase entroiro. E non é un detalle menor. O nome fala dunha...
foto_carbon_libro
Xeodestino

Aprender da montaña: educación ambiental para viaxar de maneira responsable

Cada 26 de xaneiro celébrase o Día Mundial da Educación Ambiental, unha data que nos convida a reflexionar...
pontedosmazos
Xeodestino

Vive Ancares Terras de Burón a través das experiencias de ecoturismo

Ser un destino ecoturista non significa só conservar a natureza, senón ofrecer experiencias que permitan comprendela, sentila e...
torre-doncos-mirador
Xeodestino

Sete miradoiros que te deslumbrarán

Déixate seducir polo Xeodestino Ancares Terras de Burón gozando das panorámicas que proporcionan os impresionantes miradoiros que temos esparexidos polo noso territorio. Hoxe...