Blog · Os Ancares, protagonistas de La Vuelta 2024

Os Ancares, protagonistas de La Vuelta 2024

Os Ancares volverán ser no ano 2024 un dos grandes protagonistas de La Vuelta a España, xa que serán escenario dunha das etapas raíñas da vindeira edición. A serpe multicor chegará á provincia de Lugo o venres 30 de agosto e gran parte da décimo terceira tirada desta competición discorrerá polas estradas do noso Xeodestinorematando por terceira vez nos últimos 12 anos no Porto de Ancares.

La Vuelta a España é unha das tres grandes voltas por etapas de tres semanas. Xunto co Tour de Francia e o Giro de Italia, a carreira española é polo tanto unha das carreiras ciclistas máis importantes e máis seguidas no mundo, o que supón un escaparate fantástico para ofrecer os encantos paisaxísticos e naturais que ten o Xeodestino Ancares Terras de Burón, ademais de chegar a moitos potenciais amantes do turismo de bicicleta, un sector que non deixa de medrar nos últimos tempos.

O percorrido

decimoterceira etapa, que contará con 171 quilómetros, arrincará en Lugo e entrará no noso territorio a través de Baralla. No seu primeiro contacto cos Ancares, os ciclistas terán que subir o Alto do Campo de Árbore (803 metros, 3ª categoría) para logo baixar a Becerreá, dirixirse ás Pontes de Gatín (imaxe da dereita) e subir posteriormente o Alto do Portelo (1.068 metros, 2ª categoría), xa no veciño concello de Cervantes. Desde aí collerán dirección ao Bierzo, pasando por Villafranca e Ponferrada e regresando cara Galicia para comezar a subida ao Porto de Ancares (1.670 metros, 1ª categoría) desde Tejedo de Ancares (Candín). Nesta ocasión a organización apostou pola vertente leonesa e non pola de Pan do Zarco, como ocorrera nos anos 2012 e 2014. De todos os xeitos, a meta si estará en territorio galego, xa que o cumio do Porto de Ancares pertence ao concello de Navia de Suarna.

A valoración dos expertos

Considerada como unha etapa montañosa, todos os expertos lle outorgan unha importancia notable a esta tirada, xa que chegará dentro da segunda metade da competición e os ciclistas levarán xa case dúas semanas de competición nas pernas. Ademais, o continúo sube e baixa constante característico das estradas galegas e bercianas sempre provoca que os corredores non terán apenas descanso durante os 171 quilómetros. Por todas estas razóns, apuntan a que pode ser decisiva para a clasificación xeral. De feito, o laureado ex ciclista Fernando Escartín, que analiza todo o percorrido do 2024 para Unipublic, a organizadora de La Vuelta, destaca que o de Ancares será “un final muy importante para los hombres de la general” e agarda que se forme unha fuga na primeira parte da etapa, cando esta transite por primeira vez polos Ancares.

Un pouco de historia

Esta é a cuarta ocasión na que La Vuelta a España aposta pola Montaña Luguesa nesta última década e media. Apareceu por primeira vez no 2011, cando o Porto de Ancares foi lugar de paso dunha etapa entre Sarria e Ponferrada. Un ano máis tarde, no 2012, convertíase por primeira vez en final de etapa. Concretamente fora na décimo cuarta tirada, con final na Cruz de Cespedosa, a 2’6 quilómetros do cumio do porto, e subindo por primeira vez por Pan do Zarco. Nesa ocasión impuxerase o ciclista catalán Joaquim, ‘Purito’, Rodríguez nun envite fantástico co madrileño Alberto Contador e o británico Chris Froome.

Repetiría esta vertente das catro existentes (Piornedo, Balouta, Tejedo e Pan do Zarco) dous anos máis tarde, o 13 de setembro do 2014, sendo desta volta na vixésima etapa e redimíndose Contador, que se impoñía (na imaxen da dereita entrando na meta) nos dous últimos quilómetros de ascenso a Froome e certificaba o seu triunfo na xeral.

A cara pola que subirán nesta ocasión é algo máis curta, pero achégase en dureza á que ten como comezo das principais rampas do porto a zona de Pan do Zarco. A subida pola parte leonesa conta con 7’7 quilómetros de ascensión cunha pendente media do 9% e costas que chegan ao 15% de desnivel. O treito máis duro concéntrase nos últimos 5.000 metros, onde a media do desnivel ascende ao 12%, o que pon a súa esixencia case á altura do inicio en Pan do Zarco.

Que podes ler aquí?

Entradas relacionadas

WhatsApp-Image-2025-08-08-at-12.17.16-scaled
Xeodestino

Torés Escapado 2025: a memoria que revive

O vindeiro 9 de agosto, a pequena aldea de Torés, no concello das Nogais, volverá transformarse nun escenario...
Cabanas_de_Ancares3
Xeodestino

6 empresas da Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses que teñen certificado de ecoturismo

A Casa do Bico, Naviaventours, a Casa O’ Crego, Las Cabañas de Ancares, o Hotel Piornedo e Equusquera son as seis empresas que ofrecen os seus...
Eo-Xunta
Xeodestino

4 empresas da Reserva Río Eo, Oscos e Terras de Burón con certificado de ecoturismo

A Tirolina da Mina (A Pontenova), Sons do Eo Apartamentos Turísticos (Baleira), a Casona de Labrada (A Pontenova)...
foto-grupo
Xeodestino

A 1ª Andaina Xubileo Ancares celebrouse entre San Pedro de Tortes e San Pedro de Cadoalla

A 1ª Andaina Xubileo Ancares, celebrada o pasado domingo 9 de febreiro, foi un auténtico éxito de participación e ambiente. Ducias...